A inmoral proliferación nuclear, 10/03/2024
logo nosjpg

Xosé Lois García

A humanidade a través da súa historia practicou detestábeis inmoralidades e conflitos intolerábeis. Mais ningunha delas comparábel coa destrución masiva das explosións atómicas. O sucedido en Hiroshima e Nagasaki, parece que non nos serviu de experiencia destrutora para atinxir e, con esforzo disuasivo, frear tal loucura. Hai casos tan execrábeis e perfectamente inmorais, como é a fabricación e acumulación atómica das grandes potencias en seus estratéxicos dominios, expandindo contendas promovidas e sustentadas polos Estados Unidos e Rusia. A actual invasión de Ucraína por Rusia e o deplorábel xenocidio que Israel comete contra os palestinos, cercando e destruíndo Gaza co apoio incondicional, monetario e bélico dos Estados Unidos.

Ou as intervencións sen escrúpulos na proliferación armamentista en países do Terceiro Mundo, superpoboados e cun nivel de vida de subsistencia, están sendo o branco desa política do Pentágono que Donald Rumsfeld deseñou hai anos. A inmoralidade belicosa dos Estados Unidos cara ese Terceiro Mundo máis espoliado, o fai dunha maneira inicua e introducindo o seu poder á costa deses países anquilosados na pobreza e no fanatismo imposto. Nesta conquista terceiromundista en África e Asia, están introducidos os rusos e os chineses. A inmoralidade da dirixencia política non pode ser mais cativa e perversa por parte das grandes potencias.

Cada impertinencia política, con desafíos e intervencións, vén creando inestabilidade desde que George Bush (fillo), despois do acto terrorista do 11 de setembro, meteu a Irán dentro da chamada “Guerra contra o terrorismo”. Unha estratexia calculada que fundamentou eses amplos espazos de guerra masiva en Iraq, Afganistán e Irán. Unha tráxica fenda para o mundo que abriu o III milenio e, por suposto, o século XXI. Esas chamadas a extirpar a “forza do mal”, representada por estes tres países citados, no apelativo vocabulario do Pentágono e da CIA, contrarrestando a consigna árabe de combater ao infiel. Quere dicir combater aos Estados Unidos. Despois de tantas ameazas norteamericanas contra o Irán dos aiatolás, non sorprende que este país configure a súa autodefensa cun abastecido arsenal de armas nucleares e cumpran ás ameazas contra Israel. Como sempre, Israel non responde a palabras, só con ataques sorpresa. Quizais un día acordemos todos con un ataque israelita as plantas nucleares iranianas, ou viceversa.

A inmoralidade dos sátrapas é extremadamente intransixente, na súa opulencia nuclear, que as grandes potencias seguen seu curso desestabilizador, á marxe dos que aspiramos a dignificar a liberdade e a superar a pobreza, tan dependente destes desastres. Someter ao outro, ao diferente, e desgastalo con conflitos e tensións, creándolle a necesidade de armarse e empobrecendo máis aos en cuestión. Un formato inicuo por eses imperios nunca tiveron a vontade de pacificar conflitos, senón abrilos en beneficio propio. Este foi e continúa sendo o gran dilema dos que se cren os donos do universo e que teñen dereito a conquistar aquelo que non posúen, devorando aos que non lle son obedientes. As actuais guerras abertas en Gaza e Ucraína evidencian a ampliación dunha escalada apocalíptica entre as tres grandes potencias por parte das tres grandes potencias, anteriormente mencionadas.

nos diario 200

galicia digital 200

canle ribeira sacra logo 270