A revolta dos mitrados 10/12/2023
logo nosjpg

Xosé Lois García

Nun Estado de dereito constitucional que ampara a liberdade de expresión, é licito que calquera grupo ideolóxico ou confesional faga uso dese dereito. O que non é ilícito é falsear a verdade e crear un clima de confrontación con mentiras e inicuas alegacións. Defender a verdade non é exemplo dos señores mitrados. Eles saben que o debate democrático non coincide coas pauliñas que eles emiten desde o púlpito. Tamén saben que están confinados por eses séculos medievalistas e nesa autarquía de discurso único excluínte e totalitario. Aferrarse a certos modelos de crenzas e normas anticuadas, ignorando que este mundo está dotado de mudanzas. Manterse naqueles tempos en que a ortodoxia condenou a Galileo. Esa idea omnímoda, usurpadora e atentatoria contra os dereitos constitucionais, por parte da xerarquía eclesiástica, non encaixa nunha sociedade libre e soberana. Por tanto, é elemental que a gran maioría rexeite dos que pontifican ideas paternalistas e menosprezan a soberanía popular manifestada nas urnas.

Aferrarse sistematicamente a unha serie de conceptos trasnoitados e intentar parar a realidade nese centro de conveniencia episcopal e formulando receitas retrógradas e trasmontanas. Estes comportamentos contradín as palabras de Xesús de Nazaret: “O meu reino non é deste mundo”. Estas palabras manifestan a contradición na que se move a Conferencia Episcopal Española fronte a unha serie de situacións invulnerábeis do poder civil. Temos a sensación que o poder teocrático da Igrexa española intenta usurpar cuestións tan esenciais e elementais como a de interpretar e guiar a cidadanía desde o seu propio pensamento único. Mal lle vai a unha sociedade cando a obsesión de certos iluminados intentan impoñer a súa verdade sen contemplar o problema e a verdade exposta por diverxentes. Nesta cuestión, cabe lembrar esta prenda verbal de Xesús: “Non deáde-lo sagrado ós cans nin lle botéde-las vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen” (Mateo 7, 6).

Neste país a ninguén se lle nega o modelo de familia que debe escoller e practicar cada un dentro das normas democráticas e constitucionais e, tamén, de crenzas. En troques, se revisamos a historia do comportamento da Igrexa española, nos séculos medievais e idade moderna, vemos como se toleraban matrimonios de conveniencia e practicábanse divorcios co beneplácito dos magnates eclesiásticos, exemplo: o casamento que durou unha noite entre o rei Pedro o Xusticeiro e Isabel de Castro (filla do Conde de Lemos) que a igrexa practicou tal desfeita, entre outros exemplos máis que na historia resplandecen esas anatemas.

O modelo de familia cristiá é un dos máis que existe e todos eles responden a diversas culturas e expresións relixiosas e culturais. Ante esta realidade, o cardeal Tarancón, nun dos Sínodos celebrados no Vaticano, recalcou o tema antropolóxico da diversidade familiar. Neste sentido, o actual goberno español non vulnera nin ataca o modelo católico nin outros modelos ou comportamentos que estean dentro do contexto legal vixente.

Insístese na ocultación do tema homosexual e que dentro da Igrexa ten un carácter cargado de hipocrisía, cando todos sabemos que a homosexualidade de moitos clérigos é unha realidade innegábel, cuxo dereito a manifestarse tal como son os leva a un menosprezo absoluto por parte da xerarquía. A pederastia practicada por tantos cregos norteamericanos e, tamén, no Estado español estanse descubrindo casos de elevadas cifras que irritan a crentes e non crentes. Realidades que a xerarquía eclesiástica trata de ocultar con repentino escurantismo. Mais o papa Francisco chama a capítulo a todos os compoñentes da CEE ao Vaticano. Isto quere dicir que o problema nefando da pederastia pretende aclaralo o propio papa; cando a xerarquía do clero español, non desexou extirpar o problema.

Sorprende o silencio que lle dá a xerarquía eclesiástica ás palabras de Xesús, cando dixo: “Coidade dos pobres que sempre os teredes con vós”. Velaquí a pobreza dimensionada en tantos dons e demandas dos humildes son desoídas. Entre eles a pobre xente que sufriu pederastia, o desprezo polos indefensos. Esa indiferencia cos que carecen de vivenda, dun posto de traballo e dun fogar familiar constátase nos señores mitrados cando pouco fan e pouco din en favor dos marxinados. A excepción de mitrados moi interesantes que apelan ao Evanxeo para superar maledicencias nas que navegan en nave furada. Mais as claras directrices do papa Francisco dan azos para aclarar o grave problema da pederastia.
revolta Xosé Lois García

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270