Santo Antonio, acusador dos poderosos - 13/06/2016
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Se dicimos Fernando de Bulhões poucos saberán que nos referimos ao verdadeiro nome de Santo Antonio de Lisboa ou de Padua. Na primeira destas san antoniocidades naceu en 1195 e na segunda faleceu en 1231. Fillo dun militar da nobreza real, natural da diocese de Tui da parte portuguesa. De curta idade ingresou na Orde de S. Agostiño de Lisboa, sendo transferido aos cóengos da mesma orde a Santa Cruz de Coimbra, na que se ilustrou en canónica e teoloxía. A orde agostiña desfrutaba de grandes poderes, privilexios e benestares, mentres nunha das montañas do extraradio de Coimbra, en Santo Antão dos Olivais,vivía un reducido número de ermitáns, seguidores de Santo Antón abade, que facían voto de pobreza e ían pedir os sobrantes de comida ao impetuoso mosteiro dos agostiños de Coimbra.

Isto desvelou certa preocupación en Fernando de Bulhões (futuro Santo Antonio de Padua ou de Lisboa), de ollar unha Igrexa de pobres e ricos. En certa ocasión visitou aos pobres ermitáns e meditou como durmían nunha esteira sobre a terra, e cubríanse con sacos; mentres os agostiños tiñan amplos e hixiénicos departamentos con espléndidos colchóns, adegas e despensas repletas de víveres.
Estas riquezas fixeron meditar a Santo Antonio sobre a desigualdade que practicaba a comunidade chamada cristiá, provocando un radical desafecto coas riquezas da Igrexa, saíndo da orde agostiña para entrar na franciscana, defensora dos pobres.

Santo Antonio de Pádua, con San Francisco de Asís e Xoaquín de Fiore, son os grandes vultos da mística redentorista do século XIII, os que romperon con aquela igrexa anquilosada nos vellos preceptos medievalistas, tan suxeita aos códigos feudais mais retrógrados que a xerarquía católica practicaba. Basta ler as biografías dos papas Inocencio III e Bonifacio VIII para comprender o totalitarismo da Igrexa do referido século, e as imperfeccións dun catolicismo que distaba moito do cristianismo evanxélico. Estas tres figuras persistiron nas fontes do cristianismo e, sobre todo, na defensa dos pobres e non na rancia política dos xerarcas pontificios, imitadores das contendas mundanas e dos sátrapas daquel tempo. E neste apartado, o mais frontal e intelectual dos tres foi Santo Antonio. A súa sabedoría,en tantas artes sagradas, que aprendeu nos ambientes agostiños de Coimbra, a puxo ao servicio da orde franciscana. Despois de percorrer Francia e Italia, asentouse en Padua,centro de acción sermonística dos frades menores franciscanos. Sen os sermóns de Santo Antonio dificilmente podemos entender o século XIII e varios problemas polos que pasaba a Igrexa. Polos cales dámonos conta da ampla e fonda cultura que el tiña, nos canons e nas ciencias clásica e sagradas. Quen lea seus longos sermóns darase conta da espesa ciencia que acumulou este chamado santo portugués.

Co gallo do octavo centenario do seu nacemento (1995), celebrouse en Portugal un extraordinario congreso itinerante (Porto, Coimbra e Lisboa) patrocinado pola Universidade Católica de Lisboa. Servidor foi convidade a ler dous relatorios, titulados: “Antropoloxía e devoción popular antoniana na Galiza” e “Interpretacións simbólicas no bestiario de Santo Antonio”. Un suculento congreso na que se xuntaron os maiores especialistas da obra deste místico franciscano. Portugueses, italianos, franceses e alemáns, por citar os de maior presencia na investigación dos sermóns antonianos. Nese congreso, que durou unha semana, coñecín a Henrique Pinto Rema, O. F. M., (coñecido por Padre Rema) o maior tradutor da sermonística de Santo Antonio ao portugués, que me ofreceu e dedicou os dous volumes de sermóns e que utilizo frecuentemente nos meus traballos de semiótica, na simboloxía do románico.

En español non abundan publicaciónsda súa prédica, algún que outro sermón. Na Galiza hai un descoñecemento sobre a verdadeira personalidade mística e intelectual de Santo Antonio. Nun país no que en raras igrexas non falta unha imaxe súa, non deixa de ser unha figura reducionista, caricata que só se fala de seus milagres cos animais, co namoro das parellas e co responsorio. Polo demais é unha personalidade ignorada e seus sermóns exentos de comentario na predica das igrexas. Hoxe trece de xuño, día dedicado á súa santidade, festexado en multitude de parroquias galegas, poucos párrocos falarán da verdadeira figura de Santo Antonio, no sentido mais ampla de ser un home comprometido coa sociedade mais pobre e discriminada, ben por que o ignoran ou porque os seus sermóns son difíciles de dixerir nunha Igrexa que lle interesa silenciar as verdades ditas por Santo Antonio. Despois de case oitocentos anos do seu pasamento os seus sermóns teñen vixencia e incidencia nos problemas actuais. O papa Francisco o sabe e o reivindica.

Nos tempos que corren e nas dificultades de explotación que soportan os mais pobres e débiles, compre lembrar algúns matices da súa sermonística. No sermón do 9º domingo despois de Pentecostes, Sinala: “Os ricos deste mundo, que ajuntam com fraudes as riquezas da iniquidade e da desigualdade , não têm nenhuns amigos mais vizinhos (se bem o pensassem) do que os pobres”. No 2º domingo de Advento, prosigue: “O povo despedaçado é o povo dos avarentos e dos usurários. Assim como as aves e as bestas dilaceram o cadáver. (...) O sangue dos pobres e frio, tal como também a sua fazenda. A pobreza e a nudez não permitem aquecê-los, mas quando o calor da necesidade aperta, então invadem, emprestam, para lhes sugar o sangue”.

Noutra dirección ben paralela, acusa aos dirixentes daquela Igrexa fría, como nos amosa no 12º domingo despois de Pentecostes, onde di: “Jesus Cristo, hoje é vendido por negociantes Arcebispos e Bispos e demais prelados da Igreja. Correm por aqui e por acolá, compram vendem e revendem a verdade con mentiras e oprimem a justiça com simonias”. Con esta sermonística notamos que Santo Antonio é moi actual ou ben, a Igrexa de hoxe é ben retrógrada. Prosigue o sermón: “Os bufarinheiros são os abades e priores hipócritas e os falsos religiosos, que vendem pelo dinheiro do louvor humano sob pretexto de religião, na praça da vaidade mundana, as falsas mercadorias da santidade alheia”.

Sobre o sacerdote perverso e ignorante, lanza a seguinte pauliña, no 4º domingo despois de Pentecostes: “As sentinelas da Igreja são todas cegas, privadas da luz da vida e da ciência; são cães mudos que tem na boca a rãzunha do diabo e por isso não conseguem ladrar contra o lobo. Vêem coisas vãs, porque pregam por dinheiro, procurando a contrição das almas, dizendo con ignomínias: Paz, paz; e não há paz. São cães sem vergonha alguma, porque possuem semblante de meretriz e por isso não querem envergonhar-se. Ignoram a saciedade, dizendo sempre: Mais, mais, e nunca basta. Estes pastores que se apascentam a si mesmos desconhecem a inteligência, da qual escreve o Profeta: Procurai conhecer o caminho da perfeição”.

Santo Antonio foi un home do seu tempo e alén do mesmo; tamén do de hoxe, que non usurpou a súa sinceridade e a súa defensa cos humildes. Agora entendo porque a súa palabra foi encuberta por outros estereotipos que lle colgaron para que ignoremos as súas denuncias. Para descubrir ao verdadeiro Santo Antonio de Padua precisamos de ir ás fontes da súa prédica e veremos nel a imaxe do Nazareno e a súa mensaxe liberadora. Neste seu día, a miña homenaxe.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras