Xenocidio de Estado en Gaza 12/11/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

O infanticidio que producen as bombas de Israel removen conciencias nesa alterada alarma, coa voz en berro, coa vida en desespero, nun escenario moi difícil de comprender e menos en asumir, cando a metralla silencia a palabra: única arma que pode evitar tanta destrución. O terrorismo mostra a prepotencia devastadora daqueles que sufriron un holocausto, e son os mesmos os que producen suculentas barbaries e mortíferas destrucións, sen concorrer aos valores máis simple de benevolencia que soportan os simples. Posiblemente os contendentes teñan razóns inmutábeis para a súa autodefensa, mais poderosa é a palabra, que emite paz e consenso, apta e capaz de ordenar un desexado armisticio e frear esas intolerábeis hostilidades que soportan os palestinos, asediados por ese calculado e mortífero Apartheid imposto na franxa de Gaza.

Esas bélicas accións están no ADN de israelitas e ismaelitas desde as primeiras matanzas que nos menciona o primeiro libro da Biblia, Xénese 25. Entre os fillos de Abraham, Isaac e Ismael. O primeiro era fillo da israelita Sara, o segundo era fillo da serva exipcia de Abraham, Hagar. Nestas dúas ramas aséntanse xudeus e árabes, uns eran fillos da lexítima muller do patriarca, outros da serva Hagar, que en moitos textos aparece como rameira considerada polos xudeus. Dito isto, é fácil comprender o relato bíblico de terríbeis liortas, guerras de exterminio entre os sucesores de Isaac e de Ismael. Vemos que aínda ten os seus respiros a “Lei de Talión”: “Ollo por ollo e dente por dente”, lamentábel uso de actualidade.

Na actual destrución e división de Gaza, o exceso multiplícase, cando un israelita din que vale por cen palestinos. O horror que soportan os palestinos defendéndose con pedras, mentres o terror dos mísiles israelís amplía holocausto. Os que sufriron o holocausto nazi afiánzanse na barbarie xenocida, creando outros holocaustos, proseguindo a devastación indebida do territorio palestino. En todo este drama, conmove o pouco que importa a vida desas crianzas vulnerábeis que son asasinadas en refuxios e hospitais. Aferrarse ao odio como o fan os sátrapas e os rabinos en unión e ortodoxia que mata e vulnera os dereitos humanos máis primarios.

Gaza merece un SOS universal, unha contundente solidariedade pola PAZ en maiúscula, neste sentido non cabe unha paz disfrazada de hipocrisía. Israelitas e ismaelitas desde a era de Abraham, proxenitor de ambos, están condenados a entenderse aínda nese misterio histórico ou nese martirio nos que ambos se inmolan. “Paz, tolerancia e vida” era o lema desexado por un enorme pacifista de Oriente Medio e director de orquestra: Daniel Baremboim, de identidade palestina e israelí, engadiu: “Podemos vivir xuntos, porque o conflito non é político senón humano. O fundamentalismo atenúa masacres no humano”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270