A decadencia do rural galego - 09 Febreiro 2017

Case ninguén ignora o decadentismo que flaxela e devora o noso rural, a súa agricultura máis sostíbel, a cultura dinámica que deu corpo á personalidade de Galiza, como entidade e rango de nación. O drama da desfeita é visíbel, nese drástico descenso demográfico que manifesta abandono de centos de aldeas e parroquias que ficaron sen xente. Dunha xente moi especial que foi capaz de resistir as penurias e as marxinacións vindas deses modelos de Estado centralista e esmagador de calquera iniciativa que se dera ao seu marxe. Conmove a desatención do Estado e da Xunta de Galicia que, de maos dadas, posibilitan o dominio de estratexias  capitalistas que operan e dominan a oferta e a demanda, desde as grandes superficies e intermediarios que impoñen os prezos de compra e venta e, ademais, mercan produtos foráneos decapitando os autóctonos. 

A fraxilidade da economía agrícola galega débese a que non se impuxeron regras proteccionistas para os produtos galegos, partindo de leis moi concretas que saíran do Parlamento galego, e da incapacidade de deseñar unha agricultura moderna produtiva, e non deixar que decidan os monopolios que dominan e impoñen os prezos do leite, das carnes, do viño etc. O pulmón da nosa economía asfixiado por quen lexisla nun Parlamento autonómico con maioría absoluta, por parte dun partido que representa eses monopolios que fomentan a desfeita. Nesta dirección, non hai marxes para eliminar as barreiras das grandes empresas que deciden os prezos de produtos  galegos e non só.

O modelo de desfeita da nosa agricultura verificámolo na capacidade de organización dos poderes económicos nas súas decisións de estrangulamento de calquera proxecto agropecuario

O modelo de desfeita da nosa agricultura verificámolo na capacidade de organización dos  poderes económicos nas súas decisións de estrangulamento de calquera proxecto agropecuario intensivo e sendo pasivos con reformas agrarias, concentracións parcelarias e cooperativas capaces de fomentar a estabilidade dunha agricultura e dunha gandaría que respondan aos verdadeiros intereses dos labregos. Todas estas necesidades de adaptación ás novas directrices de mercado non tiveron un impulso proteccionista no que se precisa para esclarecer e determinar un sostemento produtivo por sectores de materias primas, puntualmente negadas polo tándem, goberno central e e goberno autónomo.

As consecuencias desa decadencia e desfeita do noso rural esclarecen a dependencia das forzas produtivas e dos medios de produción a ser homologados con outras fórmulas que verificamos no que o monopolio estatal determina para o resto do Estado español. Ignorar a diversidade en tantos conceptos administrativos, engadindo o da produción, non deixa de ser unha maneira consciente de sentenciar a territorios cunhas materias primas sustentábeis. Mais sen programación adecuada e capaz de ser de utilidade e motor de transformación. Neste aspecto, propiciouse a parálise, desmobilizando todo esforzo colectivo desde as diversas institucións gobernamentais, ignorando  as peticións dos sindicatos agrícolas e as forzas de presión que daban un veredicto certo e non poucas advertencias do que se estaba producindo coa deserción dunha agricultura de autoconsumo e baseada na máis pura tradición de dependencia. 

A ninguén estraña que a despoboación do medio rural continúe nun descenso implacábel, na que xa interveñen factores non só económicos. Digamos en sentido figurado: a grandiosidade identitaria do rural na Galiza parécese a esa circunferencia ou roda de bicicleta  que concentra  numerosos radios que a sustentan para que rode, o usuario permitiu non reparar aqueles radios en mal estado e a circunferencia dobregou e a roda deixou de rodar e ser útil en seu cometido. Unha alegoría que se pode aplicar a desfeita permitida.

Nos medios de comunicación, insistentemente, aparecen cifras desoladoras do descenso demográfico, do envellecemento da poboación e da ausencia de natalicios nas parroquias rurais. Ninguén ignora os problemas básicos que produce a fuxida multitudinaria do medio rural cara  rutas emigratorias. Este éxodo remítenos a esa eterna sangría que nos menciona Rosalía: “Éste vaise i aquél vaise, / e todos, todos, se van. / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar. / Tes, en cambio, orfos e orfas / e campos de soledad. / e nais que non teñen fillos / e fillos que non tén pais”. Velaí o drama de antes; velaquí o desespero de hoxe. E que fan os gobernantes para frear a desfeita? A resposta dos políticos é a de sempre, coñecémola todos. Eu respondería ao estilo do escritor portugués, Luiz Pacheco, cando lle preguntaron que lles diría aos gobernantes, el respondeu: “Puta que vos pariu”.

camilo gomez torres
De rebeldías, Soños e irmandades

coloquio homenaxe xose lois garcia
Libro Coloquio-Homenaxe

polas diversas xeografias da lusofonia 210x315
Polas diversas xeografías da Lusofonía