Eduardo Galeano, en tódalas veas abertas pola opresión - 16 Abril 2015

A presenza e compromiso tan puntuais de Eduardo Galeano fanse enormemente sensíbeis no apoteótico recoñecemento que o intelectual uruguaio convoca após do seu falecemento.

A presenza e compromiso tan puntuais de Eduardo Galeano fanse enormemente sensíbeis no apoteótico recoñecemento que o intelectual uruguaio convoca após do seu falecemento. O seu verbo aceso en favor de causas nunca perdidas abre fendas e incomposturas contra os que manifestan poder económico e arrogancia de explotación amparados por crueis ditaduras; por sátrapas militares que aniquilaron as liberdades e facilitaron ao colonialismo norteamericano, a rapina mais cruel dos medios de produción e dunha espoliación sistemática das materias primas do continente latinoamericano. Eduardo Galeano foi capaz de ir ás orixes do sinistro colonialismo após do descubrimento de América e expor as consecuencias que exerceu o monstro.

"Eduardo Galeano foi capaz de ir ás orixes do sinistro colonialismo após do descubrimento de América e expor as consecuencias que exerceu o monstro".

O compromiso de Galeano coa realidade e dignidade dos despoxados latinoamericanos non leva a confusión aos que o toman como guía orientadora sobre a explotación  existencial que manifesta no seu libro: “Las venas abiertas de América Latina”. Neste libro de mocidade está a clave do despotismo colonial e as consecuencias de opresión que se deron nos diversos países latinoamericanos. Tamén destacan as loitas pola dignificación dos pobos que Galeano nos  revela partindo dese puntual proxecto de ir ás fontes documentais e erguer un magnífico e inaudito monumento historiográfico sobre o espolio de América Latina. Fronte a este libro non valen encubrimentos dos feitos, interpretación ou metáforas indebidas para inculcar silencio e submisión.

“Las venas abiertas de América Latina” é un testemuño poderoso que abriu conciencias para verificar a opresión colonial reflectida en comportamentos ao uso de numerosas parcelas de poder, e da toma de conciencia sobre a alienación de clase e de nación. 

Grazas a este libro eu puiden entender a miña nación galega e as claves dun colonialismo agresor e de comportamentos agresivos que o réxime franquista practicou na Galiza. Lembro e gardo como primicia, aquela segunda edición de 1973. Un libro que entraba no Estado español dunha maneira case clandestina e certos libreiros comprometidos contra a ditadura ofrecían a persoas afíns. Obras perseguidas pola ditadura estaban agachadas en librarías puntuais como a referida de Galeano, da chilena Marta Harnecker, do Che, de Frantz Fanon, entre outros autores. 

"Os que vivíamos en Barcelona tivemos o privilexio, de coñecer e convivir co cidadán e refuxiado Eduardo Galeano, perseguido polas ditaduras de Uruguai e Arxentina".

Mais os que vivíamos en Barcelona tivemos o privilexio, de coñecer e convivir co cidadán e refuxiado Eduardo Galeano, perseguido polas ditaduras de Uruguai e Arxentina. Transcorrían os anos 1976-77, cando el e a poeta uruguaia, tamén refuxiada en Barcelona, Cristina Peri Rossi foron testemuño vivo ante miles de fuxidos do totalitarismo militar do chamado Cono Sur Latinoamericano. Aos dous os coñecín nun acto do Ateneu de Barcelona, nun día de enorme fervor e relevancia contestataria sobre o estado de crimes que estaban acontecendo nestes países. 

Grazas a el os uruguaios en Barcelona foron moi activos e conformaron unha fronte moi pragmática que ía alén do entusiasmo. Lembro con devoción aqueles actos do Frente Amplio que tantas veces nos fixo reflexionar sobre a situación colonial e o herdo militarista que amparou a terratenentes e outros poderes económicos que Galeano narra nos seus libros: “Las venas abiertas de América Latina” e “Memoria del Fuego”. Ensaios devastadores contra practicas de opresión e, tamén, de dignificación das clases populares. O seu compromiso pola liberdade dos oprimidos, a ter palabra propia e exercela en foros democráticos e revolucionarios, está codificado no longo inventario da súa obra.

"Fica a súa palabra ergueita e instrutiva como oferta aos desherdados e aos  que teiman construír a liberdade e a igualdade, prodixio que sempre encontraremos no pensamento de Eduardo Galeano".

Chegaron tempos de liberdade conquistada para o seu país e moitos notamos a súa ausencia en foros e prensa de Barcelona, como a de Peri Rossi e de Mario Benedetti. 

Anos mais tarde encontrámonos nun acto cultural na Habana, mantivemos unha conversa breve sobre a novela de Miguel Barnet: “Gallego”, que Galeano admiraba. Sorprendeume a avidez de coñecemento sociolóxico que tiña sobre a emigración galega e de puntuais matices que comentou sobre o noso éxodo, dentro dun contexto colonial e, tamén, do atraso económico que padece Galiza. Eduardo Galeano coñecía ben a moitos escritores galegos e tiña relación con activos líderes do actual nacionalismo galego.

América Latina chora ao enorme escritor, ao fiel intelectual que revelou ao mundo as veas abertas e desangradas que o colonialismo provocou. Fica a súa palabra ergueita e instrutiva como oferta aos desherdados e aos  que teiman construír a liberdade e a igualdade, prodixio que sempre encontraremos no pensamento de Eduardo Galeano.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía