Os problemas da vivenda 25/06/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

A universalidade dos problemas da vivenda, vén dun longo e lonxincuo percorrido, que o propio Frederic Engels manifestou o 3 de xullo de 1872 no xornal “Volsksstaat”, en cinco entregas que utilizou para o seu libro: “Contribución ao problema da vivenda”. Esta data colócanos mesmo nos acontecementos da Comuna de París, onde os debates revolucionarios, por parte da clase traballadora, facían referencia a unha gama de problemáticas, entre elas estaba a vivenda. A especulación do solo nas grande cidades, creouse un espazo ficticio, de circunstancias, para albergar a centos de miles de obreiros, o que hoxe chamamos cidades dormitorio. Isto confirma que o problema actual da vivenda non é nada novo. Nese período histórico e revolucionario do século XIX, había tres interpretacións enfrontadas sobre esta problemática: a marxista, liderada por Frederic Engels, a anarquista de Proudhon e a burguesa do austríaco Emil Sax. Proudhon propoñía que os obreiros inquilinos convertéranse en censatarios e que o prezo do aluguer anual servira como parte de pago do valor do hábitat e á larga o inquilino convertérase en propietario; proposta de Sax radicaba que a economía social debía resolverse desde a economía estatal, aplicada a cuestións sociais; as teses de Engels tiñan outro dirección cando encaraba os intereses e a emancipación do proletariado fronte ás especulacións interesadas da burguesía dominante, amparada polo poder capitalista. Cuxa correspondencia actual serían os chamados “novos ricos”, confortando degradantes consorcios do pelotazo.

Engels, na súa “Contribución ao problema da vivenda”, resalta metodicamente unha análise pragmática que el elaborou partindo de diversos espazos do hábitat proletario planificados por intereses burgueses e amparados polo Estado capitalista. Así resaltou Engels o problema da marxinación dos traballadores: “Un grande exército de reserva de obreiros desocupados fica na rúa, acumulando grandes masas de obreiros sen traballo; onde os traballadores amontóanse nas grandes cidades e de feito moito mais de presa do que se edifica para eles, de sorte que poden atopar arrendatarios que dispoñen de infectos cortellos e que a lei os ampara a esixir sen consideración o aluguer mais elevado”.

Engels encara o problema da vivenda como un dos elementos mais destacados da desproporcionada especulación e opresión social que leva a tantos construtores a concibir vivendas en suburbios e guetos onde a clase traballadora carece de servicios de transporte, de ensino e cultura que sexa capaz de integralos racionalmente nunha xusta posición que a emancipe. Se damos unha virada de ollo aos barrios que circundan unha grande cidade, os chamados cintos industriais, ou se esculcamos os medios de comunicación, comprensiblemente, estaremos albiscando os problemas da vivenda do século XIX, os que Engels menciona no seu libro, con referencias que ilustran notablemente as circunstancias da problemática da vivenda no actual século XXI. Dado que as carencias da vivenda avivan esa especulación, capaz de converterse en monstro e en mafia de feroz catadura, tan incrustada nos ambientes políticos como pode ser no que acontece en diversos concellos que teñen relación directa co tema da especulación do solo, entre outros desaguisados.

Lembremos o caso “Malaia” e a tantos outros da mesma natureza que precipitaron outros destapes urbanísticos especulativos, como os de Nigrán (Pontevedra) e de Barreiro (Lugo). Só por citar dous referentes do que ten acontecido na Galiza, que veñen a sumarse a tantos outros acontecidos no Estado español. Sen dúbida, as deficiencias da vivenda para certa clase social, non deixa de ser un problema de Estado. Unha fisura constitucional que ten que ser tratado con urxencia dado que o tema de igualdade, de dereitos individuais e de xustiza social é totalmente ignorado. Un problema asfixiante para as clases menos abastecidas socialmente. Todos sabemos que a especulación e as mafias sobre o solo, semellan a un polbo cuxos tentáculos e ventosas teñen un poder asoballador no círculo en que predominan. Neste caso, como dicía Lumumba: “Ao polbo opresivo hai que descabezalo”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270