logo opinionO gume da xustiza - 13.04.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O máis semellante á espada de San Paulo, que dicían que tiña dous gumes, son os instrumentos punzantes con que a xustiza española utiliza segundo os casos de conveniencia e a seu modo de pensar sobre o Estado de Dereito, empregando diferentes gumes. Un pensamento postergado e fincado no pasado máis estremo que atenta contra calquera innovación e normalización xurídica que sexa ben entendido e asumido por unha cidadanía que xa non só ve grandes fisuras no nomenclátor xudicial senón que observa atónita o gran baleiro e a enorme distancia entre xustiza e sociedade.

Os casos a cuantificar son patéticos e ilustran o divorcio entre xuíces, maxistrados e os que administran xustiza cunha sociedade atónita e nunca curada de espantos ante os agravios que se cometen nese amplo horizonte de sombras. Se fixeramos un rescate de prensa nas hemerotecas, de todo o que se di e o que se pensa sobre a actuación da xustiza, en moi diversos casos, un se poñería a tremer e a fuxir, esquecendo todo o que ten que ver coa administración de xustiza. Non é grato ler cada día as poucas finezas que se fan con este estamento, un dos máis importantes e representativos dun Estado de Dereito. Cando se confirman tantas desconfianzas e temores ou se ridiculizan sentenzas que a cidadanía non da dixerido, algo catastrófico está pasando nesa institución. Ou cando se di que permanecemos na ditadura franquista, antes exercida por militares e agora por xuíces. Pode que isto soe a esaxero, mais hai realidades que non nos sacan de dúbidas e de desconfianzas. Mal lle vai á xustiza dun país cando se desconfía dela e xera temores sobre a espada de dous gumes que manipula.

O xuízo que se lle fai a Baltasar Garzón encarna o pasado máis sombrío na súa plena recuperación, co fin de anular a verdade que toda vítima ten o dereito á que a súa memoria permaneza esclarecida en toda súa grandilocuencia. Garzón representa unha nova orde xurídica que vai alén das fronteiras españolas. A súa loita por esclarecer a verdade e pór ante os tribunais a xenocidas de recoñecida magnitude asasina como Pinochet e a sanguinarios militares arxentinos, fai que as pantasmas do pasado se presenten como vitimarios a recusar de seus crimes e intenten pór o xuíz Garzón no cadafalso.

Son moitos os que piden a súa decapitación. Para moitos maxistrados Garzón resulta incómodo nun espazo bastante hostil ás innovacións dun cambio vital que a sociedade civil aspira. Para moitos dirixentes do PP Garzón é un persoeiro acostumado a detectar corrupcións e é por iso porque Cospedal e outros o demonizan e o apuntan co dedo. Garzón é o branco dun punto de mira no que mafiosos e terroristas quixeran darlle caza. Mais esa cacería espectacular contra el está servida por poderes escuros e temerarios que pretenden que o inmobilismo máis escurantista continúe intacto para preservar os seus poderes e os seus recursos económicos que tantas veces proceden de escuros horizontes e sempre fóra da lei.

Á medida que chega o momento de xulgar a Garzón a solidariedade suma adeptos; multiplícanse as accións no seu favor. O tema chega a tomar unha dimensión inesperada que a internacionalización do tema acusatorio contra Garzón ten resposta na Arxentina, en Chile, en Francia e en tantos outros países onde xuristas, figuras literarias e premios Nobel están exercendo apoio a unha das grandes figuras da xurisprudencia mundial.

No Estado español comezan a articularse convocatorias ante os tribunais e ante outros estamentos xurídicos contra o proceso que se lle fai a Garzón. Verificamos unha toma de conciencia co fin de illar as pretensión da caverna de que a verdade e a memoria non resplandezan. Defender a Baltasar Garzón pasa por defender a xustiza nas súas máximas expresións de liberdade democrática.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía