Xosé Lois García, dende a União dos Escritores de Angola, para Isaac Díaz Pardo - 13/02/2021


libros isaac diaz

 Libros publicados dende Ediciós do Castro

Un dos autores máis prolíficos do panorama nacional galego é Xosé Lois García. Das terras de Merlán (Chantada) conta no seu haber con preto de 140 obras literarias, escritas en galego, portugués (nas súas variantes angolana, brasileira e portuguesa), catalán e castelán. Aínda que licenciado en historia pola Universitat de Barcelona, foi obreiro metalúrxico da SEAT na mesma cidade condal. Condenado pola defensa colectiva dos dereitos laborais e en contra da ditadura, a Generalitat recoñeceulle publicamente a loita pola democracia. Lembremos que fora un dos fundadores de IDGA (Irmandade Democrática Galega) e que encabezou a loita antifranquista das persoas galegas residentes en Barcelona.
Algunhas das súas obras literarias foron publicadas polo goberno de Cuba, outras polo União dos Escritores de Angola, entidade da que forma parte e en cuxa sede oficial, na cidade de Luanda, existe (mercé da bonhomía de Xosé Lois García) unha boa biblioteca de literatura galega, ademais de existir unha que leva o seu nome na Universidade Estadual Centro-Oeste, no estado do Paraná (Brasil). Boa parte da produción cultural e política que elaborou ao longo da súa vida ten que ver coa literatura dos PALOP (Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa), se ben existen biografías sobre Manuel María e Uxío Novoneyra (os seus íntimos amigos), Castelao... Alén obras infantís e xuvenís, aborda case todos os eidos literarios: ensaios (históricos, artísticos, biografías, análises política), poesía, teatro, narrativa, tradución...

E este persoeiro destacadísimo das nosas letras gustou, asemade, de participar co Alento Esbravexo para conmemorar o centenario de Isaac Díaz Pardo. Faino cos versos que aquí reproducimos, polo que é de agradecer a súa xenerosidade. Beizóns, Saúde e Terra!!

Isaac Díaz Pardo, conmemorando o seu centenario
Tiñas un xeito de dar e ter

nas túas árbores floridas
e nos silencios que cultivabas.
No ardor do sangue confinado
de tantos xestos repudiados
cando a lutuosa corrixía
texturas dactilográficas,
nas orxías da guerra opresora
tombando o voo nocturno sobre ti,
apreixando a lección da morte,
visualizada en cunetas e carballeiras
onde o teu pai foi asasinado.
Mais continúa sendo e estando
como menhir en tempo presente.
O medo e o pasmo instalados,
non puideron neutralizar o teu pincel,
nin o tinteiro que reconstruíu palabras
na inercia de teu feudo de liberdade.
Isaac Días Pardo,
mastro de albores erguidos,
no clamor amado de Galiza,
de ver o mundo nela, amándoa,
librándoa de noxentas e crúas esporas.
Nos trasfegos da vida, no teu estar,
coidaches de tumultuosos “cacharriños”,
tan lanzais como cabalos pletóricos,
no barro das benquerenzas,
translucindo candor da terra e da fala.
Isaac Díaz Pardo,
nunca fuches árbore cernada,
non o consentiches nin o imploraches.
As remotas raíces non permitiron
música sen tambor, nin sitial sen clamor.
Nos díxitos de Compostela ficas.
Na Barcelona dos silencios de outrora
berraches: “Sant Jordi, toca ferro!”
Na Arxentina, do refuxio e do exilio,
estiveches reconstruíndo nova Galiza.
Ensimesmado no tacto das figuras,
de acuarelas e óleos, a Matria a medrar,
indo aos poucos como mao de cego
atinando co prodixio da Galiza liberada.
As formas de Sargalelos no vagantío
desvelan clamor en ollos ben dispostos
para erixir palabras saídas do tinteiro,
da cromática paleta e de teu éxtase.
Grazas, Isaac Díaz Pardo
por introducir o libro galego,
con delicada ledicia memorial,
para mastigalos aos poucos con tenrura.
Grazas, por permitirnos esta viaxe
pola dignidade de teus cen anos.
Polo teu legado artístico e verbal:
linguaxe precoz e popular
dos teus falantes “cacharriños”.

Xosé Lois García
(Merlán - agosto de 2020) -- Isaac Díaz Pardo, conmemorando o seu centenario

 



Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar