Prodixios da emigración galega - 25/10/2020
logo nosjpg

Xosé Lois García

Fascina a grande obra patriótica que aqueles emigrantes galegos de finais do século XIX e a primeira metade do XX, foron uns esforzados -tantas veces anónimos- en erguer una Galiza liberada, sobre todo os de Cuba, onde dinamizaron conciencia por medio de debates sobre as nosas amplas problemáticas. Ninguén esquece a suculenta obra cultural da galeguidade que floreceu en Cuba, naqueles xornais críticos e divulgadores das incertezas en que estaba sumido o noso pobo. A repercusión de todo aquel movemento exercitado polos emigrantes e por aquela elite intelectual, moitos deles, formados nos ambientes habaneiros, santiagueiros e camagüeianos. Lembremos a destacadas figuras de patricios e mentores de certezas e inquedanzas: Curros Enríquez, propiciando a fundación da Real Academia Galega, xunto a Xosé Fontenla Leal. Este último, fixo posíbel a creación do himno galego e da bandeira, todo elo desde Cuba. Fontenla Leal, presidente da Unión Redentorista Galega, concretou pedagoxía aos nosos emigrantes a tomar conciencia do estado deprimente en que se atopaba aquela Galiza de principios do século XX.

Todos estes movementos culturais e asociacións patrióticas por medio de seus voceiros de prensa, foron capaces de crear un nexo tan particular e activo que promocionou todo aquilo que non se facía en Galiza. Así xurdiron as sociedades de “Beneficencia Naturales de Galicia”. O 25 de xullo de 1904 iniciouse un acto patriótico, celebrando por primeira vez a festa santiagueira, coa prioridade de exaltar o tecido identitario de Galiza. Estréase no Teatro Nacional a obra teatral, “Recordos dun vello gaiteiro”, da autoría de Alfredo Nan de Allariz, pseudónimo de Alfredo Fernández (Allariz,1874-Madrid, 1927). Nan de Allariz foi un deses empresarios galegos virado cara promocionar a cultura galega tanto en Cuba como na Arxentina, dous destinos onde estivo emigrado. Este poeta e dramaturgo e, sobre todo, como xornalista que publicou e dirixiu varios medios de comunicación, dunha maneira moi comprometida e sólida en favor dos intereses da Galiza desde a emigración en Cuba. Autor do poemario: “Fume de Palla: coleución de versos gallegos”. Este libro catapultou a Nan de Allariz, como promotor e divulgador da nova obra do actual Centro Gallego da Habana, construído na primeira década do derradeiro século. Sobre todo pola carga crítica e anticlerical que manifestou, seguindo os pasos do seu bo amigo Manuel Curros Enríquez. Esta obra foi prohibida polo cardeal de Santiago, Martín de Herrera. Nunha segunda edición, dedicoulla ao prelado con sarcasmo, de que o autor excomungaba ao cardeal e agradecíalle tal prohibición por darlle publicidade e un suculenta venta de miles de exemplares de “Fume de Palla”.

Á morte de Curros, a emigración galega en Cuba aspiraba a ter un sucesor do falecido, que tivese un relato poético cívico e comprometido con Galiza como o do poeta de Celanova. Naquel momento na emigración en Cuba había dous poetas en destaque: Nan de Allariz e Ramón Cabanillas. “No Desterro”, poemario publicado en Cuba de Cabanillas, consagrou a este como sucesor de Curros, pola súa defensa dos labregos e ser unha poesía anticaciquil. Evidentemente o libro do poeta de Cambados tiña unha vitalidade compositiva e suxerencias de militancia combativa, que lle faltaba á poética de Nan de Allariz.

En todo caso, Nan de Allariz foi un empresario e propietario das fabricas de tabaco, “La Flor de Lis” e “Galatea”, que ben pode representar a aqueles galegos que partindo de cero fixéronse con negocios e riquezas, sendo capaces de non renunciar a súas orixes e promover galeguidade en súas relacións e ámbitos de facer país, desde a cultura, a economía e a política. Nan de Allariz foi un persoeiro preeminente, moi esquecido nos ámbitos galegos actuais, como nas entidades galegas en Cuba, actualmente. Unha persoa moi preocupada polas discrepancias que había entre os emigrantes galegos en Cuba e, sobre todo, polos intelectuais residentes na illa, no período da estreada independencia cubana. Había intelectuais que postulaban pola españolidade de Cuba, e outros ao contrario. No Centro Galego da Habana respirábase un ambiente discrepante. A visíbel opinión de Curros Enríquez, clamando concordia, no poema titulado: “Pola Unión”. Nan de Allariz, escribe un artigo no xornal “Galicia”, o 2 de abril de 1905, no que di: “Los intelectuales gallegos se pasan la vida en continuo pugilato literario, cada cual con su léxico propio, peculiar, y cada cual creyendo poseer el mejor sistema, método o gramática, resístese a aceptar otras doctrinas que no sean las suyas propias, y, por lo tanto, se toca la imposibilidad de llegar a “un acuerdo”.

Por último, la apatía del pueblo gallego por todo “lo nuestro” es manifiesta, mal que pese a su tan decantado patriotismo”.

Demasiado tempo durou aínda este individualismo que manifestou Nan de Allariz na sociedade galega emigrada, e en varios contextos da intelectualidade do noso país. Mais o patriotismo que practicaron e invocaron os nosos emigrantes colleu corpo e visibilidade naqueles respiros de resistencia contra a incultura. Os emigrantes da miña parroquia de Merlán en Cuba, construíron a grandiosa escola rural en 1925, un enorme edificio mixto de dúas plantas, para alumnas e alumnos, e dúas vivendas para mestres. Unha realidade visíbel ampliada noutros lugares da nosa xeografía. Mais os tempos mudaron e a globalización dispérsanos do verdadeiro sentido patriótico de facer país desde a distancia. Mais a nosa Terra tira por nós e non é fácil desprendernos de súas prioritarias demandas

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras