Perdemos a insistencia? 04/02/2024
logo nosjpg

Xosé Lois García

Na situación actual das eleccións autonómicas da Galiza hai elementos indicativos nos que a cidadanía manifesta unha opinión favorábel a non ter perdido esa insistencia que durante anos inverteu en clave nacionalista. Latentes e devastadores problemas, foron manifestados e denunciados dunha maneira insistente, en mensaxes, rótulos abrindo manifestacións, denuncias en diversos medios de comunicación e desde o Parlamento de Galiza, etc. Ese foi o verbo promotor que reactivou achegos a realidades somerxidas baixo ese despotismo e escurantismo que soporta o noso país. De ningunha maneira perdemos a insistencia de repetir o que se verifica, que é un dos valores que sosteñen a verdade do que se denuncia, coa proclama e a acción que nos protexe. “A verdade é sempre revolucionaria” (Gramsci, dixit). E na Galicia detectamos os afectos da insistencia.

O nacionalismo galego é unha forza que hai que contar con ela a tódolos niveis de decisión política, social e cultural, isto é incuestionábel. O BNG é unha forza política que ten un carácter estritamente galego, non vencellado a outros dominios fraudulentos. Todo o seu caudal de ideas e procederes provén de persoas que teñen como meta esa vella aspiración redentora da Galiza. Esta realidade social e política mostrou en numerosas ocasións ser unha forza adulta e pragmática, con debate aberto e concertado coa sociedade galega. Puntual en reivindicacións populares e contestataria en todo aquilo que agride os nosos intereses. O Bloque creou unha conciencia e unha severa análise sobre o estado da nosa nación. Esta forza nacionalista dinamizou, neste último lustro, unha longa suma de contidos estruturais, capaces de normalizar un competente liderato responsábel, capaz de fomentar credibilidade e atraer dinamismo a ese diálogo paciente e continuo coa cidadanía. Ao respecto, dixo Castelao: “Petar na alma do pobo até conquerir un estado de opinión revolucionario”. Referíase á revolución da palabra. As revolucións débense realizar coa palabra en debate pacífico e coa verdade como escudo defensivo, contra aquilo que se maquilla coa mentira.

O BNG, destas dúas últimas lexislaturas, estivo marcado e liderado pola solidez e o contacto permanente coa xente mais indefensa, “petando na alma do pobo”, para ter cabida nesa emerxencia transformadora e capaz de superar múltiples capeliñas e tendencias que en vez de converxer tentaron outras vías. De novo, a unión dos nacionalistas é unha grata noticia para aglutinarnos na esperanza e na credibilidade. As antigas posturas, felizmente, xa non son destaque nas letras de molde de certa prensa galega. Isto é un síntoma agradábel de que avanzamos polo camiño certo. A unidade faixe posíbel nos reencontros solidarios, superando pérfidos egos acantonado nun mesmo. Procede entenderse nun nacionalismo aberto, pluralista e emancipador. O nacionalismo é necesario na Galiza, isto é bastante revelador polo traballo que se ten feito e ser recoñecido. A insistencia, pois, é un don do pobo galego, que lexitima a vontade de entendemento, diante de situacións que nos poñen ao límite das precariedades, como a que estamos vivindo. E claro que non abandonamos a insistencia!

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270