logo opinionA xitana da cima da Rasa 05.05.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Tal día e mes como hoxe (05-05-2005) sorprendeume en GALICIA HOXE, unha fotografía de Fernando Blanco, dunha xitana demandando esmola polas rúas de Compostela. Con taleiga ás costas e caxato en man. Era mesmo a xitana que acampaba co seu clan familiar na cima do monte da Rasa, en Podente, na miña tribo de Merlán. Tiña eu sete anos cando asentaron no ermo do monte. Os de Podente deron voz de alarma e houbo un xuntoiro de homes que rodearon aquel carromato de xitanos. Un dos veciños ía coa escopeta ao lombo e o Enrique do Torneiro levaba un fouciño dos toxos debaixo do brazo e advertiulles: "Se vides en paz, imos responder con paz; mais como falte algo ou lle botedes o anzol a unha galiña, non imos ir á Garda Civil, este fouciño vaise encargar do voso pescozo, tal como lle fixen a tres mouros en Larache". Esta xitana da foto rompeu en pranto e en alaridos que impresionaron a todos.

 

Aquela arenga, breve e tenebrosa do Torneiro, levou os xitanos en acampada a pedir até os follatos de carballo con que esta madona lles facía colchóns ós seus churumbeles. Nun forte temporal de inverno, a señora Consuelo do San Roque, que practicaba caridade cristiá, deulles morada e comida no pallar da súa casa. Aquel xesto serviu para comprenderse entre paios e xitanos e saber que uns non son tan malos e os outros non son tan ruíns. Había concordia e tamén boa intención de pagar favores con artesanais cestas de vimbio e con adiviñas de futuro e boaventuras.

 

Para min, esa muller, ornamentada de rigoroso negro e con fonética galega introducida no seu castelán, nunca envelleceu. O ano pasado en Chantada, díxome que levaba 94 anos ás costas. Impresionoume que o seu nomadismo chegase até a mesma Compostela. Dado que o seu radio de acción era a comarca de Chantada e como mais lonxe as terras de Lemos. Esta estoica señora, da pobreza e da dignidade, que coidou, reprendeu e ensinou as tradicións xitanas a mais de seis xeracións da súa caste, continúa resistindo. Ela é a anfitroa, en velar, aconchegar e dirixir toda esa estratexia que seu clan monta nas festa da empanada nas devesas de Merlán. A respectada matriarca apóiase nun caxato en axuda do seu pé ferido e vendado. Todo un símbolo, de rango e de estirpe, para ser e estar nunha sociedade hostil que tantas agravios lle ten causado á minoría xitana.

 

Esta nosa minoría xitana ten que ser coidada e respectada e, tamén, incentivada pola súa resistencia e por cultivar as súas tradicións. Os nosos xitanos son tan galegos coma nós. E quizais teñan máis mérito que moitos, pola súa resistencia ante tantas incomprensións, vivindo coa esmola e co sobrante dos demais. Os xitanos galegos merecen un enorme respecto. Por isto só cómpre que se equiparen aos demais cidadáns e teñan as mesmas prestacións sanitarias e escolares, casas ou campamentos itinerantes dignos. Son os nosos nómades que achegan á nosa idiosincrasia eses fértiles atributos de ser diferentes. E ser diferentes non equivale a telos e mantelos como marxinados. Que practiquen os seus costumes e comportamentos raciais é un privilexio que fornece a nosa cultura heteroxénea.


Moi poucas veces se ten falado da marxinación dos xitanos galegos e menos se lles ten prestado atención ás súas demandas. Mesmo do lado administrativo que é o que mais responsabilidade ten ante os cidadáns de calquera etnia, relixión, opción política, lingua ou nacionalidade residentes en Galiza. Os nosos xitanos vémolos con receo e co tópico que encobre a verdade destes nosos singulares nómades, cargados de aldraxes, discriminación, racismo e vilipendios. Esta nonaxenaria precisa dun respecto e dunha homenaxe de silencio que nos poida levar a ser xenerosos con esoutros galegos e cambiar a nosa mala conciencia.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía