Defender Galiza en tempos escuros - 23 Xullo 2015

Non sei se en vésperas do Día Nacional de Galiza, se boa parte dos galegos reflexionamos sobre a situación política, social e económica que vén a constatar fondas precariedades existenciais.

Non sei se en vésperas do Día Nacional de Galiza, se boa parte dos galegos reflexionamos sobre a situación política, social e económica que vén a constatar fondas precariedades existenciais. Xa non digo que a reflexión parta de conceptos sentimentais, incluso emocionais para detectar a asimetría das diversas problemáticas que oprimen a nosa Terra, que sería unha maneira de ollarnos con unha dose de realismo.

"Seremos conscientes de coordinarnos, en unidade, para defender os intereses colectivos nestes tempos escuros?"

Seremos conscientes de coordinarnos, en unidade, para defender os intereses colectivos nestes tempos escuros? Seremos pertinentes en detectar a imposición dun ostracismo de ideas belixerantes que permiten esa obstinada confrontación con nós mesmos, procedente dos poderes que tratan de confundirnos para dividirnos e rematar de alienarnos?

O día da nación galega, do próximo 25 de xullo, debe servirnos de reactivo para comprender que estamos nun país de fráxiles emerxencias, pola falta de mudanzas adecuadas que marquen novos destinos para a nosa patria. Fáltanos un modelo de renovo que proveña dun pensamento adecuado e que dea respostas a formatos políticos convencionais. Nestes intres, carecemos dun sentimento maduro e dun pragmatismo  capaz de interpretar cada unha das claves que as institucións dirixidas desde o nacionalismo unitarista de Madrid, non deixa de cercarnos e inmobilizarnos agresivamente desde varios parámetros do poder. 

Con respecto ao colonialismo e asimilismo que sufrimos, Castelao preguntábase: “¿E quen son os axentes máis teimosos do imperialismo mesetario? ¿Quen foron os descastados que con mais aleivosía favoreceron, e siguen favorecendo, a torpe intención asimilista de Castela? Velaí unha pergunta que non quero contestar, para que non me escomunguen os da dereita galeguista”. Mais Castelao, un político pragmático e non visionario, apostou por evolucionar fronte aos aparellos de opresión, intentando crear un pensamento e unha acción lexitimadora de mudanzas e dunha nova orde que, actualmente, contrasta con anticuadas apoloxías que nestes cambios estructurais e xeracionais pouco aportan. Volvendo ao mestre Castelao, sobre esta cuestión, dixo: “O pasado, pai do presente, non nos deixou mais que disilusións de vida e complexos de inferioridade. E non valen interpretacións amañadas, nin glorificacións xenerosas, para disculpar o que non ten disculpa, porque o pasado tróuxonos a esta realidade presente, visible e palpable, que os galegos queremos abolir”. Non sei se queremos, pero debemos abolir toda insensatez que non nos leve a unha acción de principios unitarios.

"O nacionalismo galego precisa dun renovado pulo, e dun pensamento de unidade que, polo menos, supere puntuais contradiccións que nos asisten".           

Claro que Castelao escribiu isto nun momento excepcional para Galiza, en tempos da guerra civil, constatando as desavinzas do período republicano. Neste sentido, debemos valorar o correctivo de Castelao e admitir que estamos en paralelas circunstancias, admitindo que uns e outros posúen  a verdade pura e única, tan reducidos ao pasado que non nos permite albiscar o presente. Así estamos hipotecados nos fervores e incongruencias dun pasado nada lonxincuo que non nos deixa ver o mais inmediato.

Conmemorar a nosa nación en unidade, pasa por unha reflexión do que somos, onde estamos e para onde vamos. Defender Galiza en tempos escuros pode que nos permita certas clarividencias para entrar noutras dialécticas vén diversas ás que se practican actualmente. O nacionalismo galego precisa dun renovado pulo, e dun pensamento de unidade que, polo menos, supere puntuais contradiccións que nos asisten.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía