logo opinionO patrimonio románico en Galiza 29.12.2009

XOSÉ LOIS GARCÍA
Acertan os que cuestionan e critican a política patrimonial da Xunta de Galicia con respecto ó noso amplo e basto patrimonio románico, que se caracteriza, actualmente, pola súa desfeita. A nosa arquitectura románica non é só a das catedrais galegas e a dos grandes mosteiros, onde van parar as maiores achegas económicas. Como se o resto das igrexas rurais de estilo románico non existiran. A Consellería de Cultura e Turismo gasta unha chea de cartos no vindeiro Xacobeo 2010 en promocionar temas que en nada repercuten na cultura galega e menos no patrimonio románico, onde a inventiva do absurdo administrativo permanece sobre o probado esquecemento que se ten sobre a deterioración e desaparición de formatos románicos.

 

Estamos, neste caso, ante un sistema de neglixencia administrativa, no que se desprezan prioridades básicas de sostibilidade, promoción e restauración. Sen unha política axeitada e en función das circunstancias, para formar persoas e crear equipamentos capaces de darlle pulo a un patrimonio que debe existir noutras mil primaveras. Co diñeiro que vai desembolsar a Xunta para o Xacobeo do ano entrante en temas de márketing, propaganda e imaxe, que en nada vai repercutir no noso contorno cultural, solucionaría arranxar boa parte do patrimonio románico rural, representado no volume que ten a diocese de Lugo, por poñermos un exemplo.

 

Con esta crítica non estamos negando que o Pórtico da Gloria, a catedral de Tui ou os mosteiros de Oseira e de Sobrado dos Monxes non precisen de coidados e de manter normalizado o seu estado orixinal. Mais cando se aplican políticas incoherentes que só protexen os monopolios que dominan e orientan o turismo cara a un cosmopolitismo elitista, o resto do patrimonio románico do medio rural galego pasa por un estado de depredación sen precedentes. Neste escenario de esquecer o fundamental do noso patrimonio, están dous protagonistas nada antagónicos e que sempre foron de maos dadas, os gobernos da dereita e o verdadeiro dono destes monumentos: a Igrexa. Así que, "con la iglesia hemos topado, amigo Sancho". E con ese tipo de políticas de intercambios e de prebendas, o sistema funciona: uns dan diñeiro público para arranxos moi particulares e o favor devólveselles desde os púlpitos orientando o voto cara á dereita. Mais, desde Patrimonio do goberno do bipartito, intentouse equilibrar e incentivar a recuperación de moitos dos monumentos do románico rural, que hai unha nómina moi significativa de exemplares restaurados, así como pinturas que estaban en vías de desaparición. E isto débeselle a Felipe Arias, o antigo director xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Deporte. Felipe Arias creou medios técnicos e comezou a aplicar unha política de prioridades e coherencias, que manifestan o acerto en intensificar e crear diversos operativos que comezaron a dar froitos.


Pese ao impasse político destes momentos, o noso románico ten máis adictos, divulgadores e defensores que tratan de pór orde, ante tan rancios desaguisados que se fan desde moi distintos parapetos políticos e relixiosos. Estamos observando moitas persoas que obstinadamente visitan o noso románico rural e cada vez son máis críticas coa desorde que permanece, sen que as administracións fagan moito por normalizaren unha serie de cuestións, como é un inventario de monumentos e dos seus procesos históricos, artísticos e simbólicos. Hai persoas Como o profesor Carlos Sastre, desde Vigo, e de Carme Varela, desde Compostela, entre tantos outros, que están levando un traballo excepcional e impagábel por divulgar o noso románico por medio de visitas guiadas e pedagóxicas por varias bisbarras de Galiza, co fin de frear tanta depredación e fomentar a normalización desde unha base concienciadora.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía