Breve andaina polo románico de Silleda - 04 Febreiro 2016


As terras do Deza ofrecen un avultado volume de arte medieval, de severa e harmónica composición, que no que toca á expresión románica, quizais estéamos falando dun dos espazos  mais sorprendentes e centro de máximo interese do románico galego, con non poucas influencias do románico pleno compostelán e do mais tardío. En termos xerais, as diversas xeografías do Deza ofrecen confluencias emerxentes dun románico de rigorosas contundencias creativas, que personalizan aquela tendencia premeditada dunha composición arquitectónica e dun simbolismo iconográfico con numerosos matices que corresponden e participan do legado románico universal.

Deste amplo territorio do románico do Deza, o do concello de Silleda acapara o maior número de exemplares deste estilo medieval. O inventario de igrexas románicas é ben revelador, nas seguintes parroquias: Abades, Ansemil, Breixa, Carboeiro, O Castro, Cortegada, Donramiro, Escuadro, Fiestras, Manduas, Negreiros, Oleiros, Silleda e Taboada. O pasado domingo efectuei un percorrido por algunhas destas igrexas. O mosteiro de Carboeiro foi o centro de atención e emoción desta visita. De tantas visitas que efectuei a este lúdico e singular espazo, onde se ergueu o portentoso mosteiro da orde bieita, edificado nesa viravolta enorme que deseña o río Deza, que o cerca e guarnece nese delicioso entorno medioambiental.  Nesta ocasión tiven unha grande sorpresa, ao comprobar que as portas estaban abertas e poder descubrir o interior desa ampla e altiva planta de tres naves: cume reveladora da tendencia da escola do mestre Mateo, con esas rigorosas columnas sostendo espléndidos capiteis fitomórficos, onde se expresa a tendencia mateana, nesa exposición diversas especies vexetais, tan conclusas no románico cisterciense, que Mateo e seus seguidores do románico tardío manifestaron.

Visualizando eses transeptos e a cripta, decateime do espolio xeral que tivo en diversas épocas este mosteiro

Visualizando eses transeptos e a cripta, decateime do espolio xeral que tivo en diversas épocas este mosteiro. Unha singular destrución que afectou a totalidade do monumento e, quizais, o maior agravio fose o silencio e o esquecemento. Aí están as cicatrices dunha depredación constante e nada misteriosa, que podemos clasificar como coordinada, desde os efectos destrutivos da Desamortización até as vendetas consentidas de certas pezas, como a desaparición de columnas e capiteis. Así como dúas pezas antropomorfas do tímpano do pórtico central que foron vendidas, no século pasado, ao Museu Frederic Marès de Barcelona. Ningunha institución deu pasos para entrar en contacto coa dirección do Marès -que eu saiba- para recuperalas, ou polo menos facer xestións para reproducilas e volvelas a Carboeiro ou a un museo que as guarnecera. A única persoa que deu pasos nesta dirección, non fai moitos anos, foi o estudoso do románico e profesor, Carlos Sastre, que viaxou a Barcelona para crear unha vía de poder negociar o regreso ou a reprodución destas pezas.

Que se teña aberto ese mosteiro e pór unha persoa idónea que sirve de guía, é unha iniciativa moi importante que remata de realizar o concello de Silleda. No caso de Carboeiro hai que dar pasos miúdos pero firmes, co fin de intentar recuperar espazos dos que aínda hai a posibilidade de ser recuperábeis e chegar a normalizar un espazo de interese arquitectónico e ecolóxico. Por tanto, recuperar Carboeiro sería unha iniciativa que se podía clasificar de enorme eficacia que repercutirá en fomentar a divulgación das catorce igrexas románicas de Silleda. Todo un amplo volume que vén a concertar unha das rutas mais valiosas do románico galego. Por tanto, o mosteiro de Carboeiro pode e debe ser un gran centro de cultura e historia medieval, capaz de dinamizar varios contextos que posibiliten a normalización do románico galego.

O valioso conxunto románico de Silleda ten certas carencias, unha delas é a insuficiente sinalización dunha ruta algo complexa, na que o visitante encóntrase con problemas de sinalización que veñen a dificultar unha fluída comunicación con estes templos. Rotular esta ruta sería de enorme eficacia, para evitar equivocarse de camiños e desviarse por outros roteiros que non corresponden. Outro dos problemas xeneralizados, nos monumentos románicos, é a falta de apertura  ou a localización de quen pode dar acceso ao interior dos mesmos. Estas serían, a groso modo, as prioridades que convén solucionar.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía