Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades, 28/01/2024
logo nosjpg

Xosé Lois García

O noso grande Camões reflectiu no seu soneto LII as mudanzas cíclicas, dos que o ser humano é protagonista. A primeira estrofa deste soneto di: “Mudam-se os tempos, mudam-se as vontades,/ Muda-se o ser, muda-se a confianza;/ Todo o mundo é composto de mudanza,/ Tomando sempre novas qualidades”. As mudanzas son precisas e obedecen a leis naturais. Galileo Galilei culminou a realidade desa mudanza coa famosa frase: e puor si muove. Pese aos retrógrados a mudanza dos tempos e das vontades suxiren movementos. O ser humano esta moi pouco habituado a contemplar as mudanzas en súa propia metamorfose. Nestes parámetros as actitudes vellas dan paso a novas coherencias. Na Galiza, a clase política é consciente de que nestas eleccións algo novo se move e algo diferente se busca. Nesta dirección propáganse medos e desordes contra a mudanza de tempos e vontades, por parte dos que desexan que o estático continúe.

O desespero en democracia é un mal conselleiro para os que ollan a realidade sen referencias pragmáticas. Mal lle vai aos temperos democráticos cando alguén maniféstase con esa rotundidade peculiar do Sr. Baltar, que no seu día comentou: “rouben os votos a quen sexa”. Este permitismo verbal é un mal síntoma do estado democrático galego, practicado por persoas que entenden o poder como unha maraña de intereses sucursalistas que fan posible agrandar o novelo desa minoría autocrática que fai sucumbir os intereses do común.

Se a nivel do Estado español a democracia ten as súas deficiencias, por falta de básicas comprensións políticas de conxunto. Na Galiza vemos a distancia democrática desfasada co resto do Estado, cando percibimos que están bastante deterioradas as virtudes democráticas. É verdade que as eleccións en calquera país xeran perspectivas de cambio para executar outros modelos que normalicen a vida democrática orientada cara un proxecto de país. Desde hai preto de cincuenta anos, existen as institucións autonómicas na Galiza e, por medio delas, non se manifestado unha mudanza dinámica e estrutural equiparábel a que se dei noutras comunidades autonómicas. Neste sentido, moitas voces teñen manifestado que a Xunta de Galiza parécese máis a unha Deputación en grande, que asume boa parte das competencias territoriais, que a unha administración autonómica, capaz de crear activos para que o país saia da súa prostración secular.

Unha das partes positivas da democracia é o recambio de políticas sociais e, tamén, de políticos, polo que o cidadán é capaz de visualizar e cuantificar as perspectivas creadas e executadas durante un determinado tempo e espazo de acción e actuación dun goberno autonómico. Un dos vicios mais visíbeis que se comete na democracia española e das súas institucións é ver a perpetuación convulsa de certos poderes cometer insaciábeis perversidades.

O malvado destas situacións xa non só radica na cabeza visíbel de quen ostenta o poder, tamén nas cabezas invisíbeis que levan anos na poltrona e nela crearon seus feudos e seus guetos ao marxe dese control aparentemente democrático. Eses cargos políticos inmobilistas que levan anos saboreando as delicias maxestosas do poder, amparados polo status quo que o “líder” ten reservado a seus subalternos e cuxos intereses son recíprocos para cargos visíbeis como para os invisíbeis.

En democracia é preciso destapar o pucheiro dos inmobilismos e crear unha acción que corrixa todo aquelo que se terxiversa e isto na Galiza non se fixo. Por tanto, a curto ou a longo prazo páganse as consecuencias por medio dese atraso material e espiritual que padece a cidadanía subalterna. Un país nestas circunstancias necesita de recuperarse nunha UBI social e politicamente viábel. É verdade que fronte ao pesimismo sempre fica a esperanza do cambio e da alternancia. Moitos anos pasaron desde que dous bergantiñáns, como Alfredo Brañas e Eduardo Pondal infundiran esa esperanza. O primeiro dixo de Galicia: “Como en Irlanda, érguete e anda”. O segundo escribiu: “Esperta do teu sono nación de Breogán”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270