Francesc Armanyà I Font, Bispo de Lugo, no seu III Centenario - 26/12/2018
Opinión - logo gd 2

Xosé Lois García

Desde neno, o bispo Armanyà foime moi familiar por varios documentos que gardaba o meu pai deste prelado. Dous deles eran títulos de nomeamento francesc armanya i fontde diácono e de ordenación de sacerdote, a nome de D. Francisco García Méndez de Podente, párroco de Merlán e falecido en 1805. O que Mais me impresionaba era ese documento manuscrito de dez folios, que comezaba co nome de Francesc Armanyà e a continuación, en letras voluminosas e recargadas de tinta negra enfática, dicía que tal señor era “Obispo y Señor de Lugo”. Trátase dun documento de concesión de bens que o bispado tiña no Couto e Freguesía de Santo Tomé de Merlán, e Armanyà concedeu a Francisco García o privilexio de ter dominio sobre as suculentas terras, das que o crego foi beneficiario e seus familiares tamén. Aínda hai un agro da familia dos García de Podente que se lle dá o nome, “Agro do tío cura”.

Cando me interesei por coñecer a personalidade de Francesc Armanyà i Font (Vilanova i la Geltrú (Barcelona), 1718 - Tarragona 1803) e bispo de Lugo de 1768 a 1785, encontreime cun persoeiro sobranceiro en varios perfís, alén e aquén da súa prelatura. Un dos seus biógrafos mais destacados, Francesc Tort i Mitjans, aporta unha longa descrición de seus cargos eclesiásticos, desde os catorce anos en que ingresa na orde agostiña no convento de Sant Agustí de Barcelona, e desde a súa ordenación en 1742, encontrámonos cunha sorprendente escalada de cargos en diversas áreas da orde de Santo Agostiño. Como prior do convento do mesmo nome e como provincial de Aragón e Cataluña. Pola súa calidade humanista e pola apatía co xesuitismo intervencionista, Manuel de Roda y Arriete, marqués de Roda, secretario de Estado de Gracia e Xustiza, declarado inimigo dos xesuítas, foi quen potenciou a expulsión desta orde e puxo a mirada en Armanyà como bispo de Lugo, ante Carlos III e Clemente XIII. Mais o propulsor e valido do futuro bispo de Lugo foi Josep Climent, bispo de Barcelona, unha das figuras mais notábeis da ilustración eclesiástica e antixesuíta. Francesc Armanyà simpatizaba coas posturas de Climent e doutros bispos que secundaban ao bispo de Barcelona en varios ámbitos. Un grupo moi compacto que apostaron por un cambio radical que ía alén dos postulados eclesiásticos, tamén tiñan grande preeminencia en temas sociais e de Estado. Estes mitrados, coñecidos como o “grupo de bispos valencianos”, polo que simpatizaba Armanyà, avaliaremos o seu papel en próximas liñas. Os conceptos estruturais e de fondo que practicou o bispo de Lugo na súa diocese, parten do que se concretou nese grupo tan compacto liderado polo bispo de Barcelona, Josep Climent , que foi o valedor de Armanyà para acceder ao bispado de Lugo, e o consagrou no convento de Sant Agustí o 28 de agosto de 1768, o día da súa festividade deste santo da patrística.

francesc armanya i font 2Armanyà non manifestou abertamente a súa influencia que tiña en certos estamentos como provincial dos agostiños e no que respecta ás súas ideas de ilustrado, antixesuíta e xansenista. Era consciente que os ambientes eclesiásticos de Lugo estaban nunha órbita ben diferente ao que el practicaba en Barcelona, con Climent. Mais nestes conceptos non foi tímido en aclarar as súas posturas dunha maneira intrínseca ante o cabido catedralicio e o consistorio de Lugo. Tal como o aclara Amador López Valcarcel, no seu “Episcopologio Lucense”, onde as friccións entre o bispo e a curia existiron, moitas veces non con demasiada prudencia. Armanyà era un intelectual profundamente pragmático, que sabía saír problemas de fondo e sempre ileso. No tema regalista, que nos menciona Valcarcel, con respecto a “los bienes de la instinta compañía de Jesús en España, concretamente a los de Monforte”, aquelas instancias educativas eran transferidas aos escolapios, que estaban mais en harmonía co que pensaba ese grupo de bispos que en parte apoiaban indirectamente certas políticas regalistas fronte ao Vaticano. Neste sentido, Armanyà soubo navegar sen mollar a roupa. Coa chegada de Francesc Armanyà como bispo e señor de Lugo, unha das súas preocupacións foi accionar o ensino público, creando varias escolas e mobilizando ao clero para impartir ensino no medio rural. Edificou o cárcere de Lugo e posibilitou un cambio de infraestruturas na capital luguesa, que mencionan López Valcárcel e Francesc Tort i Mitjans, polo que non insistirei no longo inventario de obras e beneficios que Armanyà aportou á súa diocese durante os 17 anos de residencia.

O bispo catalán era un profundo coñecedor dos texto clásicos cristián e tiña un dominio da oratoria, utilizando sorprendentes metáforas e alegacións de cargada sutileza, como aquel sermón que empregou na festividade de Santo Agostiño, na igrexa dos pais agostiños de Sarria: “No espereis hoy de mi, Amados oyentes, discursos elevados, ideas sublimes pomposas cláusulas, ni otro de aquellos primores, o voceándose propios de los panegíricos, se grangean a tiempo el gusto y el aplauso del auditorio”. A súa sermonística tiña un cariz crítico e, por veces, desafiante, dirixida a seu clero, como o sermón que pronunciou en 1775: “Cuando finalmente abrirás los ojos a la luz del desengaño? Ya es hora que despiertes de tu sueño fatal, y es hora que te levantes de tu lecho, que mas que lecho debe llamarse sepulcro”.

Un dos sermóns mais interesantes de Armanyà i Font é o que pronunciou na catedral de Lugo, dedicado aos que aspiraban ao sacerdocio. Unha discursiva moi lineal e puntual no que tiña de censura e no que tiña de crítica edificante, ante aqueles aspirantes a ocupar o ministerio clerical que no seu bispado estaba pregado de cregos pouco instruídos no divino e no humano. Esta tipoloxía de cregos, no reinado de Carlos III, o acreditaba Armanyà nas súas visitas pastorais polo rural diocesano. Aquel panorama, para un bispo ilustrado da calidade do de Lugo era unha afronta que había que superar, que ademais era un dos activos culturais considerados e pretendidos polo grupo de bispos progresistas do grupo valenciano. Naquela ocasión dixo aos aspirantes: “Con harto dolor hemos de confesar que algunos ministros del Señor con el desarreglo de su vida se hacen indignos de tan noble ministerio. Pero la vileza de la persoa jamás podra envilecer, ni aun desminuir la excelencia de su carácter. Por mas viles que sean las acciones de los sacerdotes”. (...) ¿Que diremos de los [sacerdotes] que llegan sin vocación? Esta falta es la que tiene poblado el mundo de desgracias en tódos los estados; porque lo que dicide muchas veces para tomar estado, no es la divina vocación, sino la circunstancia del tiempo y de la que llaman fortuna”. (...) “Al que gusta mas de las pompas y vanidades del siglo que de los exercicios de piedad, al que frequenta mas los lugares de juego y diversión, que la casa de Dios y sus Santos Sacramentos: al que nada mas aborrece que la oración, el retiro, el rigor de la disciplina eclesiástica”. (...) “Si de los presbíteros depende la salvación de las almas: ¿Quán grande será el peligro de aquellas, que confiaron á unos presbíteros que ni lo son por mérito, ni por divina vocación”.

Tais críticas non estaban moi en auxe nos bispos de Galiza de finais do século XVIII. Sementar estas críticas, no que respecta á evidencias e comportamento do clero daquela época, convertían a Armanyà no punto de mira das desconfianzas. Mais o bispo de Lugo estaba moi atrincheirado nas sólidas e defensivas ameas do castelo do cambio estrutural do Estado que intentaba borrar os errores do pasado e promover un cambio, que non proviña de desexos só individuais, senón determinados por un pensamento ilustrado e exercitado por un colectivo moi reducido de influentes bispos que apostaron por un enorme cambio, tanto na Igrexa como no Estado, e nese vehículo de cambio estaba Francesc Armanyà i Font.

Este bispo creou e dirixiu en Lugo a Sociedade Económica de Amigos do País. Recollemos algunha referencias do seu discurso inaugural, pronunciado o 1 de marzo de 1784: “El atraso de la industria y de las artes en esta Provincia (¿Por qué no diremos en todo el Reyno de Galicia?) La labranza logra mas aplicación de sus paisanos naturalmente laboriosos; pero ¿quien dirá que no puede mejorarse? ¿Quien dira que se cultivan todas las tierras actas para el cultivo?”. (...) “En esta misma Provincia muchos lugares que pocos años atrás no veían una caña de maiz, ahora logran abundante su cosecha con gran beneficio de los labradores”. (...) “Lugo ha de ser lo que con tanto gusto veia Roma en sus floridos siglos: ha de ver a los mas autorizados Patricios en los campos para mas instruírse, y luego instruír a los labradores en lo que conduce a la perfección de la labranza”. Un ano despois, 1785, Armanyà é nomeado arcebispo metropolitano de Tarragona, e connota o mesmo discurso que tiña en Lugo e creou a Societat Econòmique d’Amics del Pais de Tarragona. Nesta cidade, no seu exercicio de arcebispo faleceu aos 85 anos en 1803.

Ao principio falamos dos bispos valencianos, antixesuítas e pretos ao xansenismo, como Josep Climent (1706-1781) de Castelló de la Plana, bispo de Barcelona; Felipe Bertrán (1704-1783) de Castelló, bispo de Salamanca e Inquisidor Xeral que comezou a desmontar o Santo Oficio; Rafael Lasala (1716-1792) de Vinaroz, da orde agostiña e bispo de Solsona. Estes tres prelados tiveron relación de amizade e estudos con Gregorio Mayáns (1699-1781), natural de Oliba (Valencia), estudou cos xesuítas en Barcelona, xurisprudencia e filosofía nas universidades e Valencia e Salamanca. Estamos ante unha das máximas autoridades da ilustración do século XVIII. Un intelectual que influíu en tódolos públicos que desexaban cambios estruturais no campo social, económico e relixioso. Os tres bispos mencionados foron correspondentes do idealismo de Mayáns, sobre todo no que respectaba aos xesuítas, como sociedade corporativista de regresión, na proposta de Mayáns e os seus.

Ás maos de Mayáns chega un documento do arcebispo de Dublín, George Bronswell, que escribiu en 1558, que di o seguinte: “Hay una Compañía, que se ha levantado, poco tiempo hace, y se llama de jesuítas. Engañan grande número de personas; viven la mayor parte como los Escribas y Fariseos. Con el tiempo intentarán abolir la verdad”. Estes tres bispos toman unha postura ponderada coas interpretacións de Xansenio mais que co tema doutrinario. Había varios bispos entorno dos tres bispos valencianos, entre eles Francesc Armanyà, que evidenciaron parte do diagnóstico de Bronswell contra os xesuítas até a súa expulsión. A animadversión polos xesuítas deuse mais na Orde Agostiña e nos que frecuentaban a lectura de Santo Agostiño. Posiblemente Armanyà, freire agostiño, estivese nesta liña que, mais tarde manifestou en certas composturas e esixencias realizadas como bispo de Lugo e como arcebispo de Tarragona.

Pola norma científica e racionalista de Gregorio Mayáns apostaron estes bispos valencianos que ampliaron o seu radio de acción preferentemente a Portugal, despois do terremoto de 1755. Moito antes a este desastre xa había relacións entre os mayansianos co Oratorio portugués de Antonio Pereira un clérigo moi influínte que odiaba aos xesuítas. Despois do terremoto de Lisboa, o Marqués de Pombal, un home ilustrado e valido do rei D. José I, quizais un dos mais adiantados de Europa en liquidar imposturas xesuíticas. Un dos máximos aliados seus foi Manuel do Cenáculo, importante clérigo antixesuíta e relacionado con Mayans e seus ámbitos eclesiásticos, apostou pola consolidación do poder do Marqués de Pombal, este o nomea arcebispo de Évora. Despois do terremoto aparece un xesuíta, Gabriel Malagrida, coa predica de que o terremoto fora enviado como castigo de Deus, polo mal goberno de Pombal e os pecados dos infames dos seus seguidores. Rapidamente foi executado Malagrida en 1761. En 1759 o Marqués de Pombal expulsou aos xesuítas. O racionalismo de Mayans e a posición dos futuros prelados valencianos e do agostiño Armanyà, non abandonaron o grande debate aínda que optaron por nun precavido silencio. O poema de Voltaire, sobre o fenómeno do terremoto de Lisboa foi un puntual revulsivo contra a manipulación dos que afirmaban que a ira de Deus castigara aos portugueses. A expulsión dos xesuítas en Portugal adiántase á de Francia que os expulsa en 1764 e España en 1767.

Convén afondar na personalidade de Francesc Armanyà i Font que ocupa varios marcos e influencias, desde a súa comunidade da orde de Santo Agostiño, pasando polas indagacións xansenistas do problema creado cos xesuítas e doutros acontecementos que foron perfilando a ilustración que se deu no reinado de Carlos III, con Mayán á fronte e varios prelados como Climent, Beltran, Lasala e Armanyà, como referentes nos cambios da propia igrexa española. Neste III centenario do nacemento de Francesc Armanyà i Font, que se celebrou durante este ano que remata, con diversos actos que se realizaron en Tarragona. Con precisas biografías e valoracións sobre a personalidade tan significativa deste mitrado, que nos aproximan a esclarecer a un eclesiástico de avultada sensibilidade que el abordou sobre temas divinos e humanos.

canle ribeira sacra logo 270

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía

pinturas renacentistas 210x315
As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras