Falta un museo dos escritores galegos - 03 Novembro 2016

Despois de visitar o Museo dos Escritores Irlandeses en Dublín, regreso coa teimosía do necesario e representativo -alén do narcisismo que poida parecer a moitos a idea- sobre a finalidade de esclarecer ao noso país a función necesaria e a intervención das nosas escritoras e escritores en lingua galega. Os autores que escribiron e posibilitaron o relato da vida e das circunstancias dos galegos en diversas épocas, son merecentes de reconstruír esa memoria que eles esclareceron e confirmaron facendo país. Para nós é vital conservar a memoria escrita, polo valor pedagóxico, didáctico e difusionista, non só nos arquivos e bibliotecas encontramos aos nosos escritores, temos o deber de coñecer aos autores en seus refuxios de contemplar á inmorredoira Galiza deles. Non bastan as redes informáticas que dan noticia dos escritores, ou de outros medios de divulgación. Un museo das característica do de Dublín significa ese contacto íntimo cos escritores, por medio de esculturas, cadros, libros e escoitar a resonancia da súa voz, cando falaron das prioridades e dos procesos temporais que lles tocou vivir e que eles mesmos interpretaron na súa escrita. Todos estes matices resultan necesarios para recompor o vital da escrita no que respecta ao herdo cultural e recoñecernos na identidade e idiosincrasia galega e, por suposto, no legado dos nosos escritores.

Un museo das característica do de Dublín significa ese contacto íntimo cos escritores, por medio de esculturas, cadros, libros e escoitar a resonancia da súa voz

O Museo dos Escritores Irlandeses, instalado nun edificio de tres andares, na gran e céntrica avenida de O’Connell, representa manter ese diálogo cos escritores que fixeron país e loitaron pola súa liberación e independencia. Ese achegamento íntimo e necesario vese reflexado na comuñón dos creadores coas diversas fases da historia de Irlanda, cando verificaron procesos históricos e circunstancias magoantes como a grande mortandade pola fame de 1845-1850, as emigracións, as loitas anticoloniais, de todo isto deron conta os poetas, os narradores, os dramaturgos, etc. Cada un deles ten o seu apousento neste memorial, con seus libros en vitrinas e coa fotografía de cada autor. Un percorrido polas tres plantas, que dura mais de dúas horas. Visitas guiadas ou individualizadas con audioguía.

No segundo andar do museo, nunha enorme sala están erixidas as estatuas e cadros dos grandes escritores do século XIX e XX: John Synge, George Bernard Shaw, Oscar Wilde, Sean O’Casey, James Joyce, Patrick Kavanagh, Samuel Beckett, William Butler Yeats, Flann O’Brien e Brendan Behan. O inventario de escritores no referido museo é longo, no que se expón esa soberana estirpe de autores que fixeron país e universalizaron a escrita e a patria irlandesa. Sen o compromiso dos escritores ese país sería moi diferente ao que agora é e expresa. 

Persuadido por este elocuente centro, pensei por un momento se algunha institución, entidade ou asociación teñen o valor e o tempero de ver a necesidade de crear un museo galego

Falando cun dos funcionarios deste museo, comentoume que eses cadros, esculturas, biblioteca e parte do mobiliario foron ofrecidos por diversos autores que, persuadidos pola necesidade de erguer un gran memorial que concentrase aos autores da escrita irlandesa, determinou a formación desta enorme casa dos escritores, con sala de actos, un local de venda de libros, etc. Persuadido por este elocuente centro, pensei por un momento se algunha institución, entidade ou asociación teñen o valor e o tempero de ver a necesidade de crear un museo ou centro dos escritores, onde podamos observar o ciclo medieval dos nosos trobadores, aos próceres da escrita do século XVIII: o Padre Sarmiento e o Cura de Fruíme; á nosa grande e inmortal Rosalía, abrindo o Rexurdimento con Pondal, Curros e Lamas Carvajal; ao impetuoso Murguía, cos escritores das Irmandades da Fala, coa Xeración Nós, cos poetas do neotrobadorismo, cos poetas e narradores da guerra civil e posguerra, etc., etc. Estaríamos contemplando a grandeza de diversas xeracións de escritores galegos que fixeron país, nun enorme centro museístico para non ter envexa do de Dublín..

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía