Dilemas do nacionalismo estatal - 07 Xaneiro 2016

O corpo político do nacionalismo estatalista

O corpo político do nacionalismo estatalista, que se respira na actualidade, en diversas frontes, consignas e coincidencias entre partidos opostos, descóbrenos a antiga consigna arribista do Conde Duque de Olivares, o nefasto persoeiro do asimilismo castelán. O idealismo centralista de Olivares foi superado por tódolos validos dos Borbóns, posicionando o integrismo como elemento fundamental do Estado borbónico, tan devastador para as culturas e as manifestacións das chamadas, pexorativamente, culturas periféricas que resistiron a un centralismo totalitario, que impuxo o lingüicidio co fin de decapitar toda manifestación allea ás leis e manifestacións do Estado imposto por Castela. E que se utilizou polo totalitarismo monárquico, polo Trienio Liberal e seus acólitos e, sobre todo, por ese unionismo de acervo militarista, tan en uso e con excesiva morbosidade pola dereita e por un pensamento da esquerda tradicional, fiel ao dogma do internacionalismo proletario.

O nacionalismo español, o do vello herdo de Olivares, Patiño, Riego, Cánovas, Romanones, Pablo Iglesias e seu consorcio do PSOE, deixaron escola e prepotencia, para outros albiscadores do patriotismo e enxebreza castiza daquela Castela “envuelta en sus harapos, desprecia lo que ignora”. A España anquilosada nos redutos da Castela imperiosa, incapaz de mastigar as súas abstraccións. A Hespaña plurinacional de Castelao continúa sen ser entendida; o ideario sobre a Hespaña confederal de Pi i Margall foi traizoado polas reaccións dos que mantiveron o status de pensamento único, e polas ambigüidades dunha esquerda que se resistiu a contemplar os valores da diversidade, sen saír dos seus medos. A finais do século XIX, Cataluña, Euskadi e Galiza actuaron de diversa maneira, segundo as súas posibilidades, en manifestar a súa personalidade cultural, con ritmo diferente e dunha maneira concisa. O nacionalismo español demonizou as reivindicacións das tres nacionalidades hispanas. Mais o seu anatema o inverteu contra Cataluña, en maior medida. Evasivas, aprazamentos e ameazas tiveron un carácter perverso moi peculiar: desprezar e atemorizar ao diferente.

O nacionalismo español demonizou as reivindicacións das tres nacionalidades hispanas

Hai razóns para desconfiar do nacionalismo estatalista que, ancorado no seu narcisismo, é incapaz de facer unha autocrítica sobre o que sucede no ámbito das nacionalidades hispanas, engadindo a Castela. Houbo un político na II República que intentou facer autocrítica institucional, desde outra visión ben diferente ao centralismo omnímodo castelán fronte a Cataluña. Este foi Manuel Azaña, un político pragmático, aínda sentíndose netamente español, lanzou unha advertencia sobre os desaxustes do Estado unitario fronte aos cataláns, naquel discurso en que se discutía o Estatuto de Cataluña en 1932, nas Cortes da II República, digno de lembrar: “La diferencia política más notable que yo encuentro entre catalanes y castellanos, está en que nosostros los castellanos, lo vemos todo en el Estado y donde se nos acaba el Estado se nos acaba todo, en tanto que los catalanes, que son más sentimentales, o sentimentales y nosotros no, ponen entre el Estado y su persona una porción de cosas blandas, amorosas, amables y exorables que les alejan un poco la presencia severa, abstracta e impersonal del Estado”.

Azaña foi un político que tratou de comprender a outra Hespaña, a que non se sinte parte de Castela (España) blindada no Estado. Esa periferia que non ve todo desde o Estado e para o Estado uniforme. O Estado que restrinxe as liberdades individuais e fai constitucións á medida do nacionalismo unitarista que defende. Naquela ocasión de debate parlamentario, Manuel Azaña dixo algo importante sobre o poder emanado da Constitución: “Lo que dije es que la Constitución de España debía ser leve, ligera, flexible, adaptada al cuerpo español, sin que lo embarazase ni molestase en ninguna parte, porque el cuerpo político de España es algo de complejo y de disforme, que no se sujeta a ningún canon, y su vestimenta política debe ser de tal holgura y de tal hechura, que todas las partes puedan moverse cómodamente, sin rozarse ni estorbarse las unas a las otras”. Mais o traxe que nos puxo a máxima do Estado e seu totalitarismo é tan apertado que realmente nos asfixia. Miguel de Unamuno tachou de “traidores e filibusteros” aos que culminaron un réxime asimilista, unitario e intransixente. A Unamuno non o debemos identificar co Estado unitario -pese a seu españolismo-. El era un intelectual con miras cara á necesidade de recoñecer outras estruturas ben diferentes ás que emulaban a evidencia da diversidade.

O dilema do Estado ante a cidadanía, sustentado polas forzas bipartidistas, vén a ser impropio dun Estado de Dereito. O formato e o verbo único obstrúen calquera opción de autogoberno. Neste tema de dereitos individuais -dos que tanto se pregoa en tempos de crises institucionais- esquécense aos colectivos nacionais dentro do Estado español. Nas circunstancias en que fica o Estado ante o paso dado pola cidadanía en Cataluña, manifestouse esa conciencia de emancipación, abrindo tódalas alertas sobre o corrosivo estatalismo.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía