A ruta portuguesa do río Limia 11/06/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O río Limia pasa ranqueando baixo os arcos da Ponte da Barca, semellante aos ollos flamexantes de Epicuro cando rastrexaba no delirio dun ruxir de augas tumultuosas. Esta ponte que substituíu ás antigas e anticuadas barcazas que permitían o paso do río en dúas direccións cara o Alto Miño, comunicando Portugal coas antigas provincias de Tui e Ourense.

Sorprenden esta ponte convocando diálogo na praza dos poetas, nese espazo lúdico-lírico dedicado aos irmáns, Frei Martinho da Cruz e Diogo Bernardes, naturais desta localidade e pertencentes ao século XVI. Frei Martiño, observou o formato e as composturas da auga do Limia, coidando que o movemento da auga ilumina a movemento da alma.

O poeta proclama nesta elexía: “Aquí, con mais suave compostura, / Menos contradicão, mais clara vista / Verei o Criador na criatura”. A vocación de compor bucólicos sonetos ao río Limia, tivo promoción no seu irmao, Diogo Bernardes, nesta estrofa: “Inda agora outra ves, duros penedos, / Ouvireis o som triste de meus ais: / E vós, augas do Lima, que passais, / A quem já descobri muitos segredos”.

Nesta praza de gracia e lindezas poéticas, deben reparar os galegos, nestes dous nomes tan descoñecidos nos ambientes populares da Galiza, recoñecelos na abundante lírica onde a Galiza está presente, sentíndonos restituídos na lingua e na expresión literaria que eles emitiron, nunha fase en que a Galiza estaba depredada polos tres centos anos de silencio. Esta vila cargada de arte barroco e neoclásico, de pelouriños xusticeiros e cruces negras e mornas do Santo Oficio, agora son recreo de paxaros que deixan os seus excrementos que as decoran dun gris turbulento. Curioso: os paxaros portugueses teñen curiosa ironía.

O Limia en seu clamor apurado, condúcenos e déixanos diante dos catorce arcos desa ponte, longa e comedida, onde as súas augas non son neutrais nin indiferentes para quen as observa. Tanto a ponte como río dan nome a esta cidade miñota, Ponte do Lima. Ese enorme paseo custodiando as súas augas, ofrendando farturenta paisaxe neses seixos e bidueiros; vistos en oblicuo, conforman un xeneroso claustro visual, confinando Ponte do Lima, como un espazo primordial onde se conxuga pedra, auga, luz e música. Ir á Ponte do Lima é como escorrentar a monotonía que albergamos no furor dos nosos avatares.

Mentres o badalo da igrexa matriz repite as xustas do tempo en transito, nós deixámonos conducir polos ecos do rio ate chegar á súa foz, en Viana do Castelo. Aquí o Limia consume o seu ciclo fluvial. Histórico e loado percorrido, desde as nacentes nas lagoas de Antela, en Xinzo de Limia, ate o seu obituario que se produce neste inmenso areal que as atlánticas ondas envolven e consumen as augas do Lima.

Viana do Castelo ten esa pose nos beirais dunha paisaxe marítima, fluvial e montesía. A arquitectura de Viana do Castelo non se define por unha arrogancia que potencie incomposturas. Aquí todo parece que as augas están protexidas contra escuras maledicencias, por esa enorme fortaleza, na que non moran cabaleiros nen casteleiros. Esas diminutas pedras teñen a impertinencia de continuar medrando por enriba dos tellados e xerarquizando medos nos áticos campanarios e noutro preludio das casas brasonadas.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270