logo opinionOs comedores escolares de Feijóo - 20.04.2010

XOSÉ LOIS GARCÍA
O espectáculo está servido pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en varios actos ben diferentes e moitos deles castradores e perversos como é o Decreto sobre o galego. A novidade é que agora o diñeiro dos comedores escolares o fanan dunha maneira miserábel ou o desvían para outros sacos descosidos.

O problema engadido que nos trae esa xente que administra a maneira de non subministrar e darlles cobertura aos escolares mais desfavorecidos, a mais de soportar longas viaxes polo noso rural cada día cara aos centros escolares.

Eses tales de Feijóo profanan o máis elemental que é darlles substento aos nenos máis desfavorecidos. Así é que o teatro representado por tartufos e monicreques irrompe dunha maneira evidente a depredar e anular algo tan necesario como son os comedores escolares. Unha conquista social que se intenta anular ou postular outras ideas sinistras co fin de que a comida dos nenos a paguen as familias engadindo ás de menos recursos.

O panorama que nos presenta esta Xunta de Núñez Feijóo é tan escuro como imprevisíbel para a cidadanía. O engano electoral faise visíbel naquelas ofertas de melloras incumpridas e que se procesan como devastadoras para unha sociedade metida nunha crise permanente desde hai séculos, gobernada e gobernamentada pola dereita. A falta de pagamentos aos provedores da alimentación das escolas non deixa de ser unha táctica de tanteo para ver as respostas da sociedade escolar e observar a pasividade contra esta táctica.

Se isto non ten incidencia entrarán nunha segunda fase que podía ser a negativa a realizar estes servizos.

A un ano das eleccións gañadas polo PP, non saímos do asombro nesa proliferación de agravios e da entrada nun proceso de desmantelar e desactivar todo aquilo que ten un indicativo social e popular. O tema da Sanidade na que se ían eliminar as esperas e dar un servizo máis puntual e concreto -iso é o que se dicía no panfleto electoral- resulta que as esperas aumentaron e moitos pacientes galegos teñen que recorrer a hospitais fóra de Galiza. Vemos como no ambiente sanitario galego hai unha présa por privatizar servizos e facer máis eficiente a sanidade privada que a pública.

O mesmo que pasa coa sanidade comeza a practicarse no ensino, facendo camiño liso ao ensino privado en depredación do público. Neste sentido, a confusión está servida e é moi difícil nunha sociedade dócil, domesticada e castrada pola demagoxia política, ver e transcender alén da nebulosa.

Neste episodio convén estar alerta en varios parámetros que incumben ao ensino publico por parte de profesores, pais de alumnos e asociacións viradas cara ao ensino público.

Este comportamento meditado por Jesús Vázquez Abad e consentido por Alberto Núñez Feijóo precisa de respostas rápidas e concisas para manterse en tolerancia cero, se non se quere volver a máis de cincuenta anos atrás, á plenitude do franquismo repartindo nas escolas leite en po americano, a esmola que o presidente dos Estados Unidos, Eisenhower, enviaba a Franco e era repartido nas escolas rurais a aqueles nenos famélicos e desnutridos, dos que eu me conto.

Volver ás carencias, ás humillacións que soportaron as clases populares máis desfavorecidas e desprotexidas foi unha teima da dereita que fixo prevalecer en moi diversas propostas inconcretas en campañas electorais e nunca cumpridas.

A ousadía incubando mentiras e exercendo omnímodos poderes que favorecen os que acumulan prebendas e maquillan a realidade social.

Ademais de que temos un ensino desigual, en dúas velocidades, o que se aplica aos podentes e aos que carecen de medios. Estamos falando dun dos dereitos inalienábeis que é a protección aos alumnos nun asunto como é o servizo de comidas nas escolas públicas.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía