Conmovedor asasinato en Sabadelle en 1912 - 11/12/2012
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Don Ramón Otero Pedrayo escribía en 1928, nun artigo: “O Adro”, no que nos remite a entender eses rectángulos onde os mortos agardan a evocación antiga casa tatabellodos vivos. Otero, pasa a dicirnos: “Eiquí o adro garda un senso de fogar da parroquia. Os mortos apodrecen nun acorgo verdecente, de eido, arredor da eirexa. A xente párase diante deles pra falar das súas cousas”. Esta espléndida imaxe que nos ofrenda Otero Pedrayo, sobre os nosos cemiterios, lévame a pensar naquela aprendizaxe que eu tiven de neno, e que aínda practico, cando paseo e lembro aos mortos no cemiterio de Merlán, onde o me pai lembrábame os defuntos de cada casa, naquel espazo de nichos, no frontal e no sur da igrexa. Mentres na parte detrás e na do norte, estaban reservadas para campas e humildes sepulturas, onde non daba o sol e, nos invernos, a xeada acumulábase sen diluírse.

Espazos reservados á xente mais pobre que non tiña nicho. Unha maneira de manifestar clasismo entre os mortos. Mais na parte norte, chamábame a atención esa enorme lousa sepulcral con inscrición e unha cruz en forma de áncora, onde o meu proxenitor, ao pasar xunto dela, dicíame que era a do Tatabello de Rozadela, asasinado en Sabadelle. Unha familia que eu non cheguei a coñecer e meu pai tampouco coñeceu ao falecido. Mais os do seu lugar, polo día de defuntos, deixábanlle un tributo de lembranza nunha recendente flor para non esquecelo.

Para min sempre foi unha incógnita aquel soado asasinato do mencionado Tatabello, até que lendo o antigo semanario chantadés, “El Centinela”, correspondente a novembro de 1912, leemos o seguinte: “Resultó muerto de un tiro. Con motivo de un altercado que hubo en la cercana parroquia de Sabadelle, resultó muerto de un tiro un vecino de la aldea de Rozadela (Merlán)”. A nota é tan concisa que só me revela a data da desgraza. Hai que procurar nesa lousa o nome, mais o brión non me permite a lectura. Así que pido colaboración a Xosé, o portugués, o meu amigo, veciño e acompañante, que sempre me saca de problemas, e conseguimos ler o nome do finado, mais a data non coincide coa que nos ofrece “O Centinela”, hai dous anos de diferencia. Coidamos en moitas hipóteses que se ofrecen a este caso. Mais os de Rozadela estaban certos de que alí estaba o mozo asasinado en Sabadelle, e isto bastaba para proseguir a descuberta.

A última opción era ir ao Arquivo do Bispado de Lugo e comprobar nos rexistros de defuncións da parroquia de Santo Tome de Merlán, a data certa que nos dá a sepultura e a do semanario local. Así que comprobado os datos veu o desembrollo; o crebacabezas estaba resolto, dado que a inscrición era dedicada ao pai do malogrado mozo de Rozadela, Eduardo Fernández Cidre, natural de Tarrío (San Fiz de Asma), finado o 2 de decembro de 1910, casado con Dolores González que deixaba nove fillos, o mais vello é o noso protagonista, Xosé María Fernández González. Toda unha documentación moi puntual sobre o seu pai, o citado Eduardo Fernández, que nos ofrece o párroco de Fornas e Merlán, Xosé Suárez García (curmán de meu bisavó).

Activando a breve información que nos aporta “O Centinela”, o novo párroco de Merlán, Lorenzo González Mazaira, esclarece o seguinte: “En el atrio de la iglesia parroquial de Santo Tomé de Merlán, unida a San Cristobal de Fornas, arciprestazgo de Chantada, diócesis de Lugo, el seis de noviembre de mil novecientos doce, se dió sepultura eclesiástica al cadáver de José Mª Fernández González, natural y vecino que fue de esta parroquia de Merlán. Era hijo legítimo de Eduardo y de Dolores. Estaba soltero y falleció el día cuatro del anterior, de muerte violenta en el lugar de Santa Rosa, de la parroquia de Santa María de Sabadelle, a los veinte y cuatro años de edad”.

Esta acta de defunción esclarece varias noticias transmitidas polos mais vellos de Merlán, do que sucedeu aquel o catro de novembro de 1912, que a moitos deles escoitei falar sobre este suceso. Unha morte acaecida entre veciños, dado que os lugares de Rozadela e Santa Rosa, só os separa un quilómetro e distancia. Os acontecimentos xurdiron por un desafío entre as dúas parroquias e, sobre todo, coa obsesión e comenencia de lograr amores pretendidos e consentidos por unha moza de Sabadelle. Así foi como rematou a vida deste mozo de vinte e catro anos, Xosé María Fernández González, Tatabello, que descansa de seus trasfegos baixo a lousa sepulcral desde o seis de novembro de 1912.

acta defuncionNestas contendas, de amores e desamores, houbo na comarca de Chantada non poucas liortas que remataron con numerosos mortos. Coa morte do primoxénito dos Tatabello de Rozadela, non só trúncase unha vida, senón que se espoliou a unha familia, con viúva e oito fillos que lle quedaron a seu coidado, espállanse por Galiza e as Américas. As paredes da casa do Tatabello, orfas de pau e tella, proclaman aínda hoxe, o silencio daquela desgraza acontecida aquel luns do catro de novembro, que agora cumpríronse cen anos.

Unha morte moi sentida e transcendida en Merlán, e mesmo na veciña Sabadelle. Estes feitos violentos acontecidos na Santa Rosa, deron paso á crónica dunha familia honorábel e servizal en desfeita. Os tempos presentes tapizan cen anos daquel tenebroso feito que foi noticia nas faladorías e nos ecos de prensa e, tamén, a ausencia desa flor na lousa do mozo Tatabello, normalizan ese esquecemento íntimo e de honor que se lle tributou polos veciños de Merlán a Xosé María Fernández González.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras