Desvaríos e desgobernos 03/12/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Retomando a lectura de “Emilio ou a Educación”, de Jean-Jacques Rousseau, o seguinte parágrafo que transcribo, lévame a unha cuestión de ética sobre o estado político que podemos contemplar como actual e sobre os que supostamente coidan que nos gobernan, esquecendo o mais mínimo pudor de gobernar o colectivo público en súas diversas dimensións. O fascinante texto de Rousseau, di: “Para cultivar unha arte hai que comezar por procurar seus instrumentos, e para podelos empregar utilmente é necesario facelos tan consistentes que resistan seu uso”. Non fai falla recorrer a textos socráticos ou aristotélicos para mostrarnos que a política é a arte de gobernar. Kant, insiste que a arte de gobernar defínese na coherencia ética dos que gobernan e do pobo que esixe comportamentos éticos a seus gobernantes. Neste inmenso país, de feble pel de touro, non se cultiva tal arte nin tal ética. Os que o gobernan desprezan os instrumentos máis simples e adecuados, por falta de rigor e exemplaridade, fixeron quebrar a tales instrumentos e, con eles, os valores dunha boa relación entre o si e o non de calquera equilibrio democrático.

Mais os desequilibrios fomentados por gobernos prepotentes, de omnímodos e vetustos comportamentos, capaces de desprezar ao outro, con inxurias e boatos que instrumentalizan a vida social do Estado español. Despois do 14 M de 2004 é difícil reparar esa longa etapa de desencontros, que creou unha especie de monopolio único e, tamén, residual ao gobernar a golpe de atizar brasa e queimar o peixe que ten que comer. Etapa en que se hipotecou a este país, coa irracional forma de confrontación. Isto lévanos a pensar que estamos nos mellores anos de floración franquista. Os métodos e incluso os mínimos detalles de desgoberno apuntan a este extremo de derrota e catastrofismo.

Os problemas que ten o Estado español, son moito máis serios que a frivolidade de brincar con eles e, sobre todo, cando tratan de evadilos para desmarcarse de calquera debate serio e preciso. Evitar o debate pasa por encubrir a propia realidade enrocándose en parámetros anticonstitucionais. O desprezo á realidade consiste en continuar enmascarándoa con estrepitosas verborreas, mostrando a falta de talante democrático e de respecto cos que elixen a esta estirpe de políticos que amparan a mentira e asedian á cidadanía. Poñamos como exemplo o desprezo burlesco, que o Sr. Trillo fixo a unha xornalista: “Llevo una semana guardando el mismo euro para el que me preguntara por las armas de destrucción maxiva”. Isto é maltratar o debate sobre un asunto tan serio como é a participación nunha guerra inxustificada como a de Irak.

Lembrando a Eduardo Zaplana, portavoz gobernamental, espetou aos xornalistas: “El Gobierno de Cataluña son tres, pero uno de ellos suma un cuarto, ETA”. Esta foi unha acusación moi grave, tipificada neses acosos e derribos contra un goberno autonómico como é o de Cataluña, constitucional e democrático. Aínda, Julia García-Valdecasas, Ministra de Administraciones Públicas, insistiu: “Con gente asesina no se puede pactar y que, de alguna manera, el PSOE ha pactado en Cataluña con asesinos”. Se esta ministra tan hábil na arte de desgobernar tivese provas do que dixo, chamándolle asasinos aos de ERC, debía propiciar sen demora a prohibición inmediata dun partido terrorista, como o que ela acusou de selo. Qué pretendían con este tipo de boatos? Evitar o debate. Desviar os verdadeiros temas que o cidadán ten pendente, como son as pensións, un ensino libre e laico, e tantas outras desigualdades sociais que se teñen agravado coa impetuosa maioría absoluta que se practicou en varias lexislaturas parlamentarias.

A estes voraces desencontros hai que sumar os tremendos e descualificados ministros de outrora como aquela endeusada ministra de Medio Ambiente, ou do pretoriano presidente autonómico de Murcia, que xa poucos se lembran del. Utilizando mentira e insulto, que forman parte dese maltreito amoado mental que nos traen os políticos da dereita e da extrema dereita, como elemento esencial de neutralizar as verdades dos que gobernan. Ante tanto menosprezo á cidadanía democrática, un remata como comezou, con outra idea de Rousseau: “Abandonade, pois, todos eses misteriosos dogmas que para nós só son palabras sen ideas, todas esas doutrinas estrafalarias que nos converten máis en tolemia que en persoas sensatas”.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270