logoGrupoCorreoA república dos mendigos - 31.1.2006
ECOS DA BERENGUELA - GaliciaHoxe.com

Xosé Lois García

O alcalde de Barcelona, Joan Clos, declaroulle a guerra a boa parte desa república de mendigos que pacificamente se posiciona en diversos puntos estratéxicos para evitar a intemperie nesas noites desabrigadas..

Valen os caixeiros bancarios, as bocas de metro e outros promontorios como refuxios seguros para estar a salvos das tropelías dos que combaten esta república de marxinados con mal tratos e a queima dunha dona que forma parte desta fraternidade republicana. As ordenanzas de Clos son excluntes e, sobre todo, caracterízanse por resolver un problema de orde pública e de vandalismo urbano na que se confunde a esa grande irmandade de mendigos.

Son a estes desherdados aos que se lles fai cómplices de moitas das fechorías que eles non cometen. Son as vítimas das desordes e das ambicións dos que dominan e explotan sen piedade estes seres desprotexidos, neste basto mundo burgués e católico, tan clasista e diferenciador que comparten complicidades. Lembremos a aqueles esmoleiros da Inglaterra de Henrique VIII, onde a realeza, a nobreza e os novos propietarios de terras incautadas a eles mesmos foron pendurados e queimados vivos máis de oitenta mil. E Isabel I, a súa filla, durante o seu reinado sobrepasou a cifra encetada polo seu pai. Despois decretouse unha lei que permitía marcar os mendigos cortándolles unha orella ou marcándoos cunha cristianísima cruz na propia fronte. Mais as causas daquela persecución de mendigos soubo definilas agudamente Thomas Moro, cando dixo: "Os señores, nomeados polo rei, ou polos seus propios roubos non acababan de vivir con moito luxo e ser inútiles para a sociedade. Son avaros e non deixan ningún cacho de terra para a comunidade, métenlle sebes a todo, destrúen os lares dos labregos e o único que deixan son as igrexas, que bendín a expulsión dos pobres".

A historia repítese de diferente maneira, mais as causas sempre son as mesmas. Vagabundos e mendigos, toda esa masa de pobres e todos en precario oficio sofren e soportan a vilanía dos poderosos que rematan por situarse nesta inmensa república dos sen teito.

Remata de saír un sobresaliente estudo do sociólogo alemán, Oskar Negt no que se analiza a esa casta de poderosos que sempre trataron de botarlles a culpa dos males sociais ós que verdadeiramente os padecían e son súas vítimas: aos débiles, aos rebeldes e aos sen traballo. Sempre aos sen teito se lles reprobou como malos traballadores e ociosos, sen entrar na problemática real e obxectiva das orixes da súa marxinación.

A este tradicional e masivo núcleo de marxinais está a suma de tantos inmigrantes que chegan a Europa á procura de traballo e son marxinados e perseguidos desde moitas frontes, mais sempre cun obxectivo ben mordaz e destrutor, acusándoos de que piratean o traballo dos naturais e que os roubos e as desordes son produto e feitura dos inmigrantes. E desta maneira fáiselles crer a certas capas da sociedade, sobre todo á desculturalizada e falta de análise, que todos os agravios e problemas que ten a sociedade son causados polos sen teito. Detrás destas consignas están os grupos que ostentan o poder económico, os máis desexosos de manter unha barreira entre pobres e ricos. Por isto, a propagación do racismo e dun nacionalismo vetusto e descastado está ben fixado na mente da extrema dereita máis bunkerizada que leva a moitos a caer na trampa e pasar a ser conversos de limpar as rúas de pobres e marxinados meténdoos no mesmo saco da delincuencia.

O asasinato dunha mendiga nun caixeiro bancario no opulento e burgués barrio de Sant Gervasí de Barcelona, non é un caso á parte nin illado das consignas que se están magnificando de limpar as rúas. O perfil deses tres supostos mozos que cometeron o crime non están exentos desa euforia de manter á liña a quen non produce. Polo tanto as leis e as ordenanzas represivas non van solucionar o problema. A integración comeza por un salario digno e polo respecto dos dereitos humanos máis simples. A inxustiza que cometen os poderosos é a que xera aos sen teito.

martes, 31 enero 2005

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía