Ana Sastre, In Memoriam - 22/10/2020
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

O sete deste mes de outubro, nunha mañá entre sol e néboa, recibín unha chamada telefónica de José Luís Silva, esposo da escultora Ana Sastre, cun ton de voz entrecortada e amparada por ese silencio tráxico que anuncia conmocións. Así foi: Ana Sastre tiña falecido esa mesma mañá. Tremeu a miña emoción, predominando o silencio. Era difícil que a miña lingua coordinase palabras para salientar respostas do que estaba oíndo. Ocorréuseme ana sastre 1responderlle co verso de Uxío Novoneyra: "A morte non é certo", mais reprimín ese impulso e aceptei o intre vulnerábel que a vida nos reserva. Pensei longos días e aceptei a realidade da necrolóxica de Ana Sastre. É difícil que os súpetos da morte derriben a plenitude, a vitalidade e a irmandade da vida de Ana, dadora e creadora de tantas harmonías no bo facer, en todo aquilo que emana de algo tan nobre como é a reprodución escultural de virxes románicas. Un verdadeiro eco que aviva memoria reconstruída, porque todos os que precisamos da altiva orde das cousas aclamadas, estamos na poderosa obriga de restituír a paixón e a vitoriosa vida de Ana Sastre, a enorme condutora de vitais recompensas intemporais que nos deixa no seu legado as importantes prendas que conforman a súa colección de virxes románicas do século XII e XIII e góticas.

Lembro con emoción, aquela tardiña de verao que Ana entraba en contacto telefónico comigo, para pedirme o historial da imaxe románica da Virxe de Pesqueiras, fotografías, medidas, etc., daquela talla que tiña desaparecido o 28 de agosto de 1999. Un incendio foi utilizado como coartada para minimizar o roubo. Non convenceu esta táctica, mais esa talla continúa procurándose. Ana tiña moito interese en reconstruíla por medio de fotos e medidas. Tivo sorte que eu tiña un catálogo da exposición de arte sacra celebrada na catedral de Ourense en 1997, onde a Virxe de Pesqueiras foi exposta, e dito catálogo tiña as medidas exactas. Ana, manifestoume que era da provincia de Ávila e que agradecía que eu lle falase en galego, así foi. Comezou o traballo e fíxenlle unha visita a Sada, onde fiquei prendado da amabilidade de Ana e de José Luís. O primordio daquela escultura votaba a andar na solidez estrutural de pasta de papel. Segundo a evolución do seu traballo enviábame fotos. Naqueles tempos eu estaba na "Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada". Animei a socia e cofundadora da entidade, Mercedes Vázquez de Pesqueiras, para que esa imaxe ficase en Pesqueiras. Mercedes xuntou o diñeiro e Ana a deixou a prezo de sal. Esa imaxe entronizouse no mosteiro románico de Pesqueiras o 12 de agosto de 2012.

A réplica foi tan exacta á virxe desaparecida que moitos fregueses pensaban que tiña aparecido a talla orixinal. Como ben resalta Carme Varela, nun dos seus artigos dedicados a Ana Sastre. Foi un acto esplendoroso coa presenza da súa executante. Foi un día grande para Pesqueiras e para os devotos da virxe que volvían a retomar e admirar a mesma fisionomía e policromía. Este traballo que enxalzou o acto do que estamos revelando nesta especie de crónica, forneceu o miña amizade con José Luís e Ana, converténdome nun entusiasta fiel aos traballos e copias das Nosas Señoras románicas, produto da nosa activa escultora. Nunha exposición no castelo do Pambre en Palas de Rei, Ana pediume o texto do catalogo para este evento. Mais tarde estiven presente na inauguración das súas virxes no mosteiro de Samos. Unha enorme, emotiva e iluminada exposición visitada por centos de peregrinos que tripaban o Camiño de Xacobeo. Tivemos moitas conversas sobre o legado que nos deixou e que reclama dos responsábeis do patrimonio sacro e doutras institucións que amparen e divulguen este marabilloso e suculento traballo artístico dunha fervorosa e amante do noso románico, como foi Ana Sastre.

xlg202010221Nesta especial ocasión sumida na tristeza, lembro emotivos encontros co matrimonio Silva-Sastre en Pesqueiras, Sada, Chantada, Nogueira de Miño, Samos e Pardiñas. Un dos últimos foi na Coruña, nunha conferencia que pronunciei na Real Academia Galega en 2017, sobre o poeta Manuel María, a enorme sorpresa foi ver aos estimados amigos Ana e José Luís no acto, realizando un enorme esforzo para Ana, que veu escoitar ao amigo coa súa longa doenza ás costas. Ana Sastre non se foi a ningures, continúa viva en todos os que ela amigou; nos que admiran a súa obra e a súa minuciosa creatividade, tan chea de espírito expresivo e tan cargada de universalidade, recuperando pasados que Ana comprendeu e deu exemplo de restituílas e darlles permanencia a tanta orixinalidade artística e artesán. O vital de Ana Sastre continuará iluminándonos nesas imaxes das Nosas Señoras románicas, onde ela sempre a veremos transparente e iluminada.

Presentación libro do manierismo en Sober.

a ìntura manierrista en solbar

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras