Marxinación dos emigrantes, 03/03/2024
logo nosjpg

Xosé Lois García

A burguesía europea non deixa de dar couces contra os emigrantes, pendúranlles medallas de latón, falsidades e múltiples maldades discriminatorias aos que loitan contra as súas carencias, poñendo atrancos aos que intentan alentar a súa propia dignidade. Triste realidade para os que procuran traballo cando dan co explotador de quenda, colocándoos no centro da súa cobiza en deplorábeis situacións e telos sometidos e afastados dun salario xusto e dunha protección que dignifique o seu labor persoal.

Nesta Europa dos agravios e da explotación hai dirixentes e locuaces propagadores de boatos xenófobos que lexitiman a explotación do mais débil e determinan a súa marxinación en beneficio de non poucas sumas de intereses económicos baseados na explotación dos indefensos. A extorsión non baixa de calidade cos diferentes de cor e de lingua e cos que carecen dunha cualificación profesional. Utilizando artimañas de desigualdade para manter aos emigrantes no gueto mais vil da explotación. Estes guetos foméntanse e constrúense a base de lanzar mensaxes absurdos, que non deixan de ser discriminatorios contra os emigrantes. Así son os excesos deses receptores e, mesmo, transmisores deste tipo de mensaxes, que os males de actualidade que acosan á eterna España proceden dos emigrantes.

Nesta dimensión móvense os propagadores extremados á caza de votos incautos, polarizando unha difamación contra os emigrantes que aportan non poucas riquezas e consolidan unha economía mais dinámica. Mentres a maioría de labores que os nativos detestan son realizados por unha mao de obra emigrante, que recibe salarios de miseria e moitas das veces están fora da lei, como medio de coacción servil. O panorama, pois, non deixa de ser do máis sombrío para estes traballadores que carecen de vivendas dignas e doutras estabilidades que propaga a precaria situación en que están sumidos. Isto si que fomenta marxinación e non poucos desvaríos, confinando aos emigrantes nunha modalidade paupérrima de vida, en barrios formados para excluídos.

A clase capitalista e aínda a pequena burguesía ergue bandeira negra para colocar aos emigrantes no terreo da delincuencia criminal. A delincuencia en todo o mundo ten outras connotacións ben claras no contexto da loita de clases e nas relacións entre explotadores e explotados. A carencia de valores laborais connota esas extorsións que recaen sobre o traballador foráneo. No que respecta a realidade actual, a clase dominante está interesada de culpar aos emigrantes de ser os que descompoñen a seguridade dos europeos. Esta é unha das maneiras degradantes que emerxe da dereita europea.

Eses extremos tratan de colocarnos nun escenario perigoso para sentenciar a un colectivo tan inmenso como o que representan os emigrantes, tratando de degradar conductas e comportamentos dos que procuran xustiza social e un acomodo na sociedade na que viven. É tráxico cando un partido se recrea na infelicidade dun colectivo tan marxinado e tan marcado como o dos emigrantes.

Denigrar aos emigrantes é inadmisíbel nun país que desde o século XVI até hoxe foi emigrante. Se damos unha ollada á historia verémonos todos no espello emigratorio de diferente forma e explotación. Así é que a dereita, que sempre buscou causas para que os españois emigrasen en seu beneficio, continúa desgarrando ao emigrante. Nesta Galiza de onte e de hoxe, todos formamos parte dos traumas da nosa propia emigración.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270