Espiritualidade e panteísmo en 'Marános', de Teixeira de Pascoaes (III) 22/10/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Dentro do ciclo panteísta da poesía de Teixeira de Pascoaes, encontramos estes reveladores versos da súa autoría: “O que natureza? É qualquer coisa / Que, não sendo materia nem espírito, / Na sua evolução misteriosa, / Toma formas de espírito e matéria”. Esta afirmación de interpretar a natureza, no sentido espiritual, en toda esa conformación individual e, tamén, unificadora, estamos ante un poeta que desde a súa humana soidade está en perfecta comuñón harmónica con esa natureza que lle inspira místicos camiños que o levan a unha non menor metafísica. Desta comuñón, entre o que é espírito manifestado na natureza, xurde a emoción daquilo que transcende da alma, para beber nas floridas paisaxes e nos telúricos montes. O seguinte poema esclarece pródigos portentos, promovendo atributos e vencellos espirituais, nesa interrelación entre os deuses que se manifestan nas florestas. Así o manifesta: “Há deuses, nas florestas, e un celeste / Mensageiro lhes fala... Ninguem ouve! / Ah, nada, nada, sabe a criatura! / Sol que surgiu, já prestes de ocultar-se! / E a própria alma feita dese fumo, / Que a luz dos astros deixa, ao apagar-se”.

Íntimoa versos para procurar a perfección e o coñecemento das cousas; para manter relación coas mesmas e, sobre todo, vivir con elas e ter conciencia das mesmas. Neste eco expansivo, está Pascoaes con súa visión cristiá, talvez, neoplatónica, que o leva a buscar ese Ser chamado Deus, desde os lodos do panteísmo. Neste sentido conflúe na prédica máis antiga do panteísmo oriental, contida no libro hindú, Ishavasya Upanishad: “Debrúzome ante Deus que está no fogo e na auga, que o impregna todo, que florece nas sementes e está presente nas árbores”. Nese Deus, ou Ser emanador, aparece constantemente en “Marános” de Teixeira de Pascoaes: “Etérea luz do ceu que foi roubada? / Tu sabes o principio e o fin de tudo / Tu sabes quem eu sou? Responde, fala? / Porque eu entendo as sombras”.

Estamos ante un elemento vital e transcendente que nos leva a un inconcluso paganismo configurado nesta nosa fachada atlántica. Fai miles de anos que perdura a ánima no ánimo popular e remitida aos nosos poetas máis transcendentes e metafísicos como Pascoaes e Rosalía de Castro. Detémonos na poeta nacional da Galiza, metida na soidade misteriosa do seu poema, “Negra Sombra”: “En todo estás e ti es todo, / pra min e en min mesmo moras, /nin me abandonarás nunca, / sombra que sempre me asombras”. Esta negra sombra, para Rosalía, en vez de anulala ou postergala do coñecemento espiritual como tratala fronte as cousas que evidenciamos. A nosa poeta toma referencias e aspectos míticos que enriquecen o espírito panteísta tan mergullado nos dons de ser galego ou portugués. Nesta dirección, aínda enfatiza e dimensiona a idea deste panteísmo, nas confirmacións de Rosalía: “i hai montañas, nosas e nestes nosos ceos, / en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser, / cores de brilo soave, de transparencia húmeda / de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer”.

As montañas, nos praceres de Rosalía, en verso metafísico e cromático, resplandecen lentas e longas coa necesaria carga panteísta e con esa dose espiritual que Rosalía, como Pascoaes, souberon colocar nos paraños mais elevados, baixo esa dilixencia de figuras sagradas, como o Deus omnímodo e o grande coro de deuses que no Marão persistiron en convivencia con Teixeira de Pascoaes. E mesmo nesas montañas místicas que S. Juan de la Cruz, meditou en tantos parénteses ilimitados, iluminados: de rigorosas instancias vemos esa espiritualidade nas vertentes máis rigorosas do panteísmo de Rosalía e de Pascoaes que vertebraron conceptos e relacións suxeridas na obra de S. Juan de la Cruz. Tanto en “Marános” como “En las orillas del Sar”, connótanse esas combinacións telúricas, naturalistas e cósmicas. Coa particular prioridade que atinxe á espiritualidade e ao que se interpreta na divinización panteísta.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270