logo opinionPretorianos - 17.11.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
Un fantasma percorre Europa, o da corrupción. A corrupción ten moitísimas facianas, a que máis chama a atención é a institucional, que vai desde pequenas especulacións até as do Estado. A protagonizada por Berlusconi en Italia é unha boa mostra de anquilosar as mafias no propio Estado. Este é o espellismo doutras tramas amparadas por homes de Estado en boa parte de Europa.

Os intereses creados por especuladores de pouca monta, no seu inicio, forneceron esas tramas con impoñentes tentáculos que todo o envolven e todo o devoran. Ese enorme polbo está sempre en acción sistemática. O caso Gürtel, o de Fèlix Millet, no seu promontorio do Palau de la Música, e agora o caso Pretoria de Santa Coloma de Gramenet veñen revelar que a especulación administrativa, ou amparándose no administrativo, non é cuestión de ideoloxías. Dereita e esquerda coinciden en alimentar ese apetito por devorar o público. Na destra hai máis peso e máis planificación especulativa que na sinistra, que goza de menos intereses e de máis escrúpulos. Neste caso había que matizar que tipo de esquerda. Mais o caso de Santa Coloma dános o perfil deses vencellos entre o que representa CDC e PSC, na area política discrepan e na dos intereses especulativos converxen.

Neste caso, cabe pensar que o homus economicus, na versión de Aristóteles, procura o máximo beneficio co menor esforzo. Isto trasladado ao mundo das empresas especulativas, a trama corrupta está asegurada para satisfacer as ambicións do eu. Ese ego quedou ben exposto e programado por Adam Smith, Man invisíbel. Un manual de base e fundamento do liberalismo capitalista, grazas a ese ego, o individuo trata de satisfacer as súas lexítimas ambicións, segundo Smith, tomando a liberdade de satisfacer seus instintos de depredador económico.

Mais o que ten acontecido en Santa Coloma de Gramenet, non é novo. Aquela pequena vila de labregos que vendía os seus excedentes agrícolas no mercado da próxima gran Barcelona, nos anos cincuenta e sesenta. No auxe emigratorio, aquela pequena vila periférica de Barcelona, converteuse en zona urbana de intensa especulación, como cidade dormitorio. Neste escenario aparece un emigrante murciano de Mazarrón, chamado Blas Muñoz (1925-1989), que chega a Santa coloma en 1942 con 128 pesetas. Afíliase a Falange Española co número 54.607 e forma parte da Guardia de Franco local. Faise con diñeiro e aspira a ser alcalde de Santa Coloma. Un informe do Goberno Civil de Barcelona de 1970, confírmao: "Blas Muñoz, ansía sobremanera la Alcaldía y para ello se mueve en todos los sentidos, buscando apoyos de personalidades, entre los que se cita el General Cabanas, residente en Madrid, emparentado con su esposa. De lo que no hay duda es que lucha para obtener la Alcaldía, de ello hay pruebas". O esforzo meteórico dun home semianalfabeto consegue que Rodolfo Martín Villa, gobernador de Barcelona, o nomee alcalde de Santa Coloma en 1975. A partir de aquí comeza a especular e a engrosar grandes fortunas, que é coñecido en Santa Coloma co sobrenome de "O mil pisos".

Blas Muñóz é o prototipo do depredador social aristotélico. As ambicións persoais e xenéticas non fallan e aparece en escena o seu fillo, Bartomeu Muñoz, como "socialista" e amparado pola anterior alcaldesa de Santa Coloma, Manuela de Madre e polo seu marido, Antoni Fogué, actual presidente da Diputació de Barcelona. O fillo do corrupto Blas Muñoz continuou os pasos do seu proxenitor, coa variante de que o pai era falanxista e o fillo "socialista". Mais a corrupción ten a maxia de reconciliar a todos.

Toda unha historia emerxente na que se verifica que as persoas corruptas non teñen ideoloxía. Por moito que se maquille Santa Coloma, cunha alcaldesa moza e magnánima, a tradición perversa proe.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía