A Constitución de Cádiz de 1812 - 13/03/2012
ECOS DA BERENGUELA - xornal

Xosé Lois García
O día 19 do presente mes, cúmprese o segundo centenario da primeira Constitución española, coñecida como a Pepa, por proclamala o día de San Xosé ou dos Pepes. Unha Constitución que serviu de modelo, en variados títulos e capítulos, a todas aquelas que lle sucederon. Mais a Constitución de Cádiz xurdida duns políticos atados pola situación do país baixo a dominación napoleónica, e cuns líderes saídos do clero e dos terratenentes que combateron ao francés, organizando milicias, armando ao pobo e integrándoo ás famosas partidas, en súa maioría dirixidas polo clero. E se ollamos aos representantes galegos en Cádiz, son homes con potestade e privilexios do antigo réxime, que moitos deles esforzáronse por aceptar a contracorrente unha serie de liberdades que se proclamaron nesa Carta Magna. Pero hai que dicir que a Constitución de Cádiz está impregnada por certos valores de liberdade e a separación de poderes da Constitución burguesa que xurdiu da Revolución francesa de 1789. O espírito daquela Constitución, en moitos dos seus puntos, foron referencia e incluso copia literal para amañar a de Cádiz de 1812.

Coido que non podía ser de outra maneira na situación de guerra e da infamia monárquica que provocou a entrada do francés pola liorta conspiratoria de Fernando VII contra seu pai, Carlos IV. Compre recoñecer que os franceses introduciron unha serie de liberdades e de tránsitos de cambio, odiados polo clero e pola aristocracia, que só os afrancesados, entre eles Jovellanos, foron os que teimaron no progreso e nas liberdades políticas, impactando en moitos sectores populares. A Pragmática de Baiona, baixo tutela francesa, deu un impulso en moitos aspectos á Constitución de Cádiz. Non perdamos de vista que Xosé I, imposto polo seu irmao, Napoleón Bonaparte, a pesar do que se lle nega como rei imposto, e se lle degrada, foi mellor rei que toda a camarilla borbónica, que o inepto Carlos IV e que o sanguinario e psicópata Fernando VII.

Se revisamos os avances en moitos aspectos da transcendencia política na época de Xosé I, estaremos visualizando un novo estadio de cambio nunca pensado coa tiranía borbónica, como así sucedeu en 1814 cando Fernándo VII, o “Desexado”, transgrediu o xuramento constitucional e prohibiu moitas das cláusulas constitucionais. Detrás de todo isto estaba unha Rexencia dominada por un clero inquisitorial. Un dos representantes dese clero era o bispo de Ourense, Quevedo y Quintano, con título de cardeal. Se revisamos a súa biografía, detectaremos varias conductas tridentinas que serviron de discrepancia e de talante paternalista que se introduciron en normas constitucionais.

A todos nos resulta impactante o preámbulo desa Constitución, polas primeiras letras escritas: “En el nombre de Dios todopoderoso, Padre, Hijo, y Espíritu Santo, autor y supremo legislador de la sociedad”. Sen dúbida, o poder da Igrexa tutelando e advertindo do que nesa Constitución se consagra. En segundo lugar, faise moito énfase ao catolicísimo rei Fernando VII, que no Título IV, Capítulo I e Artigo 168 e 169, Di: “La persona del Rey es sagrada e inviolable, y no está sujeta a responsabilidad. El Rey tendrá el tratamiento de Majestad Católica.

Mais o 170 aínda é mais retrogrado e parece que todo o poder reside no rei, cando se menciona: “La potestad de hacer ejecutar las leyes reside exclusivamente en el Rey, y su autoridad se extiende a todo cuanto conduce a la conservación del orden público en lo interior, y a la seguridad del Estado en lo exterior, conforme a la Constitución y a las leyes”.

Pero aínda no artigo 171, sexta, di: “Presentar para todos los obispados y para todas las dignidades y beneficios eclesiásticos de real patronato, a propuesta del Consejo de Estado. E o Consello de Estado tiña moita dependencia do poder rexio. Así que a Constitución de Cádiz, tan marcante na historia do Estado español, para ben e para mal, foi concibida e argumentada baixo auspicios do poder eclesiástico. Esa é a marca dos poderes eclesiásticos e aristocráticos que determinaron tantas peripecias históricas.

A Constitución de 1812 serviu como punto de partida para encetar un sistema democrático e introducir liberdades en constitucións posteriores. Desta Constitución emerxeu un sen fin de temarios progresistas que produciron cambios moi positivos como as diversas etapas liberais e a independencia das colonias americanas. Pero tamén reforzaron o poder omnímodo dun rei tolamente totalitario como Fernando VII.

Din que a mellor Constitución é aquela que non está escrita, como a inglesa, a que se rexe pola tradición popular e na que a argumentación de usos e costumes vai desembocando en leis. Na de Cádiz hai demasiados títulos, capítulos e apartados que en específicas cláusulas xurden irreversíbeis contradiccións.

A Constitución de Cádiz deu moito que falar e continúase falando dela. Unha das voces mais autorizadas foi a de Benito Pérez Galdós, que na súa novela historiada, titulada: “Cádiz”, deixounos esta primicia: “Leyes humanas, sí, muy humanas y filosóficas aparecen en nuestros códigos para gloria de sus autores, honra y loor de la Nación entera. Pero por desgracia también es muy cierto que se hallan desfiguradas y aun injuriadas por muchas otras que no han sido derogadas todavía. Su inobservación sólo es debida al espírito del siglo y a la sabiduría y sentimientos de humanidad de nuestros magistrados, que en este caso han procurado desempeñar su ministerio desentendiéndose de lo prevenido por leyes incompatibles con la mansedumbre y religiosidad de nuestras costumbres”. Se Galdós erguese a cabeza e vise aos maxistrados, políticos, e aos corruptos institucionais que apelan á tradición e aos que falan de dereitos constitucionais, pediría ao enterrador que o sepultara mais fondo.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras