Nacionalismo e República na Galiza - 12 Xuño 2014

A presenza republicana no provincialismo, rexionalismo e nacionalismo tivo na Galiza unha dimensión mobilizadora e revolucionaria, que se constata nos movementos embrionarios do republicanismo emerxente e potenciado polo provincialista Antolín Faraldo e, mais tarde, polo grupo republicano compostelán, no que estaban Aurelio Aguirre, Manuel Murguía, Rosalía, Pondal e a suma de tantos outros que fomentaron o idealismo rexionalista como elemento fundamental en defensa dos intereses da Galiza: inicio do gran Rexurdimento literario e político.

A presenza republicana no provincialismo, rexionalismo e nacionalismo tivo na Galiza unha dimensión mobilizadora e revolucionaria, que se constata nos movementos embrionarios do republicanismo emerxente e potenciado polo provincialista Antolín Faraldo e, mais tarde, polo grupo republicano compostelán, no que estaban Aurelio Aguirre, Manuel Murguía, Rosalía, Pondal e a suma de tantos outros que fomentaron o idealismo rexionalista como elemento fundamental en defensa dos intereses da Galiza: inicio do gran Rexurdimento literario e político. Esa ascendencia republicana conferiu corpo ao nacionalismo galego co ideario das Irmandades da Fala e a Xeración Nós, onde tomou corpo o nacionalismo ideolóxico e redentorista da nosa vulnerada nación. 

"A ascendencia republicana conferiu corpo ao nacionalismo galego co ideario das Irmandades da Fala e a Xeración Nós, onde tomou corpo o nacionalismo ideolóxico e redentorista da nosa vulnerada nación". 

Cando se proclamou a II República española en 1931, aqueles homes como Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo e Vicente Risco, como tantos outros que bebían do herdo reivindicativo do republicanismo do século XIX, foron capaces de crear o Partido Galeguista e souberon diferenciarse daqueles postulados dos republicanos españolistas que concertaron o Pacto de Lestrobe e deron corpo a ORGA, tan mitigada pola persoalización dese republicanismo centralista, protagonizado por Santiago Casares Quiroga. Outra versión do centralismo españolista operando na Galiza, representada e defendida por Casares.

Se temos a curiosidade de ver o “Diario de Sesiones” do parlamento da II República, decatarémonos que o que defendían os deputados do Partido Galeguista e os de ORGA, a distancia é clamorosa. Uns expuxeron os verdadeiros problemas de Galiza e os outros os insinuaban dunha maneira moi leve e dentro do contexto do Estado español. O mais parecido ao que expoñían aqueles representantes monárquicos de Maura e Romanones e ao que agora potencia o actual bipartidismo PPSOE. 

O grande silencio que representou o período franquista e a súa represión, mutilando o ideario galeguista e republicano ao que temos que sumar a renuncia a este ideario por parte de Ramón Piñeiro, o home que vía por todas partes o fantasma do marxismo, un xeito indecente de intentar paralizar traizoeiramente o proceso histórico do nacionalismo. Mais as organizacións nacionalistas xurdiron en defensa do pobo e da nación galega, dunha maneira consciente que foron organizando un canle pragmático e ideolóxico, nun basto organigrama capaz de superar as diversas problemáticas que tiñan un matiz colonialista e, por veces, descoidando a construción dun republicanismo individualizado e en función nosa idiosincrasia e problemática.

"Historicamente descoidamos de atender e proclamar o noso nacionalismo dentro dun republicanismo autóctono, que respondese ás nosas aspiracións nacionais".

Mais o nacionalismo preocupado por estas cuestións foi medrando cunha análise de liberdade onde estaba presente a autodeterminación e o dereito do pobo galego a decidir o seu futuro, superando infantilismos e voluntarismos dunha maneira pragmática. Mais nesta análise, ou preludio da vontade popular, en súa toma de conciencia nacional, esqueceuse o instrumento institucional no que se teñen que fundamentar as liberdades do pobo galego e a súa forma de goberno, sen incentivar dunha maneira sólida a construción da República Galega onde as nosas reivindicacións nacionais e de clase teñen que ser entendidas e defendidas. 

O nacionalismo galego actual (en súas diversas particularidades accións e contradicións) descoidou este elemento fundamental, non vale declararse republicano cando non se crean estruturas para consolidar unha vocación universal, no que se refire aos dereitos nacionais. Historicamente descoidamos de atender e proclamar o noso nacionalismo dentro dun republicanismo autóctono, que respondese ás nosas aspiracións nacionais. Cando se proclamou a II República española, o presidente da Generalitat de Cataluña proclamou a República Catalá. Cos vascos aconteceu case o mesmo. Os nosos políticos, daquela época, estaban noutra órbita, observando como rescatar o barco varado da Galiza. Mais o Partido Galeguista fixo esforzos para non defraudar en todo aquilo que atinxía a normalizar as liberdades e proxectar cambios de desenvolvemento.

"O nacionalismo galego ten o deber de construír un republicanismo configurado e lexitimado nun proxecto que se debe abrir alén das contradicións que apareceron nesta longa e actual recesión económica, prescindindo de tópicos, de verdades absolutas e de actos disgregantes".

Esa fidelidade mostrada polos autonomistas do Partido Galeguista foi frustrada por unha II República española e centralista que configurou non poucos oprobios para que o Estatuto Galego de 1936 non fose aprobado. Nestas disidencias, compre ler polo miúdo o “Sempre en Galiza” de Castelao, onde se mencionan os agravios e as falcatruadas que o centralismo republicano tiranizou as nosas aspiracións. Pode que este libro nos axude a discernir a tradición do republicanismo federativo galego en clave de liberdade e sen demasiados éxitos. Tanto na I coma na II República contabilízanse os esforzos dados desde Galiza e, tamén, as frustracións vindas desde o centralismo republicano. Neste sentido, aínda queiman as feridas e as cicatrices resaltan esa opresión.

Nesta etapa de convulsións, o nacionalismo galego ten o deber de construír un republicanismo configurado e lexitimado nun proxecto que se debe abrir alén das contradicións que apareceron nesta longa e actual recesión económica, prescindindo de tópicos, de verdades absolutas e de actos disgregantes.  

Ninguén dubida que o noso nacionalismo sexa republicano, mais dun republicanismo bastante abstracto e nada diferenciador de outros, debido a que non se ten afondado, desde un nacionalismo de clase e desde a forma de goberno que se quere. Isto non se contemplou o suficiente durante as diversas fases do proceso nacional en Galiza no posfranquismo. Neste sentido, hai temas que non nos poden coller de sorpresa –como a abdicación do rei Borbón- no que debemos admitir e confirmar un debate republicano amplo  e dunha maneira nada simplista, para ampliar a nosa vocación de liberdade e que tipo de república queremos, utilizando tódolos recursos dialécticos e símbolos que nos diferencien do republicanismo centralista.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía