Xaime Delgado Gómez, post mortem - 17/09/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A secretaria da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, remata de darme a noticia, triste noticia para todos, do pasamento do jaime delgadosacerdote e iconógrafo, Xaime Delgado Gómez (1933-2012), natural de Castelo (Taboada), espazo inscrito á demarcación comarcal na que se asenta esta Asociación. A desaparición física de Xaime Delgado, pode que nos leve nestes momentos a unha fondal reflexión de toda unha vida dedicada a arte sacra e, en concreto, á da diocese de Lugo. Toda unha vida de entrega e de investigación que puxo luz onde só había tebras e proclamou certos reparos onde só había esquecemento e destrución. Só por isto merece lembralo e ter presente toda unha ampla nomenclatura de escritos nos que teñen respiro monumentos outrora marxinados.

Neste concerto, Xaime Delgado ten un perfil sedutor en todo aquilo que tratou con amor e decencia sobre interpretacións iconográficas. Este don non lle veu só por estudar no “Pontificio Instituto di Archeología Cristiana” de Roma, ou por ocupar diversos cargos dentro do organigrama da diocese sobre temas de patrimonio, veulle por ser unha persoa sensíbel, persuasiva e leal a un método de descuberta comparativa que, no seu caso, deu estimulantes froitos.

Podemos estar de acordo ou non con certas concrecións e interpretacións, incluso aseveracións, que nos deixou Xaime Delgado, mais o que nunca endexamais podemos negarlle é o seu incansábel labor de investigación. Aquí radica a súa perseveranza e, tamén, a ousadía de levarnos a certos temarios da arte románica, moitos deles sen resolver, dándolles prioridade e destaque en ocasións ben concretas.

Xaime Delgado foi un precoz e dinámico estudoso que o temos que enmarcar no contexto dese amplo mosaico do patrimonio relixioso do bispado de Lugo. Foi un fiel seguidor doutro douto sacerdote e grande iconógrafo, Francisco Vázquez Saco (1897-1962), de non esquecida memoria. Tanto Vázquez como Delgado, foron dous relixiosos con referentes moi relevantes no que toca a un escenario sen explorar, como é o noso románico. Eles puxeron os alicerces para abrir fendas nun espazo tan esquecido como é a arte relixiosa medieval.

Foise Xaime Delgado Gómez, mais a súa obra e os seus esforzos van manter viva esa dinámica de superar carencias e emerxer para determinar certos e determinados casos nos que está presente a nosa iconografía. El asentou certos piares, agora falta que os consolidemos.
Compartir

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras