Compromiso e fidelidade de Rosalía coa Galiza oprimida - 22 de Febreiro de 2018

A dous días de celebrarse o 181 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (24 de febreiro de 1837), vén a ser unha data importante para celebrar a unha persoa de moi distintos significados e proxeccións en defensa dunha Galiza maltreita e asoballada, erguendo a súa voz insubmisa contra varias cuestións e problemáticas que soportou e soporta o noso pobo. Unha voz de actualidade e descuberta, que foi crítica con aquela problemática do século XIX, que lle tocou vivir. Rosalía aínda é actualidade en non poucas solvencias e arranxos dos vellos problemas que se deron no contexto vivencial do seu tempo, abastecéndonos de non poucas apreciacións, todas elas sumidas no lastre marxinal que podemos resumir en catro grandes bloques que transbordamos da súa poesía: a fidelidade identitaria de Rosalía coa Galiza; compromiso de Rosalía coa Galiza empobrecida; a emigración como desfeita permanente; e a intolerante opresión que soporta a muller galega. Catro cuestións que continúan ensombrecendo o panorama de actualidade na Galiza. 

Fidelidade identitaria de Rosalía.

A insubornábel identidade galega, que nos presenta Rosalía, ten varios vieiros e diversas connotacións que non limitan a verdadeira expresión nacional e non poucas directrices de opresión que nos aclara varios temas dun colonialismo camuflado e operante, capaz de alterar a idiosincrasia identitaria. A recorrencia mais exacta que nos dá Rosalía, para entender este problema colonial e identitario, desvélaa nos seguintes versos, tan coñecidos como recoñecidos: “Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, / que España de ti se olvida”. E prosigue: “Galicia, ti non tes patria, / ti vives no mundo soia, / i a prole fecunda túa / se espalla en errantes hordas”. A esperanza que prognostica a nosa poeta en dar plenitude e liberdade a Galiza, desta maneira: “antes que Galicia suba / ca cruz que o seu lombo agobia / aquel difícil camiño / que ó pe dos abismos toca, / quisais, cansada e sedenta, / quisais que de angustias morra”. Sabemos que Galiza subiu moitas veces co peso da cruz e das sombras, quizais aínda non chegamos ao peso fatal que nos elimine por medio da asimilación. As múltiples reiteracións que Rosalía fai das sombras, non deixa de ser unha premonición, froito da súa fidelidade identitaria. Cando un non goza dunha patria liberada, como a de Rosalía, pode dicir como ela: “Mais son pobre e, ¡malpecado!, / a miña terra n’é miña, / que hastra lle dan de prestado”. E aínda, ampliando mais este temario: “Sin ela vivir non podo, / non podo vivir contenta; / que adonde queira que vaia, / cróbeme unha sombra espesa”. As sombras rosalianas, no aspecto identitario e de autodefensa, son sorprendentemente terríbeis, e que ela administra e economiza en varios poemas que manifestan denuncia e liberación, tanto do individuo como do colectivo social e identitario galego.

Compromiso social de Rosalía cos marxinados.

No libro Los Precursores, de Manuel Murguía, publicado en 1886, un ano despois da morte de Rosalía, dedícalle a ela o último capitulo, titulado: “Ignotus” (descoñecido). Trátase dun neno mendicante que nos anos da fame na Galiza, que coincide cos famosas fames de Irlanda, avistou nas rúas de Compostela. O tráxico relato que Rosalía lle contou a Murguía é o seguinte: “Voy a contarte lo que presencié en Santiago en el tristísimo invierno de 1853, año fatal para Galicia, en que el hambre hizo bajar a nuestras ciudades, como verdaderas hordas de salvajes, hombres que jamás habían pisado las calles de una población, mujeres que no conocían otros horizontes que los que se extendían ante sus cabañas”. Rosalía continúa o relato do seu encontro con Ignotus: “Le cojí de la mano y subí con él, más contento que si acabara de hallar un tesoro. Entrele en la cocina, hícele tomar algunos alimentos, y aquel pobre niño sintió que la vida volvía a animarle. -Quien te trajo aquí, hijo mío? -Nadie! Murió mi madre que andaba a pedir. Qué hacías a la puerta? -nada! -No pedías? -No señora. Me puse a silvar como hacía en la montaña para que nos diesen pan. Pero nadie se acordó de mi”. Brutal experiencia para a adolescente Rosalía que contaba con dezaseis anos. Un tema moi relevante para tomar decisións e gardar ese encontro coa miseria no seu imaxinario e tomar partido en favor dos marxinados. Pode que o infante Ignotus abriulle varios relatos da fame, da marxinación e mesmo do que para ela significou as farturas do rico e as fames do pobre. No poema “25” de Cantares Gallegos, fala do pobre Vidal, e vibran eses versos que están en consonancia coa figura de Ignotus, mais que de Vidal. A lembradoira imaxe do neno montañés pola rúas de Compostela, aparece de novo no citado poema: “Orfo ende que nacera, a sorte triste / déralle por herencia o desconsolo, / coa negra soledá, que ó pobre asiste; / naide na terra se topou tan solo / de canto en polvo terrenal se viste”

Vidal é o home pobre que Rosalía nos dá a medida del, por ser menos pobre que Ignotus, nestes versos: “Tiña por casa un cortelliño escuro, / tiña por leito o chan humedecido, / por cubirtor a neve e vento duro / que entraba polas fendas arresido”. Mais convén detectar a dimensión da nosa poeta nacional na configuración da loita de clases e partindo do dualismo, representado por pobres e ricos. O seguinte poema está configurado por esa opresión de clase. Por unha banda está o amplo contexto dos pobres e, pola outra, os representantes de Deus e os banqueiros: “Que é triste o rostro da mortal pobreza / que entre ximidos e dolores nace, / i hastra a hermosura ven cando riqueza / co seu mirar risoño nos comprace; / presta o diñeiro encanto gentileza, / i un Dios o mesmo demo se tornase (o subliñado é meu) / si tomando figura de banqueiro / remexe diñeiro e mais diñeiro”

Convén detectar a dimensión da nosa poeta nacional na configuración da loita de clases e partindo do dualismo, representado por pobres e ricos

No poema "Vanidade", Rosalía é belixerante na defensa da infancia empobrecida que ela contemplou na súa Compostela natal e no resto da Galiza. A presenza de tantos Ignotus fai que non sucumba en utilizar a arma dos versos en favor deles. Neste sentido, a denuncia é constante: “Tembra un neno no húmido pórtico... / Da fame e do frío / ten o sello o seu rostro de anxel, / inda hermoso, mais murcho e sin brilo. (...) Coma can sin palleiro e sen dono, / que todos desprezan, / nun corruncho se esconde, tembrando, /  da dura escaleira”. Este poema está asistido pola metáfora e pola crítica aberta contra os promotores da pobreza e o analfabetismo, cando di: “E mentres que el dorme, / triste imaxe da dor i a miseria, / van e ven ¡a adoraren ó Altísimo, / fariseios!, os grandes da terra, sin que ó ver do inocente a orfandade / se calme dos ricos a sede avairenta”. O contencioso rosaliano continúa a dar gadoupadas, a todas as direccións, contra os poderes opresivos, tanto nos libros poéticos como na novela La hija del mar.

O caudal de recursos de crítica e denuncia de Rosalía móstranos que a degradación do ser humano por medio da pobreza ten que ver co enriquecemento dos mais poderosos. Poemas que nos aclaran temas infrahumanos e de subsistencia da Galiza do século XIX. Rosalía foi a precursora de salientar unha poesía de denuncia e de encarar o verdadeiro protagonista dos oprimidos e dos opresores. Neste sentido, constátanse varios episodios sobre a pobreza, como no IV apartado: “Da terra” e no poema “¡Calade!", de Follas Novas, onde se proclama o valor que ten para un pobre a casa. O fecundo relato dunha muller pobre que comeza así: “Vin de Santiago a Padrón / cun chover que era arroiar, / descalciña de pé e perna, / sin comer nin almorzar”. Un poema ben coñecido polos lectores de Rosalía; unha crónica moi especial onde se especifican varios temas nos que se envolve a miseria. Ao final da andaina, a muller ponse a cantar xubilosa de ter un casa, a cantiga popular: “Meu lar, meu fogar, / ¡cantas onciñas / de ouro me vals!” Certo, Rosalía evoca o valor e o significado da casa que ten para un pobre. A casa, como identidade e núcleo de resistencia, é a primeira nación para os galegos. Esa proclama que fai da casa, non é inocente nin gratuíta no pensamento de Rosalía.

O caudal de recursos de crítica e denuncia de Rosalía móstranos que a degradación do ser humano por medio da pobreza ten que ver co enriquecemento dos mais poderosos

No poema de Follas Novas “¡Terra a Nosa!”, maniféstase o desespero do pobre: “O forno está sin pan, o lar sin leña, / non canta o grilo alí / e se non é coa pena que o consome / o pobre sóio está co seu sufrir”. A cuestión non pode ser outra: "¡Qué deixar a terra en que naceu  i a casa / en que espera ter fin”. Rosalía vai directa a un dos problemas centrais, a toma de conciencia que nos faga espertar ante os agravios que se configuran en derrota: “¡Ei, Galicia, a que dorme soños de anxel, / e chora ao despertar / bágoas que si consolan as súas penas, / non curan os seus mals!”.

Se Rosalía revelou varios temas da pobreza tamén nos administrou rebeldía para plantar cara ao desorde dos poderosos e das institucións nese poema tan actual e revolucionario como é “ Axusticia pola man”, un relato poético sobre unha muller plena de coraxe, ante a miseria e a delincuencia do poder opresor e que ela dicide lexitimar a insurrección. Este poema, tan coñecido e valorado, vai alén da denuncia e de complexos morais e relixiosos. Unha opción límite e valerosa desa muller que se repón a inxustiza: “Mireinos con calma, i as mans estendidas, /  dun golpe, ¡dun sóio!, deixeinos sin vida”. No final de Follas Novas, está o poema “¿Por qué?”, paralelo ao poema “A xusticia pola man”, coas mesmas connotacións de extorsión por parte dos alguacís que cobraban os impostos do Estado, violentando a labregos empobrecidos. Mais neste poema, a moderación de María, a protagonista, só crea barafunda e as súas palabras as levou o vento. Rosalía expón dúas modalidades individualizadas de comportamento, a violencia efectiva e a moderación que non é resoluta en arranxar problemas. 

A emigración como desfeita do pobo galego, na poesía de Rosalía.

A deprimente pobreza que asolou a Galiza do século XIX, buscou un escape na emigración. Rosalía estivo atenta ao éxodo galego e implicouse en describilo e denuncialo. Considerando a emigración como a sangría mais devastadora e de despoboación do rural galego: “Galicia está pobre, / i á Habana me vou... / ¡Adiós, adiós, prendas... / do meu corazón!” // “¡Van deixala patria...! / Forzoso, mais supremo sacrificio. / A miseria está negra en torno deles, / ¡ai!, ¡i adiante está o abismo...!” Na poesía de Rosalía podemos clasificar dúas emigracións, unha temporal e dentro do Estado español, a Castela, e outra de longa duración con destino a América, e da que tantas veces os emigrantes non retornaron. A emigración temporal realizárona os segadores con dirección ás searas de Castela. Rosalía coñecía a situación deprimente con que eran tratados estes xornaleiros temporais e a denuncia, contra os terratenentes -non contra todos os casteláns-, non tivo espera: “Foi a Castilla por pan, / e saramagos lle deron; / déronlle fel por bebida, / peniñas por alimento”. Un poema de longo percorrido e ben coñecido por todos, onde describe o maltrato e a anguria que soportan os segadores. Nesta época, Eduardo Pondal foi moi crítico co comportamento que se lles facía aos segadores galegos nos campos de Castela. 

Neste contexto, Rosalía apunta á emigración galega de servidume en Madrid, que ela coñece puntualmente, por vivir longa tempada na capital do reino, onde se casa con Murguía. Esa emigración doméstica nutrida por criadas de servizo e de amas de cría galegas, tan controladas como sometidas ao duro ferro da incomprensión, deron materia poética a Rosalía para denunciar tais situacións un tanto personalizadas: “Castellana de Castilla, / tan bonita e tan fidalga, / mais a quen para ser fera / ca procedencia lle basta” // “Din que na nobre Castilla / así aos gallegos se trata; / mais debe saber Castilla, / que de tan grande se alaba, / que sempre a soberbia torpe / foi filla de almas bastardas”. Rosalía non esquece o vilipendio tradicional que se facía contra estas serventas domesticas en Madrid, tan utilizadas como protagonistas dun teatro bufo cortesán que escribiu Cervantes, Lope de Vega, Calderón, Quevedo, entre outros. O lustre da chamada “Edad de Oro” literaria utilizaron os galegos como esperpento da risada madrileña, exhibindo as criadas e mandadeiras como ridículo e mediocridade da incultura. Xa no século XVIII, o Cura de Fruíme deu axustadas denuncias contra o que se dicía dos galegos en Madrid. Mais Rosalía foi enormemente consecuente de facer unha crítica moi puntual sobre os comportamentos e o maltrato verbal contra os galegos. Castela foi para a nosa autora un árido deserto, nos seus espazos como na súa xente: “Unha tarde alá en Castilla / brilaba o sol cal decote / naqueles desertos brila. // “¡Adonde vin a parar! / pensaba mirando o ceo / para a terra non mirar”.

Contundentes versos para meditar sobre un país desordenado e oprimido por tanta confusión que o poder central nunca tratou de erradicar

A emigración a América tiña unhas connotacións moi duras, polo descoñecemento dos países e pola longa travesía atlántica e a separación cos eidos nativos, por parte dos emigrantes. Neste caso, Rosalía incide na depresión social da Galiza que provoca a emigración: “Este vaise i aquel vaise, / e todos, todos se van. / Galicia sen homes quedas / que te poidan traballar. Tes, en cambio, orfos e orfas / e campos de soledad, e nais que non teñen fillos / e fillos que non teñen pais”. Contundentes versos para meditar sobre un país desordenado e oprimido por tanta confusión que o poder central nunca tratou de erradicar. O drama desesperante daquela emigración a América ten nos versos de Rosalía notorias testemuñas infrahumanas, como se explica na espoliación dos emigrantes que teñen que vender seus enseres para pagar a viaxe: “Vendéronlle o carro / i as leiras que tiña; / deixárono sóio / coa roupa vestida”. E ir por esa “mar traidora” por onde navegaron miles e miles de galegos  en “naves soberbas”: “I ¡ai!, como nelas navegan / os fillos das nosas costas / con rumbo á Amériva infinda / que a morte co pan lles dona, / desnudos pedindo en vano / á patria misericordia”. A despedida de “Adiós ríos; adiós, fontes”..., é un expoñente que clarifica a posición dos emigrantes galegos, no intre de deixar a patria nativa, como a poeta subliña: “Téñovos, pois, que deixar, / hortiña que tanto amei, / fogueiriña do meu lar”.

Esa patria galega que ten un fondo sentido de amor e lembranza para os emigrantes que tantos deles podían dicir o mesmo que Rosalía: “Sin ela vivir no podo, / non podo vivir contenta; / que a donde queira que vai, / cróbeme unha sombra espesa”. O peso das sombras rosalianas non deixa de amantar esa nostalxia que brinda que o pensamento continúe instalado no aquecer da patria. Nesta dirección, Rosalía promociona a saudade e ponlle linguaxe aos sentimentos dos que están en terra allea: “Algúns din: ¡miña terra! / Din outros: ¡meu cariño! / I éste: ¡miñas lembranzas! / I aquél: ¡os meus amigos! / Todos sospiran, todos, / por algún ben perdido”. Non sempre o emigrante tivo éxitos ou chegou a concretar as súas aspiracións de “facer as Américas”. O relato de Rosalía é dramático, sobre ese suposto matrimonio, que el parte e ela fica: “Os dous da terra lonxe / andamos e sufrimos, ¡ai de min! / Mais ti tan sóio te recordas dela, / i eu, dela e mais de ti. / Ambos errantes polo mundo andamos / i as nosas forzas acabando van”. O regreso dos emigrantes derrotados que non tiveron éxitos, invadidos pola saudade que manifestaba e marcaba os lonxes da terra nativa. Estes versos dan a medida do peso das sombras rosalianas: “-¿Xa estás de volta, Rosa de Anido? / ¡Eu non coidara verte tan cedo! / I as meigas todas contigo, Rosa, / aló na vila seica andiveron, / que de difunto tes a colore / i a vista brava, i o falar seco. / -É que de pena, da terra lonxe, / Pouquiño a pouco me iba morrendo; / mais... colorosa me verás logo, / que agora vivo porque te vexo”. Ese longo e existente problema, como é a emigración galega, tantas veces organizada polo propio Estado, como medio e fin de especulación de divisas e, tamén, de desintegración da sociedade galega. Cando vemos casas e lugares enteiros esborrallados, a emigración está aí presente nese abandono, que Rosalía mostrou: “¡Casa grande, triste casa, / quen de aquí tan soia miro, / parda, escura, triste masa! / ¡Casa grande, pasa, pasa...! / ¡Ti xa n’es más que un sospiro!”

Rosalía, a precoz defensora das mulleres da Galiza.

Basta ler o prólogo que Rosalía escrebe para o poemario de Follas Novas, e decatarnos desa contundente e puntual defensa das mulleres do seu tempo, as viúvas de vivos e mortos. Desconsoladas vítimas da opresión dos homes e do propio Estado, dous axentes alienantes que forneceron tanta marxinación e desigualdade de xénero. Rosalía entendeu o problema da muller ignorada e encarouse a el: “¿Quén eres fada sin nome / de tan dormentes miradas, / de tan dorida sonrisa, / de feituriña tan cándida? // Mais, de onde queira que seas, / tristísima pasionaria. // Mais dime: ¿por qué estás muda? / Di por qué estás solitaria, di por qué vives nos montes / cos paxariños que cantan, / mentras ti choras e choras / ó pe dun olmo sentada”. A muller maltratada ten varios referentes na obra de Rosalía, como este: “¡Ai, que ó verme chegar tan maltratada, / chorosa, sin alento e ensangrentada, / darán en se afrixir, malpocadiños, / por súa nai malfadada”. A opresión das mulleres ten moitas caras de horror na agresión verbal: “Non cantes, non chores, non rías, non fales, / nin entres, nin sallas sin mo preguntare. / ¡Válate San Pedro con tanto gardarme!” Nestes sucesos, a nosa poeta chama a que a muller coraxe colla a fouce de autodefensa, como no poema “A xusticia pola man”. 

Os atributos con que se revestiu a Rosalía feminista foi a enteireza e a indagación dunha fonda historia de maltratos e marxinacións

Outra das exposicións sobre a muller maltratada xira ao redor de asumir o maltrato e inculpándose. Neste contexto extraemos un diálogo poético moi interesante que Rosalía teceu: “-¡Como venden a carne no mercado, / vendeute o xurafás! / -Pero qué importa ó fin que me vendese, / si eu n’o podo olvidar! // -Cal se pisan as herbas, el pisoute... / ¡Ódiate! ¿E n’o odiarás? / -Anque me odie, e me pise, e me maldiza, / heillo de perdoar”. A estas incomposturas tan irracionais asoma a face masoquista. Os atributos con que se revestiu a Rosalía feminista foi a enteireza e a indagación dunha fonda historia de maltratos e marxinacións que acurralaron e anularon a liberdade da muller, en todas as súas expresións. A coraxe de repulsa de Rosalía contra tantas malfeitorías que soportan as mulleres  maltratadas, ten un valor interesantísimo para os actuais tempos. Neses exemplares relatos, optou dunha maneira clara e insubornábel, pola liberdade de todas as mulleres que sofren opresión, para que ergan a voz e o puño. Rosalía sempre! En todas as súas referencias de vida exemplar. Como galegos, reivindiquemos a certeza da súa palabra.