Renego - 29/01/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Renego de moitas cousas e ilusións, mais non do demo. El é bo compañeiro, cando o atopo desafiante e facendo falcatruadas na iconografía románica. Por iso é que cada tempo ten o seu Satanás, feito a medida dos desafíos interesados que dominan o mundo. Nese escuro dominio amedrentando a plebe, cando esta procura abrir fendas de liberdade. Aí está o demo neses áticos promontorios, solemne, pensante e estático, ante a presenza do arcanxo Miguel, como na mocheta do pórtico de Santo Estevo e Ribas de Miño (O Saviñao). Ou os demos enxeñosos que aparecen nos miniados góticos das “Cantigas de Santa María”, de Alfonso X, facendo falcatruadas en pór trampas aos oficiantes que pintaban a imaxe de Santa María. Encántame esa inxenuidade de imprecación cando Satanás realizaba contra os intereses do “ben” que os poderes de cada época tecen innovados demos adaptados á cada época, para tormento dos débiles e humildes. As ilustracións máis alienantes e sorprendentes da Idade Media están representadas no libro de Herrade de Landsberg: Hortus Deliciarum, onde aparece un contubernio de demos cocendo persoas na escuridade infernal.

O estilo barroco, en pintura e escultura, co Concilio de Trento aportando pavores neses enormes frescos onde a unión dos demos, nese impúdico campamento de iras e vinganzas, cumprían a función de arrepiar a humildes criaturas suxeitas a monarquías civís e relixiosas. Unha destas alegorías demoníacas constátase nas pinturas manieristas que o concilio tridentino concedeulles eco e ego a eses demos que esgrimen mosquetes e trabucos no mural pictórico manierista da igrexa de Pesqueiras (Chantada).

Mais este tipo de publicidade contra o demo mudou: a modernidade esixe novos formatos operativos. Na guerra de liberación de Mozambique, o salazarismo e a igrexa portuguesa fiel ao réxime, crearon e divulgaron un cartel disuasorio dirixido a etnia dos macondes, no norte do país, onde predominaba a Frelimo, puxeron na imaxe a un terrorífico demo e no seu peito este reclamo: “O diabo anda a tentar no maconde”.

Eu desexo ollar a eses simpáticos e incorruptíbeis demos, convertidos en arte, os procuro nos museos diocesanos das cidades que visito. Sobre todo os que están baixo suplicio do arcanxo Miguel lucindo vestimentas de branco liño e de exuberante seda; con arma fratricida en mao desalmada e rostro tenebroso. Prototipo de poderosos baróns, respectados señores e temidos príncipes e reis. Baixo os pés de Miguel está Belcebú, nu e de pel escura, botando lapas de lume pola boca. Estes dous poderes en litixio representan o concepto dualista do ben e do mal: salvación e condenación, respectivamente. Tema que aclara o antigo conflito da loita de clases, entre explotadores e explotados. Nobreza contra a plebe.

Neste antigo conflito eu sempre estarei ao lado do demo, sabendo que este tipo ostenta o poder en seus perigosos cornos e atractivo rabo. Por suposto, agrádame o seu cheiriño a xofre. Ademais gusto do seu tempero persuasivo, atentatorio, amante de revoltas e camarada dos que cremos na revolución humanista, na igualdade dos que soportan a poderosa bota da incomprensión de tantos arcanxos burgueses, prepotentes empresarios e perversos pregadores. Renego de primarios monifates e de todos os poderes apocalípticos, representados nos emblemas do azul e do vermello. Atráeme máis a fealdade tétrica de Satanás, representante de espoliados obreiros, na estada das incomprensións e nas profundidades dunha explotación mineira.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270