Un ano de reencontros con Manuel María - 15 Decembro 2016

Un ano histórico, o que remata dentro de poucos días, para as Letras Galegas que homenaxearon Manuel María en todas as dimensións, encantos e recantos. Un ano nutrido de experiencias que nos adentraron no perfil e na idiosincrasia dunha terra: Galiza, sentida e proclamada por un poeta e escritor que sempre estivo na proxenitura da ática defensa que os “bos e xenerosos”, como Manuel, “a súa voz atenden”. A verba do poeta e as voces populares que durante 2016 mesturaron seus ecos, en variadas presenzas e actitudes, marcando un camiño para o noso país, pese ás dificultades e trancos que lle puxeron, soubo acender esa luz de feble candea que se converte en enorme facho luminoso, onde a poesía cívica e comprometida de Manuel María continúa resplandecendo.

Se revisamos todos os contidos desa celebración do Días das Letras Galegas desde 1963 até o presente ano, estaremos no certo que non houbo celebración que superase a de Manuel María, en toda esa verticalidade e horizontalidade envolvente, onde se desvela o compromiso do noso escritor en defensa da cultura, da lingua, da tradición, do pobo maltratado e doído. En definitiva, a dignidade das clases populares foron elementos claves no humanismo e na dialéctica con que Manuel activou diversos proxectos e traxectorias da súa vida en compromiso. Neste sentido, as diversas xeracións de galegos non deixaron de recuperar as achegas do poeta, en centos e centos de actos que culminaron esa homenaxe que rexistraron esa elocuencia e esa descuberta que non ten parangón con outras homenaxes e conmemoracións dos cincuenta e tres anos de historia desta celebración.

Non houbo celebración que superase a de Manuel María, en toda esa verticalidade e horizontalidade envolvente

Son inmensas as particularidades de estudos, libros, imaxes e outros soportes de difusión por toda a nosa xeografía galega. Quizais os mais agraciados foron os nosos escolares e adolescentes, os que puideron dialogar coa obra de Manuel, esa oferta e ofrenda tan valiosa para dixerir patria verdadeira nos arrolos da súa poesía, da súa narrativa, do seu teatro e en todo o seu devalar por terra valiosa. Nas escolas primarias, institutos e universidades estivo a presenza creativa de  Manuel María, persuadindo os valores nacionais que temos que salvar, alén de derivacións e particularismos barulleiros que non fan regra nin silabario.

Avaliar este ano de reencontros con Manuel María, en todo o que el representa en activos patrióticos, en defensa do noso herdo e da nosa identidade e percibindo unha Galiza sen o acedo costume de vivir ao marxe de tantos flaxelos e labazadas morais que non presentimos. O poeta da Terra Cha e da Ribeira Sacra (da Galiza enteira) é esa grata figura en espiral que desdobrou tantas iniciativas e imaxes dunha patria esmagada e ferida de morte, que só patriotas como el saíron en defensa das precariedades humanas, nun sentido defensivo e ofensivo ante os espoliadores da patria.

Manuel María sempre, no brasón dos grandes homes que deu a Nosa Terra; dos inmensos escritores que erixiron como arma a palabra, a denuncia, a sementeira da decencia, o debate sen ruptura, a amizade como reencontro. En todas estas atribucións modélicas encontraremos o noso poeta en súa dimensión, de fronte e erguido.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía