logo opinionOs galegos de Barcelona a prol da lingua 12.05.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

O Centro Galego de Barcelona, con outras asociacións cívicas e culturais galegas e non só, perfilaron unha convocatoria para o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, diante desta entidade, situada no centro das Ramplas barcelonesas, para manifestar e darlle soporte á marcha en defensa do noso idioma que está convocada en Santiago de Compostela. Unha convocatoria valente e sen receos para expresar o desacordo ao que ten previsto o goberno autonómico do PP, e reiteradamente anunciado polo Sr. Núñez Feijóo co fin de desmantelar os puntos básicos da oficialidade do idioma galego.

 

Unha convocatoria xusta ante as ameazas, agresións e manipulacións que está sufrindo a nosa lingua, procedente de grupos de presión da dereita, con diversas adhesións de persoeiros que aparecen como vitimarios de que o castelán está en receso. Toda unha coartada para depredar o instrumento máis activo da nosa personalidade diferencial, como é o idioma.

 

As análises realizadas cientificamente, sobre este tema, propician un desmentido de que o castelán e a lingua que conta con máis medios de expansión fronte ao galego. Varios son os informes nos que se verifican esta realidade. Para máis inri, o Consello de Europa emitiu un informe sobre os dereitos lingüísticos que non se están respectando na Galiza. Aspectos básicos que nos convocan a unha resistencia fronte ao enunciado de Núñez Feijóo. Unha intransixencia que merece unha resposta concisa e puntual, tamén, gradual. Non podemos permitirnos que os nosos dereitos lingüísticos sexan ameazados desde organismos autonómicos, e o que pretende o Sr. Feijóo é pór freo ás poucos canles que agora existen, axudando á desfeita. Polo tanto, se a cidadanía opta polo silencio ou por actitudes pasivas, fronte ao que se está artellando desde a propia institución da Xunta, estaremos apoiando, indirectamente, a discriminación que se está fomentando contra o noso idioma: ánima mater da nosa idiosincrasia e da nosa propia liberdade.

 

Os galegos de Barcelona, tan sensibilizados polas reivindicacións que en Cataluña se veñen tecendo desde hai moitos anos, logrando unha normalización lingüística que dista moito do que acontece coa normalización en Galiza. Polo tanto saben apreciar e estimar o valor e a dignidade da lingua propia. Por tanto, o comunicado en defensa do galego susténtase dentro dun contexto de lexitimación, onde a cidadanía deixará claro a súa protesta puntual.

 

Por outra banda, vemos que o Centro Galego de Barcelona, presidido por Pepe de Requeixo, sabe dinamizar e, sobre todo, informar de algo tan importante como é o noso idioma que o propio presidente da Xunta de Galicia o pon en perigo. Chámanos a atención que esta entidade galega en Barcelona, tantos anos opaca, indiferente e pasiva, ante os problemas reais que ten formulado Galiza, sexan subsanadas pola actual directiva deste colectivo.

 

Aquela imaxe tan tétrica e rudimentaria daquel Centro Galego de Barcelona dos anos cincuenta e sesenta, que convidaba ao cardeal arcebispo de Tarragona, Benjamín de Arriba e Castro e ao cardeal arcebispo de Compostela, Fernando Quiroga Palacios, a desfilar polas Ramblas con súas longas capas de púrpura e con aquelas xuntas directivas en comuñón con aquel catolicismo, instrumento do réxime franquista. Nese mesmo escenario, a motivación dos manifestantes vai ser outra ben distinta, a do berro certo e unánime en defensa do noso idioma.


Neste sentido, vemos no Centro Galego de Barcelona unha esperanza para defender o patrimonio máis persoal dos galegos, a lingua que falamos, é importante poñerse ao día e recuperar algo que os diversos presidentes que tivo esta entidade non ergueron o berro para dicir: basta xa a tantas inxustizas que se fan con Galiza.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía