Inventario epistolar de intelectuais galegos con Teixeira de Pascoaes 01/10/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

“Teixeira de Pascoaes non está soamente dentro dos lindes da cultura portuguesa, tamén é noso”. Así o reivindicou Vicente Risco. O sentimento que tiña Pascoaes pola Galiza, maniféstase en boa parte dos seus escritos e, sobre todo, pola amizade que mantiña, en grande parte, con escritores e intelectuais da “Xeración Nós”. Aínda que nunca estivo na Galiza, encontramos a unha serie de persoeiros galegos que mantiveron correspondencia con el, e ouros desfilaron polo seu pazo de Pascoaes. A amizade de Teixeira de Pascoaes con protagonistas da cultura galega daquela época faixe patente coa visita que realizou o poeta Antonio Noriega Varela, que se lembra nunha placa que se atopa na fonte dos Golfiños, dentro do pazo e datada en 1923. Daquela visita de Noriega, acompañado da súa filla Candidiña, aínda perduran dúas anécdotas sobre os dous poetas que me contou a sobriña de Pascoaes, Zezinha. O poeta brañego considerándose bo bebedor do viño de Gatão, da colleita de Pascoaes, puxo en garda á súa filla: “Se a media tarde non estou de pé trata de acordarme para non ficar mal co poeta”. Naquela visita -segundo a Zezinha- Pascoes dedicoulle unha lectura de poemas a Noriega e de súpeto percibiuse que o galego ficou durmido e acordouno, dicíndolle: “O senhor gosta mais do meu vinho que de meus poemas”. “Desculpe meu caro poeta -respondeu Noriega- non hai en Portugal un confesor capaz de perdoar este grave pecado de descortesía”.

Nunha visita de traballo á Biblioteca Nacional de Lisboa, atopei o chamado “Espolio de Teixeira de Pascoaes”.Trata do inventario da súa correspondencia, efectuado pola súa sobriña Dona Maria João Teixeira de Vasconcelos, que abarca o período de 1896-1952. Sumando a cantidade de 4544 cartas. 151 corresponden a 32 galegos que mantiveron relacións co escritor portugués. De toas estas cartas, só se teñen publicado, as de Castelao e as de Álvaro Cebreiro.

Velaquí a nómina epistolar dos galegos que mantiveron relacións escritas con Teixeira de Pascoes: Francisco Luís Bernárdez, 19 cartas escritas entre 1919-1925, datadas nas localidades de Dacón, Castro de Ouro e Vigo, con poesías de F. L. B., con un “Glosario Valleinclanesco”, firmado por R. Fernández Mato. Roberto Blanco Torres, 4 cartas de 1921-1928, Vigo. Xavier Bóveda, 6 cartas, 1920-1929. Ramón Cabanillas, 1 carta, 1920, Porriño. Eugenio Carballo, 1 carta, 1921, Barcelona. Carballo González, 3 cartas, 1932, Buenos Aires. Julio J. Casal, 3 cartas, 1920-1921, Ourense; con recibo de “A Nosa Terra”. Álvaro Cebreiro, 23 cartas, 1920-1931, A Coruña, Vilagarcía de Arousa; fragmento dun catálogo, 1 tarxeta de visita, 2 recortes con debuxos e 4 fotografías. Álvaro María de las Casas, 7 cartas, 1921-1929, Madrid, Monção, Porto. Enrique Díez-Canedo, 3 cartas, 1916-1923, Madrid. Ramón Fernández Mato, 1 carta, 1923, Vigo; cunha noticia de “El Pueblo Gallego”. Roberto González Pastoriza, 1 carta, 1941, Vigo. Aquilino Iglesia Alvariño, 9 cartas, 1939-1950, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo e Abadín; con 8 poemas: “Nénia: finamento e natal de dous poetas namorados”; “Panxoliñas de Mogano e Aninovo Feliz” (1950). Francisco Leal Insua, 3 cartas, 1934-1935, Viveiro, con varios poemas. Johan Lois Ramos, 1 carta sen data, Ourense; con propaganda do Partido Galeguista. Ramón Martínez López, 11 cartas, 1934-1954, Vilagarcía de Arousa, Moledo, Porto; cunha tarxeta de visita de Ricardo Molinari. Alfonso V. Monjardín, 1 carta, 1921, Ourense, selado pola Mocedá Galeguista. Eugenio Montes, 2 cartas, 1923-1924, Monção, Vigo. Antonio Noriega Varela, 13 cartas, 1921-1924, Trasalba Ourense; engade o poema: “Cousa bonita” e dous sonetos. Valentín Paz Andrade, 4 cartas, 1923-1926, Vigo. Felipe Pedreira Deibe, 3 cartas, 1922, Ourense. Francisco Ponte y Blanco, 1 carta, 1951, A Coruña; cunha nota do Presidente da Real Academia Galega. Vicente M. Risco y Agüero, 16 cartas, 1918-1927, Ourense, A Coruña, Castro Caldelas; con notas das Irmandades da Fala, Mocedá Galeguista e Boletín M. da Cultura Galega. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, 2 cartas, 1934-1935, Badajoz, Pontevedra; con In Memoriam de A.D.R.C, 1 fotografía e un poema de Ramón Cabanillas. Francisco Salgado, 2 cartas, 1922, Ourense; con “Cantares Líricos”. Julio Siqueira, 1 carta, 1934, Vigo. José B. Valeiras de Mosquera, 1 carta, 1951, Carballiño. Bernardino Varela do Campo, 2 cartas, 1921, A Coruña; con noticias das Irmandades da Fala. Antonio Villar Ponte, 3 cartas, 1921-1924, A Coruña. Ramón Villar ponte, 2 cartas, 1921, Viveiro. Xohán Vicente Viqueira, 1 carta, 1921, A Coruña.

Notamos a faltar, con certa sorpresa, a ausencia epistolar de D. Ramón Otero Pedrayo. Case incomprensíbel que este e Teixeira de Pascoaes non mantivesen correspondencia.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270