A data e o dato 23/07/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Estamos na data e moi pendentes do concluínte dato do resultado electoral no día de hoxe. A data, como antecedente, xa é histórica coma todas elas na que se elixe a un presidente de goberno. Mesmo, cando prodúcese una mudanza na nomenclatura que marca unha innovada andaina, tanto para o partido ou coalición que recunque mandato, ou para os que comezan de cero, coa ambición de modular un novo ordenamento político que beneficie os intereses que marca a súa ideoloxía, en función dos grandes trusts de corrupción. O dato aritmético, na dialéctica de loita de clases, vai conmover tanto ao que gane como o que perda as eleccións. De diferente xeito e orde, a data será escrita en letras de molde e de cor áureo, polos que puxan ao cénit da exaltación co frenesí das ambicións. Os perdedores a contrastar datos para evitar a autocrítica tan necesaria nas contundencias que marca un acto político e popular desta traxectoria electoral.

O tour de despegue que escenifican descualificados políticos de dereitas, ben enredados en críticas negativas e abandeiradas por ditames extravagantes, modalidades mentireiras e contraditorias. Confirmando o clásico e abastecido discurso repleto de verborreas, insultos e de insinuacións esquizofrénicas que descolocan a un público demasiado desordenado polo dirixismo mediático e por esas interferencias tan crueis e sistemáticas, propagadoras de enganos, argucias e calotes que nos meten eses medios, tan ofensivos e atentatorios que protexen o escurantismo e a falsidade, para impedir que se impoña a cordura nunha situación tan agresiva e con tantas anomalías sociais e políticas que contemplamos no Estado Español. A data de hoxe pode ser moi importante para desautorizar os descréditos difundidos pola dereita máis cavernícola contra os adversarios políticos da esquerda e contra constatadas realidades. As críticas improcedentes e cargadas de negacionismo que durante a campaña despregaron descargas de odio, engano e a enorme mentira, pode que se convertan no gran revulsivo contra os que usaron tanta ignominia. Algo que nos poda esclarecer o dato numérico de hoxe.
Conmemorar a patria galega

Mais a data que nos depara en clave patriótica é o 25 de xullo, Día da Patria Galega,que celebraremos dentro de dous días. Día persuasivo en tantas direccións, para memorizar a épica da resistencia dunha nación que sempre quixo lembrar e conmemorar os seus aconteceres históricos; extraordinariamente sensíbeis no que nos remite ao herdo de tantas manifestacións do pasado que mobilizan a nosa dignidade defensiva, para visibilizar os nosos atributos máis contundentes como é o idioma e a cultura, tan agredidos por forzas colonizadoras que atentan, continuamente, contra estas expresións nas que procesamos a distinción de ser galegos. Non dunha maneira artificial, senón resistindo a suculentas agresións conspirativas, ben tramadas e nada residuais no que respecta aniquilar a idiosincrasia dun pobo que cultiva a súa cultura e as súas tradicións. Pese as forzas que operan desde fora en combinación opresiva, dunha maneira extraordinaria, cos que ostentan o poder e o dominio de múltiples institucións centralizadoras e ben equipadas na destrución de todo aquilo que represente a nosa identidade. Estamos ante unha data de extensa celebración patriótica que nos conduce a unha mudanza de innovadas actitudes, capaz de derrubar barreiras e preconceptos sobre unha Galiza que aínda non é libre nin é nosa, en dereitos, liberdades e independencia.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270