logo opinionCen anos dos asasinatos de Oseira 04.08.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA

Foi naquela primavera de 1909, xusto o 22 de abril, cando os veciños de Oseira defenderon o patrimonio que os seus antepasados mercaran para ornamentar a igrexa monasterial e que o bispo de Ourense dilapidou, desmontando o baldaquino e dous retablos para levalos a outros lugares. Anteriormente xa o fixera cunha fonte barroca que hoxe podemos ver na praza do Ferro. Sempre os nosos labregos tiveron máis apego e respecto por aquelas imaxes e obxectos de culto que o propio clero que en numerosas ocasións espoliou ese patrimonio. A tradición por respectar e cultivar aqueles aparellos de culto pesaron na comunidade labrega, moito máis ritualista que evanxélica.

Nestas circunstancias, a comunidade veciñal de Oseira opúxose contra ese latrocinio e pretensións do bispo, Eustaquio Ilundain, de funesta memoria. Houbo oposición pacífica por parte duns veciños unidos fronte á usurpación de bens que mercou o pobo e se apropiaba o prelado ourensán. A oposición desembocou en violencia provocada pola Garda Civil que tiña ordes de disparar. Tombaron de morte sete persoas, unha delas embarazada e tamén unha nena. A mitra e o cetro de maos dadas para continuar coa vella tradición de humillar e asasinar o pobo. Nesa ocasión converteron a Oseira nun masacre. Ese pobo indefenso que sempre tomou a palabra para protestar e defenderse fronte á represión tiña outra suma desa violencia de Estado.

A estes asasinatos intentouse imporlles o silencio institucional; tratouse de dar versións diferentes aos feitos por parte do Goberno civil de Ourense e do bispado, mais a prensa galega e do resto do Estado español difundiu a tráxica matanza de diferente xeito e obedecendo a seus intereses ideolóxicos. Mais a noticia correu por todo o mundo e pese ás terxiversacións oficiais moitos medios de comunicación e o mesmo público fixeron lecturas correctas sobre a traxedia.

Estaba no Goberno central o todopoderoso e ultra monárquico Antonio Maura, que tres meses máis tarde dos feitos de Oseira volveu apelar á forza para repeler a miles de manifestantes que se levantaron en Barcelona contra o recrutamento do proletariado máis indefenso para ir a combater á guerra colonialista de África. Aquel levantamento popular, coñecido como a Semana Tráxica, que comezou o 27 de xullo e rematou o 3 de agosto de 1909, estivo envolto nunha enorme represión maurista con miles de feridos, detidos e asasinados.

Nestes días celébrase en Barcelona con multitudinarias homenaxes, publicación de libros e artigos sobre aquela traxedia que puxo toda Cataluña nun albor de conciencia e que agora está celebrando a memoria. Oseira tamén está celebrando a memoria dos seus, con diferente fortuna, dado que o alcalde de Cea non se suma e pon atrancos a esta. Coido que o señor José Luis Valladares é moi coherente coa ocultación da verdade que o seu PP protagoniza. Pór vendas nos ollos e na boca é o seu.

A memoria moléstalles ao PP e a outros sinistros abandeirados da negación da realidade. Mais a memoria é o portento da verdade cando se transmite a vindeiras xeracións que non vivimos a traxedia e poder informarnos dela na súa máis alta e expresiva dimensión. Aquí non valen pretextos, mimetismo, nin filtros que a dereita deste país obstaculiza con estas artimañas. Rajoy e Rouco, de maos dadas, insisten en non desenterrar os defensores da liberdade. Mais aos seus mortos, erixíronlles os seus nomes en mármore branco nos frontais das igrexas.

Mais a memoria da traxedia de Oseira, despois de cen anos, está viva e foi o propio Castelao quen lles rendeu homenaxe nun dos seus debuxos do álbum Nós, cando unha labrega fronte a un cruceiro implora polos mártires de Oseira. Castelao volveu lembrar a traxedia de Oseira no propio parlamento republicano.

 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía