Ían ergueitos e cantaban - 06/09/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Na miña nenez e adolescencia había cantareiras e cantareiros, voces de mocidade, de adultos e vellos. Todos eles sonorizaban cantigas que eles compoñían e, tamén, repetían das audicións de radio que escaseaban nas aldeas. Os mozos que pretendían noivado, en lonxincuos lugares, traspasaban aquelas noites aterecidas e medorentas, con afinado eco e de alicerzado lirismo de namorados. Os labregos elevaban os vellos acentos das cantigas, alixeirando a fatiga dos traballo; cantaban con aqueles tons roucos e alporizados ao sementar e colleitar. Os camiños e as corredoiras nunca estaban orfas de cantigas e cantarelas estrelecentes. Onde elas están agora?

A paixón dos cantareiros xa non resoa lexitimando a nosa lingua. As cantareiras e cantareiros cantaban sobre o cotián e compoñían súas secuencias, en requintes amorosos, obscenos, pornográficos, de santoral e de crítica social. Todos eles foron xéneros que tiveron vixencia constatada na nosa labregancia. O rango literario desas composicións erixíronas persoas non letradas e tantas veces analfabetas. Moitos deses ecos están desmemoriados, mais a mudanza dos tempos roubounos a emoción daquel esplendoroso cancioneiro popular, sepultado nun profundo réquiem.

Cantaban en confraría sen preocuparlles que súas cantigas emitisen mensaxes de denuncia social-política-relixiosa, en tempos dunha ditadura ben repleta de luxurias e represalias. Mais eles ían ergueitos entre a apatía inmerecida e somerxidos no dominio dos que aferrollaban os seus destinos. Mais eles cantaban. Eran labregas e labregos da vella estirpe dos ofendidos e coñecían puntualmente o peso das tebras sobre seus sentimentos de liberdade. Era o tributo rendido ao caciquismo depredador e ultramontano, que tomou corpo na indecencia parasitaria e ao servizo da infamia intolerante do réxime totalitario. Agora ninguén canta en estes campos desertos e camiños sen pisadas, onde o berro era expansivo e con afán de mudar de escenario. A labregancia sen futuro, desde fai moitos séculos, aínda resiste proclamando silencio ante as asfixias dos que explotan seus froitos. Aqueles outros ían ergueitos e resistentes!

Cantaban as súas tristuras, antepoñendo os seus sentimentos redencionais para combater aos que os negaban. Revolucionaron a súa autoestima coa cantiga cívica e de denuncia, erguendo lindes e estremeiras coas súas cantigas sonorizadas nos campos de labor e nas varandas dos lares. Ceibando ideas e actitudes de non aceptar intemperies desoladoras. Mesmo na casa e nos eidos temperaron a resistencia con aquela cantiga que, nestes tempos, da a impresión de que fica fosilizada. Labregas e labregos na mácula dos desprezos. Mais sempre certeiros no verbo liberador e de activos ecos naquelas cantigas insurrectas.

Xa ninguén canta nin troula polas corredoiras do noso rural común. As mudanzas actuais articularon outros comportamentos mais estritos que aportan frecuentes desapegos coa nosa cultura. A globalización tenta desintegrar a nosa singularidade, coa asimilación de brutais interferencias que operan dunha maneira desintegradora naqueles pobos que non teñen a capacidade de reaccionar ante outros poderes colonizadores, como é o caso do Estado español con respecto a Galiza.

Mais é verdade que nestes tempos a mudanza, realizada por nós e desde dentro, está actualizando o legado ancestral con constante pulo ao impor a modernización do que respecta á tradición creativa popular. Non ignoramos os grupos musicais que se dan en tódalas xeografías galegas tan determinantes en procuras de retomar a tradición e de innovar os cantares e as fórmulas musicais que constatan as nosas antigas raíces. Toda unha resposta, ante a presenza monopolista da globalización, para posicionarnos e facéndonos preceptores do legado tradicional tan personificado na nosa idiosincrasia musical

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras