A ruta do Miño, de Melgaço a Vilanova de Cerveira 04/06/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Un puxa polas viravoltas extenuantes desa xeografía ática e esquiva dos montes de Melgaço, procurando Castro Laboreiro, ben chantado nese picouto lítico, con graciosa pedra que anima a alma en súa liturxia conmovida. O minúsculo pobo recíbenos con un día ventoso, zarandeando a seres curtidos neses movementos, que me lembran o seguinte poema Zen: “O vento pasa, as flores caen, un paxaro canta / a montaña conserva o seu misterio”. Castro Laboreiro configura unha península incrustada nas terras ourensás de Entrimo.

Un pobo con diversos rexistros de escollos celtas, romanos, suevos e así até o presente. Un pobo naturalizado en súas singularidades e con íntima correspondencia no ditame do seu medio. Foi así como permitiuse dar medras e lealdade de resistencia, lexitimado no herdo. Da igrexa do século XIV saían as mulleres con negros mandís de carapucho, mostrando a súa particular prenda antropolóxica como ofrenda a un pasado que esnafra falsos futuros.

De Castro Laboreiro a Melgaço, a estrada esclarece seus serpenteos até acadar o Miño e desvendar a fermosura das terras de Arbo e as retortas montesías da Caniza, alentando o descenso até chegar a Melgaço, visitar o delicado rueiro, a torre de homenaxe, o Museo dedicado ás transaccións comerciais que se facían nas dúas orelas do río Miño, a chamada ruta de contrabando do café. Toda unha macabra historia feita á medida da intransixencia ditatorial de Franco e Salazar, con mortos por medio.

E un vai indo por eses eidos entre relucentes quintas de cepa rebuldeira e xenerosa para ser rezo e cantar nas mesas de luxo mantel. E perfume de viño en xerros na lareira de pobres. Mais o Miño non nega a ninguén a súa ofrenda piscícola de troitas, anguías e lampreas. En Monção, din que o río deixa o peixe para ser recendo dunha culinaria feita á medida de quen gusta de experimentar o que se filtra polo tabique nasal e relaxar un tranquilo paseo á veira do río, e facer venia ao busto de João Verde, o poeta da raia mollada, con seus versos elexíacos dedicados a Galiza.

Os largos de Monção, a fortaleza e as rúas tan esquemáticas e asimétricas perpetúan seus debruces sobre o Miño. Como se os canteiros tivesen un presentimento taoísta en todo o que resta da melancolía dun artista.

Así vai indo un sen receso, deixando de paso a Valença do Minho, cara Vilanova de Cerveira, sen minguar a ollada sobre as augas lentas do Miño que memorizan a grandeza histórica da intransferíbel Suevia, de galegos e portugueses, como escenario desatendido. Agrádame esta vila nova, con súas marcas do pasado e dun presente aderezado de innovacións, con esas esculturas de cérvidos que o saudoso amigo, José Rodrigues, o épico e bucólico escultor que modelou ese altivo cervo que é insignia de Vilanova de Cerveira.

Mesmo na cimeira do mosteiro de Sam Paio, convertido no gran museo escultural e pictórico de José Rodriguez, onde recalei varias veces para pronunciar algunha palestra e conversas co propio escultor e con Luandino Vieira, na altura en que vivía neste enorme recinto. As rúas de Vilanova de Cerveira demándanme lentitude ao camiñar sobre a pedra dos lousados: pasos ben medidos e contados cando paseo pola fortaleza que leva o nome de Don Dinís. A vida aquí é tan sobria que renova o espírito en moitas das nosas fraxilidades.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270