O tríptico escultural de ánimas de San Martiño de Anllo - 29/11/2019
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

A igrexa de S. Martiño e Anllo (Sober), nas estivadas do río Cabe, asexa as ribeiras de Frontón e boa parte das terras panteístas de Pantón, garda e atesoura unha das pezas mais interesantes da escultura renacentista de mediorelevo, con tres paneis nos que podemos visualizar imaxes medorentas san martiño de anlloe tétricas. Unha guía realista dunha época en negro en que a obsesión por salvar almas comezaba por aterrorizalas. Non hai dúbida que a presenza destes planos en madeira danos a medida xusta para dosificar concretas observancias en seu corpo escultórico e dialogar desde varios parámetros co mais insólito dos contextos doutrinarios, e dunha certa dose de vontade apócrifa e imaxinaria, ben temperada no reducionismo dunha idea mística ben adobada na arte insurxente dos textos bíblicos e patrísticos, no sentido mais simple do dualismo, entre o que representa o perfecto e o imperfecto na captación visual das imaxes. Esta táboa de ánimas propaga un interese en moitas direccións, non só no que respecta a temarios de doutrina, tamén desvela matices desa ortodoxia que nos remite a consideracións filosóficas neoplatónicas e ao misticismo de Tomás de Aquino, no que se refire á dialéctica do ben e ao mal. Mais a simplicidade ten o seu rigor nese corpo escultórico que nos remite a dialogar con esas metáforas que nos obrigan a entrar nun suculento escenario de formatos que os tres paneis ofrecen.

A primeira escena, comezando pola parte inferior, observamos as vermellas lapas do purgatorio, tan activas como destrutivas, na que se atopan tres mulleres en actitude pensante, e a cada lado dous varóns de rango eclesiástico, pola tonsura que circunda a súa cabeza, e o outro pola barba esclarecida, os dous en postura observante. O purgatorio, como preludio de sanear as transgresións do malfeitores, ofrece un aviso previo a estar en concordancia coa regra e cos matices doutrinarios. Unha maneira simple de catequeses simplificado na imaxe. Unha imaxe naturalista e tráxica que aos crentes medievais atormentaba. Aos observadores actuais interésalles mais o formato e o diálogo que podemos establecer co creador de arte. Ese pensador que desde o lado eclesiástico conformou unha estética con relevantes valores creativos. Iso é o que nos achega a eses recatos dunha idea universal que fai séculos tiña unha inclusión de ameaza destrutiva, mais o estilo artístico impón a súa mesura. O purgatorio co seu lume purificador marca un onte e un hoxe, nese dualismo cada vez menos entendido.

O segundo panel, o do medio, ofrece un escenario en dous actos, referidos á morte, na que contemplamos a un agoniante encamado, e a seus pes un esqueleto e no centro un crego con libro, encomendando a súa alma, e con branca vestimenta e estola. Detrás del un ennegrecido e activo demo co libro das discrepancias destrutivas. O segundo plano desta cartela, o seu centro está ocupado por unha robusta imaxe da Virxe do Rosario, con vestidos triunfais: saial vermello e manto azul, sustentando a seu colo esquerdo o neno. Esta custodiada por dous arcanxos, na banda dereita (nosa esquerda) está Miguel pesando dúas almas, unha de cor branco (a salvífica) e a outra de cor negro (a condenada). Velaquí como o dualismo do ben e do mal funciona en toda a dimensión teolóxica daquela carga medievalista. Na banda esquerda de María (nosa dereita), está o arcanxo Gabriel co libro do Xuízo Final, neste caso non leva o típico filacterio mensaxeiro. Tanto Miguel como Gabriel exhiben flamantes roupas douradas, ese deseño áureo da estirpe triunfal destas dúas dignidades celestiais, tan distinguidas no Apocalipse.

A última das cartelas, a superior, representa o estadio salvífico en que están catro ánimas completamente núas e sen identidade xenital, con rostros infantís. Un tríptico de excelente mesura, en cada un dos paneis respira esa arrogancia artesán de seu compositor anónimo, tan ben compenetrado nas directrices do Dereito Canónico, sobre a relevancia das imaxes e no que representan os tres estados do crente: a alma purgante, a militante e a salvífica. Tres extractos que persuadiron a conducta do crente, tantas veces dunha maneira alienante. Mais neste igrexa de S. Martiño de Anllo, conta cun excelente retablo Rococó e cunha pila bautismal do século XVI, con esculturas naturalistas e lúdicas, con notorios distintivos como a Cruz de Malta. Neste templo hai algunha pintura do mestre de Castinande (Sober). Todo un conxunto artístico convirte a este espazo relixioso en algo moi singular para a arte local. O problema que ten este tríptico escultórico e que o seu clamor de restauro e de mantemento non o perciven os responsábeis de Patrimonio.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras