logo opinionSr. Feijóo, "o povo é quem mais ordena"  26.05.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Diversas xeracións do pobo galego manifestáronse en Compostela e noutras partes de Galiza e, tamén, no estranxeiro, contra o involucionismo político que o presidente da Xunta, Sr. Núñez Feijóo, intenta pórlle atrancos ao noso idioma. En marzo, o pobo falou a través das urnas a favor do Sr. Feijóo e, curiosamente, a un mes de formar goberno, xorde unha manifestación popular que só lle envía un aviso, contundente e moi preciso, sobre a cacarexada derrogación da lei sobre o ensino en galego. Son moitas as incógnitas que se agochan sobre esta agresión ao noso idioma, e pode que sexa unha boa coartada para distraer a atención para colar outros temas. En canto que se fala disto vaise distraendo o persoal.

 

Mais o tema é serio cando existe unha agresión deste calibre, ben tipificado no españolismo da FAES e na doutros persoeiros que moven os fíos do PP en Galiza. A localización preliminar deste problema está en tres persoeiros da Xunta, o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez conselleiro de Educación, e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística. Sorprendidos pola resposta cidadán comezan a enviar mensaxes, aparentemente moderadas, para calmar ou crear contradicións nos participantes e nos que non están decididos a dar un paso atrás e permitir que o noso idioma soporte máis ataques, amparados en leis que a dereita fai á súa medida.

 

O trío, Feijóo-Vázquez-Lorenzo, tan obstinado e obsesivo en desordenar unha lei que vén dos tempos de Fernández Albor e que se debe reformar na dirección de amparar o galego, e non en dirección inversa, porque o modelo e os procesos teñen cambiado e o contexto en que nos movemos os falantes galegos ten sido minimizado por medios hostís ao idioma galego. Neste panorama, o mencionado trío quere amparar ese desequilibrio que produce o bilingüismo e, nestes momentos, favorábeis ao castelán, o idioma base das ambicións estatalistas.

 

Os señores Vázquez e Lorenzo din, a estas alturas, que buscan o consenso, mais coa representación parlamentaria que teñen e tan dados á rodela da maioría absoluta, sabemos ben como as gastan con esas falsas intencións. Evidentemente, nótaselles que están nerviosos, o silencio detectado é a maior expresión de falsa prudencia fronte á masiva manifestación que, dado o triunfo electoral do 1 de marzo, non agardaban. Un éxito popular e unha resposta clara e ben organizada pola Mesa de Normalización Lingüística que, durante moitos anos, vén traballando decididamente e con pragmatismo contra a marxinación do idioma galego.

 

Coido que esta manifestación crea grandes perspectivas para abrir canles necesarias contra os que traman a depredación da lingua lexítima dos galegos e posibilita enormes esperanzas para continuar unha loi- ta que nos leve a parar as insidias dos que conspiran contra o atributo máis persoal e transcendente dos galegos. Por iso é necesaria a loita e, tamén, son precisas as trincheiras da cultura fronte aos ataques permanentes dos que atentan contra a soberanía do noso idioma.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística advirte cunha maior convocatoria nos medios do ensino, se a persistencia do afanado triunvirato prosegue a pór barreiras desestabilizadoras. Este é o camiño certo para crear conciencia e con ela manter un combate pacífico, cuxa arma sexa a palabra da nosa autenticidade, que non lles quere dar concesións aos que tratan de enganar demagoxicamente con palabrería estéril.


Dado o triunfo de participación e convocatoria, a Mesa está en condicións de planificar unha maior cota de esixencias fronte á Xunta do PP. Parece que esa chamada tan transparente a manifestarse, ten moitas lecturas e, quizais, todas elas en positivo. Como dixo Zeca Afonso: "O povo é quem mais ordena".

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía