logo opinionXosé Porto Matalobos 19.05.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

A transcendencia da morte ponlle fin á vida dun amigo e, sobre todo, a un traballador da entidade de Galiza, como foi Xosé Porto Matalobos. Coñecín a Pepe Porto nun congreso de Galeuzca en Baiona (Pontevedra). El era un galeuzcano de pro que concorría asiduamente a estes encontros. E neles gustaba máis de escoitar que de falar. A súa palabra empregábaa en tomas de decisións e en propostas moi concisas. O Pepe era a vella toupa, o raposo que daba exemplo aos airados salvapatrias sen experiencia e cun sorriso facíaos calar. A súa arte de conservar a súa integridade -digamos, a súa pelexa- ante a adversidade franquista, unhas veces ía á misa por Rosalía en San Domingos de Bonaval, un xeito de combater o silencio; outras veces a dar voces e correrías polas rúas de Compostela, demandando liberdade.

 

Porto Matalobos foi pioneiro de tantas xeiras, como escritor, radiofonista e un longo etc., dando pulo a organizacións cívicas e culturais que se deron na súa vila nativa, A Estrada. Unha terra que amaba profundamente e coñecía con puntualidade. Son testemuña dun día de inverno que me convidou á súa casa e me descubriu a súa vila. Levoume á casa de Virxinia, a esposa de Castelao, e, tamén, á campa onde repousan os seus restos e o fillo de Castelao, Xesús. Descubriume uns cadros de Castelao que é un dos patrimonios máis fabulosos que garda A Estrada, da obra do rianxeiro.

 

Mais a gran descuberta que tiven con Pepe Porto foi a de coñecer esas variadas xeografías da Estrada; ese enorme concello que vai desde a Terra de Montes até as beiras do río Ulla. Nesta ocasión coñecín, fotografei e cataloguei o románico estradense. Lembro ben como el se movía entre ese enorme labirinto de vilas, paisaxes e outros paraísos que ten A Estrada.

 

Ten razón David Otero ao escribir: "Pois o Porto Matalobos -o Pepe- forma parte íntegra da sabiduría estradense. Da memoria activa e colectiva da vila de entre o Umia e mailo Ulla. Parada e camiño de Galiza. O que el non coñeza ou saiba das terras de Tabeirós mal poderá verse noutro estradense". Corroboro as palabras de David. O Porto era deses homes nos que o seu amor por Galiza partía da base de coñecer a súa propia terra nativa. Coñecer A Estrada foi o punto de partida para amar a nosa nación.

 

Lembro que na igrexa románica de Tabeirós, o Pepe non deixaba de admirar aquelas dúas iconas da cornixa onde se representan dous trobadores. El insistía en que se trataba dos irmáns Paio Soares de Tabeirós e Pero Vello de Tabeirós. No mosteiro de Codeseda, Porto, antes de mostrarme aquel románico levoume á tumba do poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez, autor dun poemario e tradutor do Catecismo do Padre Astete ao galego. Nese momento apareceu o crego de Codeseda, un tanto pintoresco e afable, meteunos na reitoral e convidounos a tres castes de viño: Ribeiro, Rosal e Valdeorras, despois converteuse en guía do románico.

 

Sen estes portentosos homes que coñecen tan ben o seu microcosmos, que escribiron e falaron, como Pepe Porto, déronlle pulo á escrita e dimensión nacional. A nosa historia, antropoloxía e etnoloxía serían, sen estas achegas, máis pobres e rudimentarias. Por iso o afán de Pepe en divulgar coñecementos extraídos das xentes da Estrada, facilita e transmite as benquerencias coa Galiza que a fan inmorredoira e fortalecen os valores e o noso futuro. Porto Matalobos foi un agradábel conspirador contra os que atentaban contra os nosos atributos.


O ano pasado estivo o Pepe, a súa dona Socorro e seu fillo Pedro en Barcelona, manifestaba vitalidade -coma sempre- e rigor ao falar dos acontecementos políticos e sociais de Galiza. A última vez que nos vimos foi na homenaxe a David Otero, na Estrada, hai un ano. Pepe Porto é un exemplo para lembrar e a seguir estimando.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía