Tempo precario

IV
Brisa de abril,
toda perfume,
etéreo Nume
cotigo vai.
TEIXEIRA DE PASCOAES
 
Ponse unha nova filosofía en movimento,
para estragar o fatalismo da nosa vida,
desprendendo-nos do antigo pensamento
e doutra adade e estirpe esmorecida.
 
Escomenzamos a sentir na nosa enerxía
as esencias dun home novo, ennoblecido;
onde aquela forza bruta que nos movía
vai xirando para un fatal exterminio.
Impoñamos a luz astral que resplandece
para que as nosal cousas sexan inmortais
niste mundo que se troca e apodrece
 
Aspiramos, ahora e sempre, a ser iguais,
nesta filosofía que en nós frolece;
loitando contra seres destructivos e fatais.
 
_______________
 
SALMO AO ESENCIAL DA MUSICA
 
Algo tiña que acontecer no xerme do círculo
para axuntar a respiración que procuraban
no súpeto misterio revelado en sombras.
 
Case dúas liñas deseñan a túa arquitectura
neste adaxio que soa na améndoa madura
e nos dedos que construen o asombro do mar.
 
Xa temos música nas suspensións das rochas:
fantasía e aroma en sol maior. Nas cavernas
espreita-se a follaxe alén de min
porque ignoro a fraxilidade do teu nome.
 
Sosegarei nesta espuma que martela no labirinto da auga,
como en teclas de piano. Fagan o favor de flutuar
nesta danza que impón a lingua na sombra vexetal.
 
_______________
Titulo: TEMPO PRECARIO
Autor: Xosé Lois García
Data de Edición: 1988
Edita: EDICIÓS DO CASTRO