logo opinionFerrín, esperanza da RAG - 02.02.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
Hai pouco máis de cen anos a Real Academia Galega xurdiu como esperanza dunha intelectualidade que pretendían que Galiza tomase un novo horizonte a comezos do século XX. Murguía desde o interior e Curros Enríquez desde o exterior unificaron forzas para manteren viva a lealdade con aquela Galiza desvalida e mediatizada polos poderes emanados do centralismo.

A Real Academia Galega foi sempre un medio para os que soñaron coa esperanza de manter erguido o facho luminoso da tradición popular e para acrecentar a nosa lingua como vehículo de comunicación propio. Neses cen anos de existencia, a Real Academia Galega tivo períodos de crecemento como foi no período presidido polo patriarca, Manuel Martínez Murguía, desde 1906 até a súa morte acontecida en 1923. Desde a ditadura de Primo de Rivera, durante a II República e a Guerra Civil, foron períodos de proba para aqueles ideais que fomentaron liberdade e unha Galiza plena. A mediatización do poder ditatorial marcou ese escenario de silencio durante a ditadura franquista. Casás Fernández foi presidente durante longo tempo nese estado excepcional da ditadura. Protexido e convicto desta. Un home que fixo de ponte entre a RAG e a mediocridade franquista. Anos parados no deserto dos sen voz. Coa chegada da democracia todo fixo crer unha nova andaina con Domingo García-Sabell á fronte. Os supostos confirmaron que a RAG estivo anquilosada nun inmobilismo que provocou crispación entre os académicos críticos co presidente, e os intelectuais apostaron por un cambio de postura e de acción. Pediuse renovación dos mentores e dos programas, a resistencia fíxoa o silencio. Desoír intelectuais que pedían cambios concretos e racionais levou a unha toma de posicionamento e de ocupación da sede da RAG. Alí estaba Uxío Novoneyra, Manuel María e Xosé Luís Méndez Ferrín, entre tantos outros. O cambio foi posíbel, pese a tantos anos de estar aparcado. Francisco Fernández del Riego encetou esa xeira; harmonizou un cambio lento pero positivo e durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro creáronse varios ámbitos de participación e, como colofón á súa presidencia velaí está o Pronunciamento público da Real Academia Galega sobre as Bases do decreto do plurilingüismo que lle remitiu ao Goberno galego, con data do 16 de xaneiro do presente ano. Despois desta vareada ao intrusismo de Núñez Feijóo e aos seus acólitos, aos poucos días deste pronunciamento é elixido Xosé Luís Méndez Ferrín presidente da Real Academia Galega.

Ferrín é unha esperanza para que a RAG sintonice cos novos tempos e estea moi presente nese horizonte que temos que afrontar entre todos os que queremos que o noso idioma teña vida propia e que non se lle teña que dar oxíxeno cando os crédulos do PP o determinan. É curioso que Feijóo lle recomende a Ferrín que non politice a Academia. A ninguén se lle ocorre pensar, frivolamente, que Méndez Ferrín teña tales intencións; o que si fará é intentar despolitizar o intervencionismo do Sr. Feijóo.

Nestes graves asuntos e aconteceres, polo que pasa a nosa lingua sometida a falacias e a destemperos, Ferrín será unha peza clave coa que desde xa hai que contar, con el e cos seus compañeiros de escano na RAG. Os que coñecemos a longa traxectoria de Ferrín nos compromisos que ten adquirido, militando na esperanza dunha Galiza máis nosa ou actuando cunha dialéctica plasmada en diversas temáticas, para que o pobo galego se emancipe, sabemos da súa valía. Ferrín forneceu dese ideal progresista, sendo estudante en Madrid, desde Brais Pinto. A súa proxección, intelectual e política, en defensa de Galiza, levouno á prisión de El Dueso, pero tamén a nosa literatura medrou cun dos máis creativos escritores contemporáneos como é Méndez Ferrín recoñecido internacionalmente.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía