'Epilepsia do planeta' de João Maimona 06/08/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O poeta angolano João Maimona (1955) forma parte (en destaque) da xeración dos novísimos da poesía angolana de finais do século XX, que aportou co seu libro poético Epilepsia do Planeta, que forma parte do título xenérico: Festa de Monarquía. Con este libro, irrompe de novo na poesía angolana posicionándose por enriba, felizmente, deses excesos e desas carencias na que incorreran varios poetas ancorados no pasado sen abrir referencias de futuro.

Digamos que Maimona tivo esa preocupación de non esquivar parámetros de innovación vangardista e isto verifícase nos seus primeiros libros publicados nos anos oitenta e noventa. Sabendo tecer e crear ese seu universo poético tan personalizado en varios e dinámicos contidos que agora resultan ser de grande interese para nós, tanto no que se refire á calidade como a facilidade expresiva que se contempla nesa obstinada e progresiva construción da memoria colectiva africana.

Unha primeira e atenta lectura de Epilepsia do Planeta lévanos a interiorizarnos desde o primeiro poema: “Os três incêndios”, na destrución e desequilibrio que sofre o noso planeta. Estamos ante unha poética que tenta predicir unha desfeita apocalíptica xeneralizada, tomando como referencia os incendios de destrución masiva que soporta o cosmos, aínda que en sentido figurado o poeta lévanos a valorar o esplendor e a fertilidade das florestas africanas que dan o seu brillo de sustentabilidade neses horizontes en mudanza tráxica.

Neste libro hai unha chamada de atención para restaurar o tempo dos resplandores das cousas necesarias, que marcan a cultura e a psicoloxía memorial dos africanos. Epilepsia do Planeta invoca e suscita volver ao conforto da grande festa das nocturnas batucadas, de danzantes pés mergullados no son das fogueiras africanas, renovando o crepúsculo do sol inmenso e venerado no sincretismo da memoria de África.

A mobilidade simbólica dos poemas deste poemario exhibe un xénero atípico na poesía angolana máis actual, a excepción de algúns poetas máis. Todas esas mudanzas na actitude de Maimona representan un conforto das formas máis tradicionais e miméticas da poesía angolana na que se impoñen novas suxerencias que aporta este poeta. E isto supón, alén da súa singularidade, un referente apoteótico na procura de novos recursos poéticos que marcaron un antes e un despois nas propostas poéticas da “Geração dos Novíssimos”, inicialmente marcadas en Epilepsia do Planeta.

A terra maltratada, posuída e reivindicada neste libro, configura os perfís de un misterio cuxas claves están reservadas para quen indague e interiorícese nestes poemas. Maimona manifesta as vivencias e as convivencias coas persoas e coas paisaxes telúricas, en diversas fases existenciais que proclaman a grandeza medioambiental. Mais esa consubstanciación está referenciada nos poemas que fan mención a varios treitos telúricos nos que reverdece a África adulta e milenaria, perturbada nesas devastadoras epilepsias que soporta o noso planeta. Con estes versos, João Maimona promove unha especie de manifesto poético no que intenta recuperar os pasos perdidos desa África que impregnou ao poeta de imaxes insubstituíbeis e capaces de confirmar a súa capacidade para dicir que o noso planeta está por todo lado doente e que o ser humano precisa de saír das súas cavernas e desandar as maledicencias da natureza mal tratada, antes que ela nos devore por non tela rescatado.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270