A morte indebida de Carlos Oroza - 22 Novembro 2015

Aos seus 92 anos Carlos Oroza aínda era necesario para interrogarnos con ese diálogo diáfano

Aos seus 92 anos Carlos Oroza aínda era necesario para interrogarnos con ese diálogo diáfano que o asistiu en tódalas incontinencias necesarias e de seus silencios interiores que emerxeron e fecundaron o verbo proclamado fronte ás obsesións do ditame ditatorial e das barreiras que delimitaban conciencia. Mais a liberdade de Carlos Oroza tivo seu espazo na rebeldía e na autenticidade de ser el e sempre nos outros sen deixarse intimidar polos que perseguían a palabra. El non tiña o hábito de someterse ás decisións dos que cultivaban criminosas ortodoxias. Carlos era poeta, continuará a selo en todo o que fecundou a súa heterodoxia. O poeta reflexivo, contemplativo, gnóstico, aínda permanece. 

O salvaxe contemplativo que nos deixou contemplar as súas viaxes pola interioridade da súa conciencia poética. O ser que nos deixou entrar nos matices creativos da súa poética, para nunca mais poder saír desa prenda, remata de falecer. Carlos Oroza morreu, o podemos dicir con ironía e coa sátira que non nos deixa indiferentes ante a súa presenza. Sabemos que os poetas auténticos nunca morren, transcenden en súas aventuras marabillosas, cando fuxen cara a outra marxe da morte. Nunca saberemos o que tenta dicirnos Oroza desde esta severa transcendencia oculta, no misterio dos seus silencios. E pode que un soño nos transmute para poder sentir a palabra certa, saída da conciencia insurrecta que el amou e practicou. Isto evidencia poesía metafísica do lado que depara a dor do outro e non tanto a de si mesmo. O poeta peregrino sen destino, nunca exclusivo por distintos vieiros do discernir da poesía. Así é que os versos choran a ausencia de Oroza. O poeta galego (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), aínda que nunca escribiu en galego, neste caso, a súa creación lírica vai alén das linguas, en reencontro das persoas, coa mensaxe empírica en demanda de descuberta.

Sabemos que os poetas auténticos nunca morren, transcenden en súas aventuras marabillosas, cando fuxen cara a outra marxe da morte

O lector de poesía ten o deber de descubrir o esencial dese roteiro iluminado que se referencia en toda a obra poética de Oroza. A súa obra resúltanos orixinaria e activa, desde a oferta do seu primeiro libro: “Aléncar” (1974), co que nos leva ao verdadeiro encontro dunha poesía sen dicir, fermentada nos interiores dun pensador fecundo como foi Oroza. Um poeta tardío en publicar, non en recitar na gloria dos foros madrileños e doutras xeografías peninsulares. Un poeta curtido en varios ambientes urbanos e rurais como o do Courel, onde conviviu varios anos en Parada co poeta Novoneyra. Grata emoción sentía Uxío cando falaba das diversas frecuencias con que trataba Oroza os seus acuñados creativos, as formas expresivas, as imaxes, a incontinencia dos dicires expandidos con recta intuición, ao manifestar deberes e saberes, no momento mais solemne de crear o corpus poético. Dous poetas de sabio portento erixindo no alto cume do Courel vicisitudes diferentes. Oroza en reencontro coas emerxencias de Orfeo, e Novoneyra retraído no esencial das sonoridades courelás, esa terra invertida no gran código que coñecemos en poesía co nome de “Os Eidos”. A irmandade dos poetas sen resaibo abrindo amenceres para unha poesía sen flaxelos, por eles autorizada para non sucumbir ante as impertinencias dunha ditadura que vixiou a estes dous dadores da palabra libertaria.

Se “a morte non é certo” Carlos Oroza o encontraremos nos suburbios da esperanza e nos arrabaldes dos que proxectan sonorizar os seus versos con incontinencias de futuro. Branca Novoneyra no seu traballo: “Carlos Oroza, La codicia de lo lejano” déixanos este impacto sobre Carlos Oroza: “Voz única en la poesía  española con seguidores y sin discípulos, encontramos su sonoridad concentrada en la última edición de Preludio a Cabalum”. 

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía