NO PAÍS DA MORNA (I) 20/08/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Con dirección a Cabo Verde, xa no século pasado, o boing ascendía por enriba daqueles fiaños de neboeiro que cubrían Lisboa. Pronto divisamos o algarvío Cabo de Sagres, esa Fisterra case mediterránea, penetrando no bravo océano. De súpeto veume ao pensamento o infante D. Henrique, que desde este lugar abriu as rutas marítimas dos descubrimentos e do colonialismo portugués, coincidindo coa etapa moderna europea e coa súa expansión mercantil. Mentres o avión ía sobre o Mare Tenebrorum eu lembraba as correrías marítimas de Vasco da Gama, de Noronha, de Paulo Dias de Novais, de Afonso de Albuquerque, de Mendes Pinto e do noso Xoán de Novoa -para os portugueses João da Nova-, que neste mar desobedeceu ao propio Albuquerque e arrastrouno polas súas longas barbas na popa do navío. Pensei en Camões, cruzando ese longo océano, cando foi desterrado á illa de Mozambique e a Goa. Lembreime da mágoa e sufrimento daqueles escravos enclaustrados nos barcos negreiros que ían cara o Brasil e as Antillas, a labrar terras e soportar chicotadas dos brancos imperiosos e sanguinarios. En fin..., a nave aérea ía mesmo sobre os ronseis marítimos, por onde os colonizadores europeos ían a África e Asia, a impor o seu credo e seu “progreso” de rapina a unha civilización que chamaban bárbara e incivil.

Despois de catro horas de voo aterramos na illa do Sal, ollando eses dous montículos volcánicos con dous cráteres polo que espallaron a súa lava, conformando esa desértica e graciosa chaira insular, na que se acomoda o aeroporto internacional Amílcar Cabral. Outro avión de menor potencia e capacidade levounos á illa de Santiago, mesmo a Praia, capital do arquipélago de Cabo Verde, recobrando a conversa coa poeta mozambicana, Noémia de Sousa, que iniciamos no aeroporto da Portela de Lisboa, sobre a poesía da Negritude, de Craveirinha e de Senghor, que foi interrompida porque Noémia gustaba de fumar e decidiu ir ao lugar dos fumadores.

A longa espera para desprazarnos a Praia, permitiunos o primeiro contacto cos caboverdianos. Persoas de enorme xentileza, sorridentes e musicais, maioritariamente mestizos. A Noémia de Sousa sempre tenra, maternal e boa conselleira levounos a degustar cachupa, o prato nacional de Cabo Verde, aos escritores sãotomenses, portugueses, brasileiros e a este galego, nun restaurante ben arranxado para degustar desa suculenta culinaria de peixe que condimentan na illa do Sal. Nesta illa lembrei certos poemas do poeta caboverdiano, Jorge Barbosa, que escribiu nesta illa cando ocupaba un posto de dirección na alfándega do aeroporto internacional. Logo partimos para Praia, só tres cuartos de hora de voo sobrevoando as illas de Boavista e Maio. Ao lado de Noémia e de min ía unha señora que non soportaba as vibración do pequeno avión. Nin con santiguacións nin con rezos, tampouco coas palabras cariñosas de Noémia, conseguiu calmarse. Nunha desas alteracións, díxenlle que remataba de falar con Deus e que me dera garantías de que nada malo ía acontecer. A señora, olloume asombrada e colleume a mao e rompeu nunha forte gargallada, exclamando: “Obrigadinho, não sabia que o senhor fosse feiticeiro!”

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270