O legado redencional de Moncho Reboiras - 15 AGOSTO 2019

O 12 de agosto de 1975, data do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, no Ferrol, lémbranos a certeza dun militante da UPG e, mesmo, ao dirixente pola liberdade nacional, social e civil dunha Galiza oprimida en diversas frontes e contenciosos pola represión fascista. Moncho Reboiras representa a actividade dunha xeración que tivo e continúa tendo conciencia de país e de diversos procesos dialécticos pola liberación nacional. El lexitimou unha loita envolvente e sectorial naqueles espazos deficitarios de propostas e debates que foron claves na mobilización da sociedade galega, en tomar conciencia da súa marxinación e comprometerse coa loita integral que resultou eficaz para o desenvolvemento de diversas frontes asociativas que deparou ao nacionalismo daquela época, e da que hoxe somos usufrutuarios dese elenco de realidades prácticas e dialécticas que nos confirman acreditar nese potencial do que Galiza continúa precisando desa relevante loita que manifesta que manifesta o actual nacionalismo galego. Nestas dimensións patrióticas sempre encontraremos a Moncho Reboiras e ao seu legado redencional.

Fai poucos días que Manuel Mera, seu compañeiro de militancia, lembraba nas páxinas de Sermos Galiza, varios aspectos interdependentes dos que Moncho Reboiras foi artífice: “co traballo de masas e o debate das ideas, tiveron moita importancia para facer do nacionalismo un referente, non só na loita prol da liberdade nacional, senón tamén na xustiza social”. Todo un ventallo de referencias orientadas cara a restitución de liberdades e, sobre todo, cara a emancipación dun país aldraxado en diversas escaladas dos poderes colonialistas que dispersaron a nosa poboación empobrecida cara a emigración; intentaron e continúano facendo desintegrando o noso idioma e a nosa cultura dunha maneira oculta e con métodos agresivos que expresan a contundencia desa asimilación. Moncho Reboiras foi capaz de dixerir todas estas anomalías, atrancos e persecucións, procurando vías en defensa do noso país con alternativas e solucións concibidas para remediar a nosa problemática, soamente polos galegos.

Lembrar, homenaxear, incidir e procurar a Moncho Reboiras, non debe ser un hábito, é un deber de potenciar e ir ás fontes de auga clara e fluída da que el bebeu, para potenciar a patria insurxente no traballo, na fala e no ímpeto comunitario que nos leve á nosa liberación comunal. Neste aspecto, Reboiras é digno de ser lembrado pola súa entrega e a súa loita, un referente de dignidade a imitar e a acceder a unha Galiza dona de si. Dicía Néstor Rego en Sermos Galiza, hai poucos días: “Render tributo ao compañeiro Moncho Reboiras e exaltar o espírito de rebeldía frente á opresión e a inxustiza, valorizar o compromiso militante, tomar exemplo da entrega xenerosa á causa da liberdade do noso pobo”.

Coñecín a Moncho Reboiras o 7 de setembro de 1973, no Círculo de Artesáns da Coruña, nunha conferencia que pronunciei, titulada: “Os Dereitos Humáns na época actual”, organizada pola Agrupación Cultural “O Facho”. Os da UPG de Lugo comentáronme que un compañeiro da Coruña estaría na conferencia para manter unha conversa comigo. Déronme o nome clandestino de Moncho Reboiras, do cal xa non lembro. Alí estaba o chamado axente gobernativo, que me chamou a capítulo, sinalando que se saía do guión ía ser detido. Ao final do acto apareceu Reboiras presentándose co nome clandestino, viña acompañado de Manuel Mera, fomos a un bar fóra da cidade. Falamos sobre todo da organización en Barcelona, de todo aquilo non esquezo a súa vitalidade, a súa contundencia e a profunda enteireza dos problemas que tiña a nosa nación e as relacións de loita en varios frontes e accións. En agosto de 1974, sucedeu outro encontro con Moncho, comigo viña Xosé González Rego, de Foz, traballador de Seat en Barcelona, recolleunos na estación de autobuses e tivemos unha reunión nunha terraza dun bar illado de Elviña. A impresión que saquei de Reboiras foi sorprendente, pola súa alta capacidade de dirixente nacionalista. Sabía atraer e convencer, mesmo naquela transcendencia de expor os problemas e as contradicións polas que estaba pasando Galiza.

O día do seu asasinato, 12 de agosto de 1975, eu estaba en Monforte, convidado por Manuel e Saleta, para pasar o día da festa local, cando cheguei á casa deles comentáronme que tiñan asasinado a Moncho Reboiras, mais eu non o coñecía por ese nome, a brigada policial trataba de controlar aos activistas da UPG de Monforte, así que eu fuxín daquel entorno e tomei medidas para estar agachado durante uns días. A tensión era enorme, mais á situación botóuselle coraxe.

Un ano máis tarde, estando en Tolousse, na sede dun partido nacionalista de Occitania, déronme unha serie de publicacións e nunha delas estaba dedicada ao noso dirixente cunha foto del, decateime que aquel mozo co cal me entrevistara dúas veces na Coruña, era o asasinado Xosé Ramón Reboiras Noia. Vista a fotografía xeóuseme o corpo, tiven unha reacción de anguria que aqueles militantes notaron a miña descompostura. Así que a vítima da vileza despótica fascista era o inmorredoiro Moncho Reboiras.
Xosé Lois García