Depredación do románico da Ribeira Sacra - 28 de marzo de 2019

Prevención é unha palabra en desuso para referirse ao mal estado e á degradación que están soportando os monumentos románicos da Ribeira Sacra. Os templos deste estilo son os que soportan a maior depredación, sen prestarlles atención por parte de patrimonio e de seus propietarios, os bispados de Lugo e Ourense. Hai moitos anos, séculos, que o desprezo e o mal uso que se lle deu a estes templos, colocando retablos e unha imaxinería escultórica hostil á definición arquitectónica e á simbólica orixinal do románico non ten precedentes. Os intrusismos que introduciron certos párrocos e poderosos da Igrexa, erixindo colosos mausoleos e simples sepulturas que serviron para alterar estes recintos. Así como excesivas imaxes que promocionaron feísmo e ocultaron parte da estrutura orixinaria.

Así, estragouse “A Divina Proporción” da que nos fala o renacentista Luca Pacioli. Sobre o intrusismo do pon e saco, ninguén activou a alarma. O poder da Igrexa era tan avasalador que todos lle permitiron a súa intransixencia. Eran tempos da Contrarreforma e do Concilio de Trento: o maior depredador do románico que obrigou os párrocos a construír sancristías, permitindo a destrución de presbiterios e de naves, etc. Nesta época, século XVI, comeza a implacábel destrución, cuxas marcas observamos en cada un dos templos da Ribeira Sacra, en maior ou menor proporción. Aí está o selo do intrusismo de pór elementos alleos ao románico e mutilar iconas con símbolos eróticos que a doutrina de Trento as tipificou como obscenas ou xograrescas, que en súa concepción orixinal eran símbolos dedicados a enxalzar a procreación humana e non só pornográficos.

Neste escenario de alteracións temos que sumarlle a desfeita progresiva que contemplamos nunha alto porcentaxe de igrexas románicas da Ribeira Sacra, nas que non encontramos un conxunto estritamente orixinal, senón elementos desordenados que non podemos chamarlle arte pola agresividade que emiten, como son as grandes torres barrocas e espadanas neoclásicas que exercen de campanario, causantes da destrución dos frontis e de humildes campanarios románicos e das proporcións xeométricas.

Neste comportamento destrutivo, detectamos a ousadía narcisista de certos párrocos que permitiron incrustar na fábrica románica agresivas lápidas sepulcrais e cruces de mármore branco nas fachadas que lembran e conmemoran as famosas “Santas Misiones” da Igrexa autárquica da época franquista, sen que o patrimonio, bispos, vicarios xerais e visitadores eclesiásticos non tiveran desautorizado estas aberrantes intromisións.

O catálogo de desfeita é tan visíbel, ostentoso e desordenado que, en moitos casos, o desafío de recompor a orixinalidade é imposíbel. Se houbese vontade e actitude de afrontar o problema polo que pasa o noso patrimonio civil e eclesiástico, sobraría calquera argumentación para afrontar a recuperación e o mantemento do basto e destinguido patrimonio románico que circunda a Ribeira Sacra.

Un dos valores mais destacados da Ribeira Sacra son as diversas construcións medievais de estilo románico, xustamente coa paisaxe que proclaman a un dos espazos arquitectónicos máis emotivos que nos dan a clave dunha serie de relacións históricas, económicas, sociais e artísticas para estudar o papel do monacato galego na nosa sociedade, desde o século XI ao XIV, período en que se conformou a repoboación e parte da identidade viñateira desta longa ribeira que circunda os ríos Miño e Sil.

O valor arquitectónico, simbólico e documental que nos proporcionan os mosteiros e as igrexas ribeirás e para ter en conta o clamor das pedras que piden auxilio para perpetuar outros mil anos floridos máis, da súa proclamación monumental. Esas pedras tan perfectas para admirar “A Divina Proporción” ofrécennos ese conxunto monumental de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), que no meu caso non deixo de admirar e visitar. Esa greta, na cimeira da arcada do pórtico, está emitindo unha mensaxe destrutiva que leva anos anunciando a súa catástrofe inmerecida, así múltiples construcións románicas fican en semellante estado. As administracións responsábeis, no ordenamento e mantemento continúan no seu destinguido silencio. Falar de monumentos nacionais e cacarexar o BIP, por todo lado, cando a realidade dos nosos monumentos rurais mais visíbeis continúan perpetuando desfeita.

Cos referidos despropósitos como é que se quere promocionar a que a Ribeira Sacra sexa declarada patrimonio universal pola Unesco? Parece unha broma pesada esa candidatura, con tan poucos esforzos, implicacións e autoestima por este universo creativo que lexitima a idiosincrasia da Ribeira Sacra, sen arranxar temas moi sensíbeis non é fácil colarlle aos comisionados da Unesco localizados desordes. Como pode ser a falta de infraestruturas no plano monumental. Pouco importa que se sinalicen as rutas para chegar aos templos románicos, cando o visitante chega a eles non pode observar mais que o exterior. Non se informa de quen ten a chave de acceso para visitar o interior, nin o horario de apertura. Nesta caso hai monumentos declarados BIP, que por lei teñen que estar abertos determinados días do mes, e para nada se contempla esa esixencia, escrita en papel mollado.

Nos meus anos de arquiveiro e responsábel de patrimonio en Cataluña, lembro a implicación que tiveron tódalas administracións na candidatura de patrimonio mundial do conxunto de igrexas románicas de La Vall de Boí, no Pirineu de Lleida, as informacións que chegaban a diversos departamentos da administración local -no meu caso- e a implicación que pedían foi determinante. Sei moi ben do traballo e do clamor dos cataláns, e de ir todos como en Fuenteobejuna..., conseguindo da Unesco tal proclamación universal, o 26 de novembro de 2000. Non houbo discrepancias no intre de inspeccionar os monumentos románicos e recuperando o seu perfil orixinal, superando así os estragos de consabidas alteracións.

As igrexas de Sant Climent de Taüll, Santa Maria de Taüll, Sant Joan de Boí e Santa Eulàlia d’Erill la Vall recuperounas o esforzo cidadán e o impulso das institucións, que fixeron posíbel e notorio a promoción e a estabilidade do patrimonio arquitectónico e natural. Canto desexaríamos imitar ese modelo de exemplaridade para que moitas das igrexas da Ribeira Sacra foran declaradas patrimonio universal pola Unesco e, con elo, recuperar ese amplo espazo natural que nos ofrece múltiples posibilidades para repoboalo e non abandonalo.
Xosé Lois García